''E todo iso é pirola?''

"E todo iso é pirola?". A personaxe protagonista, Lorena, comeza así unha das escenas da que vai ser o primeiro filme X en galego, feito en código aberto e cuns guionistas de luxo. Diego Ameixeiras, Iolanda Zúñiga, Xabier Cid, Begoña Paz e Alejandro Tobar, todos eles escritores de renome, crearon un script que Tobar describe como "bastante retranqueiro e moi galego". "O porno de calidade tamén zugará, foderá e exaculará nun galego real, bonito e comprensible" en verbas de Tobar.

"Presentamos unha protagonista liberada e que goza da súa sexualidade" aclara o escritor lucense ao preguntarlle polo guión. Din fuxir do sexismo e editarán dúas versións distintas da mesma longametraxe para chegar ao maior público posible. "Faremos unha versión máis erótica mais non renunciaremos ás escenas de sexo explícito", asegura Tobar. Levaron a cabo o guión de xeito coordinado entre os cinco creadores que deseñaron a trama.

A actriz principal será a coruñesa Yara Lamas e a obra contará tamén coa presenza da estrela do porno galego Totó García, quen afirma sentirse "moi motivado" e subliña que foi un proxecto que sempre quixo levar a cabo coa súa produtora "mais non é fácil xuntar un equipo tan bo coma este". Totó encargarase ademais dos castings aos actores e achegará material para a rodaxe e un fotógrafo.

Ademais contan coa colaboración de Matías Nicieza, que exercerá de montador e Monti Castiñeiras, coñecido actor nas series galegas, quen será a voz do narrador. No apartado de fotografía contan con Eduardo Portela e Adrián Estévez; e Mónica Ares, con experiencia en espazos da TVG, será a axudante de dirección. En canto á música, será a voz da mezzosoprano Lucía Vázquez a que soe como banda sonora. Por outra banda, Bené Riobó encargarase do son e Héctor Barro das ilustracións. Porén están abertos a todo aquel que queira achegar o seu gran de area para levar adiante o proxecto.

Polo de agora, xa se pode gozar do texto na páxina web do filme. O guión consta de seis escenas nas que se narran as aventuras sexuais dunha emigrada retornada, Lorena, á súa volta a Compostela, entre as que se inclúe unha felación no cuarto de baño dun aeroporto, unha escena lésbica, ou sexo anal nunha sacristía entre unha parella en trámites de casar.

En canto ao título da peza audiovisual, Tobar asegura que tras unha tormenta de ideas entre os guionistas xurdiron nomes coma Fodas Novas, nunha chiscadela a Rosalía de Castro e posteriormente O divino ferrete, en referencia á obra de Curros Enríquez e facendo fincapé no anticlericalismo que tamén se pode deducir do texto.

Software Libre

A idea xurdiu na organización virtual GalegoLab a través dunha iniciativa de Alejandro Tobar co fin de ampliar a presenza do galego en todos os ámbitos sociais."Estou seguro que hai moitos galegos que pensaron algunha vez que cunha película porno solucionabamos o tema da normalización", afirma o guionista entre risos. A idea colleu corpo e pouco a pouco o proxecto botou a andar por si só e "independizouse de GalegoLab".

O divino ferrete é unha iniciativa con licenza Creative Commons, baseadas no principio de Sofware Libre, que facilitan un modelo legal para a exposición de contidos na internet. Tobar declara que escolleron esa vía por considerala "un formato de progreso" e que utilizarán todos os soportes de código aberto, porque, en boca de Tobar, "pagar como o fai a nova Xunta non ten ningún sentido".

Os cartos poden ser unha barreira ou unha porta aberta para un filme de baixo presuposto coma este. Malia aforraren en licenzas, pois van utilizar en toda a produción programas de código libre, faltan 2372 euros para custear a longametraxe. Dende a organización do filme, contan con reunilos. "O 23 de outubro temos unha reunión en Compostela e trataremos de que vaia o maior número de persoas posible co fin de coordinar a realización da película e buscar outras vías para o pagamento", afirma o escritor afincado en Dinamarca.

"Unha das cousas que venden é a pornografía, non hai dúbida", recalca Tobar e continúa afirmando que "a lingua ten que estar en todos os apartados da vida e no cinema X estaba ausente". O coordinador da iniciativa manifesta que todo o equipo participante está moi comprometido e que todos se mostraron encantados coa idea.

Alejandro Tobar, que vive na actualidade en Copenhaguen, confesa non sentir ningún reparo en que o seu nome se relacione coa pornografía pois "todos os que tomamos parte de O divino ferrete, o tratamos sen complexos".

Comentarios