El Instituto de la Mujer conmemora el 125º aniversario de la muerte de Rosalía de Castro

O Instituto da Muller conmemorará o 125º aniversario da morte da poetisa Rosalía de Castro cunha serie de actos cos que pretende "destacar o relevante papel da autora na defensa dos dereitos das mulleres e como precursora do movemento feminista".

No marco destas xornadas, celebraránse unha serie de conferencias en Madrid e Galicia que analicen a vida e obra da literata galega dende o punto de vista da reivindiciación da figura da muller e a súa repercusión na literatura. En canto á vida da autora de Follas Novas, farase un repaso das dificultades que a mesma Rosalía de Castro tivo que superar pola súa condición de muller e escritora.

Á par, o Instituto da Muller editará un cartaz especial cunha fotografía da autora, cedida pola Fundación Rosalía de Castro, acompañada da seguinte cita extraída da súa primeira novela, escrita en castelán en 1859, La hija del mar: "Porque todavía no les es permitido a las mujeres escribir lo que sienten y lo que saben".

A imaxe da figura máis sobresaínte da literatura galega e española será distribuída en organismos públicos, bibliotecas e locais sociais e culturais, cunha tirada de 2.000 exemplares.

Rosalía de Castro escribiu en galego e castelán e é máis coñecida pola súa obra poética, con títulos sobranceiros da literatura galega como Cantares Gallegos, na que a poetisa de Padrón reivindica a riqueza da lingua galega nun tempo no que se atopaba socialmente desprestixiada. Outras das súas obras de relevancia son Follas Novas, de carácter máis intimista, ou En las orillas del Sar.

Estes actos enmárcanse dentro dos obxectivos do Instituto da Muller de recuperar e manter vivo o coñecemento da achega das mulleres na literatura, no caso de Rosalía de Castro, mais tamén en todas as áreas da sociais.

A obra da autora, que morreu na localidade coruñesa de Padrón en 1885, foi traducida a numerosas linguas, e é obxecto de moitos estudos literarios a nivel internacional. Xunto con Gustavo Adolfo Becquer, é considerada a maior representante do postromantismo español e unha precursora da modernidade.

Comentarios