Miércoles. 19.06.2019 |
El tiempo
Miércoles. 19.06.2019
El tiempo

O 'incendiador' de camiños

Salvador Sobral e Lois Pérez coincidron na gala aRi(t)mar. TWITTER
Salvador Sobral e Lois Pérez coincidron na gala aRi(t)mar. TWITTER

Oíase ao lonxe un mar de fondo, o das mil persoas que antonte ateigaron o Auditorio de Galicia en Compostela, na Gala dos Premios aRi[t]mar Galicia e Portugal 2018 de música e poesía en galego e portugués.

Comecei a escoitar un blues de piano ao outro lado da parede do meu camerino, namentres afinaba a miña guitarra. Un par de horas antes na proba de son, xa riba do escenario, coñecín ao Salvador Sobral. O músico e cantante portugués -gañador de Eurovisión o ano pasado por esa marabilla titulada "Amar pelos dois"-, aparecéusenos coma un rapaz de pelo curto, sorrinte e observador, de mirada curiosa e afábel no trato.

Saín ao longo corredor do backstage buscando ese blues. Unha feble luz violeta e azul insinuaba portas de emerxencia e o reloxo en vermello anunciaba que xa só quedaban cinco minutos para comezar. Abrín a porta do camerino contiguo e puiden ver o pianista galego Abe Rábade interpretando un blues que non atinei a identificar, probabelmente de Erroll Garner, baixo a mirada divertida do Sobral, improvisando fraseos e xiros de ton a cada compás.

Interromperon o improvisado ensaio. Fomos na busca do Alexandre Brea, outro dos poetas premiados e, canda as rapazas de A Banda da Loba, Alba Díaz botounos algunhas fotos de grupo, antes de que comezase a gala.

O grupo portugués Cantos D"aquí abriu o espectáculo con "As sete mulheres do Minho". Despois sucedéronse as proxeccións e recollín o meu premio, con algo de humor e algunha alusión a Mia Couto. Habitar e transitar as linguas coma se fosen infindas axencias de viagems, para mellor ser.

Quentamos un pouco o ambiente coa guitarra, recitando algúns poemas e convidando a cantar ao público. Gozamos co talento e a música de A Banda da Loba e chegou o momento de Sobral, acompañado ao piano polo Abe.

Presentouse coma un "galego do sul" e ruxiu o Auditorio. Despois aconteceu un incendio silencioso de abandono á arte: soaron Amar pelos dois, Presságio, e unha fermosísima versión de Eu en ti, o poema de Celso Emilio Ferreiro.

Salvador Sobral pousábase sobre cada nota coma un neno argallando unha trasnada, camiñando polo escenario falando só, emitindo estraños ruídos por onde retornaba de novo á canción.

O pianismo fantasioso e preciso do Abe fundíase nas breves danzas tribais do xenio portugués, que non se privaba de facer percusións coas mans no interior do piano. O público asistía enfeitizado ao ritual e ergueu ao final para aplaudir a rabiar.

Pero, sendo marabilloso, a noite reservábanos algunha sorpresa máis. Brindamos fraternalmente e saudámonos no vestíbulo coas amizades e os coñecidos. Despois, da man da Uxía, o oráculo da música galega, soubemos da cuestión: habería de madrugada unha jam session sorpresa a cargo do Salvador Sobral e do Abe Rábade. Namentras agardabamos o transporte, outra pasaxe inesquecíbel: Xaime Torres e Moutinho, dous dos veteranos músicos portugueses lembráronnos a primeira vez que viñeran tocar a terras galegas co Zeca Afonso.

Atravesamos o caudal de xuventude da noite santiaguesa ata descender polas escaleiras do Dado Dadá Jazz Club. Resolta a cuestión da sede, sentamos e apareceu o Sobral canda o seu escudeiro da noite ao piano. Interpretou varios estándard do jazz, amosando un coñecemento minucioso da materia; sentouse ao piano, imitou erros de son; no solo do contrabaixista dixo "pueden hablar, sólo está sonando el bajo".

Salvador abandonaba a canción, erguía e collía o micro; brincaba co seu transplante de corazón. Contou que coñecera a muller do home que llo doara. Fora en Huelva. Díxolle á señora que xa que el levaba o corazón do seu home, terían que ser parella... Un verdadeiro showman. E sen nos decatar xa estabamos noutro incendio xenial deste artista xenuíno e desbordante.

Contaba o mozambicano Mia Couto o que facía aló a xente do rural en tempos; incendiaban os cruces de camiños para poderen volver á casa logo das infindas roldas de visitas ás aldeas da veciñanza. Hai noites que son coma un cruce. Son tantos os camiños que é difícil volver do mesmo xeito que un foi. A lusofonía é un territorio libre e incerto, sempre interesante, aberto á mestura. A min pareceume ver neste rapaz un deses incendiadores de camiños, cando cantou por segunda vez na noite os versos do Celso Emilio: "Eu xa te busquei/ cando o mundo era unha pedra intaita/ Cando as cousas buscaban os seus nomes/ eu xa te buscaba".

O 'incendiador' de camiños
Comentarios