domingo. 07.06.2020 |
El tiempo
domingo. 07.06.2020
El tiempo

"O noso obxectivo é que Pontevedra faga seu este festival de cine"

Os responsables do festival, ultimando o evento
Os responsables do festival, ultimando o evento
A homenaxe a Matías Piñeiro e a proxección das pezas dos alumnos de Oliver Laxe inauguran este martes Novos Cinemas

Coa proxección das pezas realizadas polos alumnos do seminario Correntes, impartido por Oliver Laxe no Campus Universitario, (18.00 horas, entrada libre) dá comezo este martes a segunda edición do Festival Internacional de Pontevedra Novos Cinemas. "Un dos retos máis importantes para nós este ano foi precisamente reforzar o apartado formativo", conta o director artístico do festival, o cineasta Ángel Santos. "Este apartado, ao que chamamos Aula, foi un dos que lle demos máis empaque. Inclúe unha chea de traballo que se fai durante todo o ano e que desemboca no festival".

"A nosa aposta pasa por seguir traendo filmes á cidade que sabemos que doutra maneira non chegan", explica Ángel Santos

Hai máis retos de cara a esta segunda edición. "O noso grande obxectivo é consolidar o festival. Para iso, queremos chegar ao maior número posible de espectadores para que Pontevedra acabe facendo seu este festival de cine".

Para acadar ese obxectivo, os responsables do evento traballaron na composición dunha programación dividida en varias seccións e que inclúe unha chea de estreas. "A nosa aposta pasa por seguir traendo filmes á cidade que sabemos que doutra maneira non chegan. Un exemplo é Mimosas, de Oliver Laxe, que aínda non se viu en condicións en Pontevedra". Neste sentido, Santos destaca a relevancia dunha nova sección, Latexos, que reúne catro títulos de orzamento mínimo e factura case artesanal, un deles estrea mundial. "Foi algo do que nos decatamos o ano pasado: había moitos traballos que non cabían na sección oficial e era importante que estivesen".

O festival inaugúrase este martes tamén coa proxección da última película do arxentino Matías Piñeiro, Hermia & Helena (21.00 horas, entrada libre), ao que homenaxea o festival a través dunha retrospectiva. "O primeiro ano trouxemos a José Luis Guerin porque buscabamos unha aposta sobre seguro para empezar a camiñar", explica Ángel Santos. "Pero Matías Piñeiro ten moito que ver co noso concepto de Novos Cinemas. É un realizador moi interesante de menos de 40 anos que leva seis filmes. Ademais, é un docente que imparte clases en Nova York e queriamos contar aquí cun dos seus seminarios".

"O noso obxectivo é que Pontevedra faga seu este festival de cine"
Comentarios