"O obxectivo aínda queda lonxe"

Catro títulos na rúa. Unha homenaxe a Charlie Hebdo. Máis dun cento de alumnos que pisaron as súas aulas e aprenderon a facer cómic da man de mestres como Miguelanxo Prado. A escola de banda deseñada Garaxe Hermético, unha idea tola de Kiko da Silva, cumpre catro anos
Kiko da Silva
photo_camera Kiko da Silva

DÁ IGUAL que non se coñeza a Castelao. Esta é unha homenaxe dende a contemporaneidade. "Esta banda deseñada está pensada para todo tipo de lectores, mesmo para os que descoñecen completamente de quen estamos a falar", explica Kiko da Silva (Vigo, 1979). ‘O retrato’ é un cómic realizado pola escola O Garaxe Hermético para celebrar o centenario da chegada de Castelao a Pontevedra. E para celebrar tamén que o centro que o fai cumpre catro anos. Entre os fitos desta escola, un claustro composto polo propio Da Silva, Miguelanxo Prado, Fernando Iglesias, Fran Bueno, Miguel Porto e Rodrigo Cota, e unha colección de catro títulos publicados (‘Noveno’, ‘A vila dos debuxantes do Norte’, ‘A banda de Moebius’ e ‘221 BD’) ademais da homenaxe ao semanario francés Charlie Hedbo tralos atentados que sufríu en 2015, ‘Eu son Charlie’. Como naquela ocasión, O Garaxe Hermético alíase agora con Diario de Pontevedra para lanzar á rúa ‘O retrato’. Desta volta a homenaxe é para Castelao.

Que balance fai destes anos?
A escola foi para todos unha experiencia nova. Por primeira vez puxémonos a deseñar un temario e un plan de estudos sobre banda deseñada en Galicia. Co tempo fómolo pulindo todo. Non hai unha fórmula para crear artistas. O que hai son persoas con distintas inquedanzas e necesidades. Niso traballamos.

Estanse a cumprir os obxectivos que se marcou cando creou O Garaxe Hermético?
O obxectivo aínda queda lonxe. Porque o obxectivo é conseguir que haxa un relevo xeracional continuo. Ata o de agora, entre un grupo de autores galegos e outro podía haber dez anos de diferenza. A miña xeración é o relevo da de Fernando Iglesias e a del da de Miguelanxo Prado. Porque se teñen que dar moitas circunstancias para que apareza unha xeración por casualidade. A formación racha esa tendencia aleatoria e converte os relevos nalgo natural que sucede permanentemente. Se queremos falar o día de mañá dalgo que agora mesmo non existe, unha industria de banda deseñada galega, o primeiro que temos que facer é formar ben ás xeracións que veñen detrás, para que teñan todo iso gañado e poidan aspirar a vivir do seu traballo. E aquí chegamos a un dos grandes problemas que ten a cultura galega en xeral: existe moi pouca profesionalización. E isto ten que ver con esa opinión xeneralizada de que do arte non se vive. E ten que ver co tema das subvencións, con esa tendencia da subvención cultural mal entendida.

Non hai moitos artistas que digan algo como iso.
Ao meu parecer, con respecto ao diñeiro público que se inviste en arte e en cultura, non se están a tomar decisións dende un punto de vista estratéxico. Fáloche dunha aposta real polo traballo dos creadores, pola industria cultural e polo negocio, porque á fin e ao cabo isto é un negocio e ten que funcionar economicamente. Se non, malo. Como outros sectores. As axudas públicas son útiles, por suposto, pero baixo o meu punto de vista sono moito máis se se empregan para promocionar o que se está a facer en Galicia.

"A banda deseñada en Galicia segue a estar rodeada de prexuízos non manifestados, calados, pero que están aí"

E non se promociona a cultura galega suficientemente?

Hai moi pouca promoción da cultura galega. Moi pouca. Na mesma televisión pública, por exemplo, só hai un programa cultural, que é o Zig Zag, que se emite na segunda canle e na que se fala un pouco de todo a través de pequenas pílulas informativas. Quizais o maior problema que ten a cultura galega a nivel estratéxico xeral é que o comprador, o consumidor, non sabe que existe. Despois queixámonos de que nos machacan as multinacionais. Pero é que non hai xeito de saber que se está producindo máis alá do empeño persoal de francotiradores que abren blogs. Igualmente, chama a atención que exista en Galicia un organismo adicado a defender as industrias culturais [Agadic] no que non está presente a banda deseñada e que non inviste un peso nela. A min resúltame bastante sorprendente, tendo en conta o impacto dos nosos autores fóra de Galicia, quizais moito maior que o doutros sectores. Pero, en realidade, a banda deseñada segue a estar rodeada de prexuízos non manifestados, calados, pero que están aí. Outro exemplo: eu intentei formar parte da Asociación Galega de Editoras dúas veces sen éxito. Podes formar parte dela se publicas carpetiñas de partituras, pero non se publicas unha revista como ‘Retranca’.

Hai unhas semanas, neste xornal, profesionais do sector cultural demandaban políticas estratéxicas de apoio, algo que os políticos, uns días despois, contestaban que xa se estaba a facer.
Efectivamente, se se entende a cultura como un ben público, gratuíto e que non ten nada que ver coa empresa e co negocio, si, iso está moi apoiado e fomentado. Pero eu son dos que pensa que iso non chega. E sei que isto é moi complicado porque a relación entre o privado e o público e moi delicada. Pero se se lle axuda á automoción sen crear ningún tipo de polémica, non sei por que non se pode axudar á industria cultural sen que botemos as mans á cabeza. Cando os creadores galegos, por exemplo, traballamos en clara desvantaxe cos que traballan en linguas maioritarias. No canto de axudalos, aquí machacamos aos autores pagándolles unha miseria, cando se lles paga. Claro, marchan. Estamos a ter o mal do minifundismo cultural. A día de hoxe faise practicamente imposible producir cultura en galego.


Con ‘O retrato’, a escola celebra o seu aniversario e tamén reivindica a Castelao como debuxante.
Se analizamos seriamente a obra de Castelao, máis alá da figura e do seu halo intocable e ‘intachable’, concluímos que era moi bo debuxante, moi bo caricaturista e moi bo acuarelista. E ese ‘moi bo’ non se lle pode poñer a outras facetas, por exemplo, a pictórica. Tamén tocaba instrumentos, pero ninguén di que era un bo músico. A proba do que digo está en que fóra de Galicia é coñecido fundamentalmente por caricaturista, non por político e non por pintor. Era un marabilloso debuxante e tiña un talento especial á hora de traballar coa liña. E sabía usar todo iso para lanzar unha mensaxe. O mesmo El Roto bebe directamente dese tipo de humorismo. Porque el non facía humor, facía humorismo, ese tipo de humor gráfico que vai un pouco máis alá e xa non te fai rir, senón que te fai pensar.

Comentarios