O pontevedrés Andrés Simal gaña o premio Curuxa Nova

O alumno do Garaxe Hermético xa se fixera o ano pasado co Álvaro Cebreiro de caricatura

O debuxante pontevedrés Andrés Simal, de 14 anos e alumno da escola de banda deseñada O Garaxe Hermético, vén de gañar o premio Curuxa Nova, que concede o Museo do Humor de Fene. Así o decidiu o xurado do XXI Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor, que entrega dous galardóns, o de Simal, para autores de menos de 25 anos, e o galardón absoluto, que este ano recaeu en Borja López Cotelo.

O xurado dos Curuxa estaba conformado este ano polo alcalde de Fene (A Coruña), Juventino Trigo; polo concelleiro de Cultura, Justo Martínez; polos debuxantes Xosé Lois González Vázquez ‘O Carrabouxo’, Alberto Cardona Valcárcel (gañador do 1º premio categoría Curuxa 2016) e Cristian Fojón Caruncho (gañador do 1º premio categoría Curuxa Nova 2016); pola coordenadora do Museo do Humor, Almudena Marcos, e polo xestor de Actividades Culturais do Concello, Daniel Romero. Segundo decidiu, o premio Curuxa Nova foi para Andrés Simal pola obra Un paseo sobrenatural.

Á hora de premialo, o xurado recoñeceu "a súa temática, moi relacionada coa idiosincrasia propia do país, reflectida nun debuxo moi orixinal, no que destaca a súa excelente execución técnica e dominio da cor". O galardón está dotado con 1.000 euros.

No caso do traballo de López Cotelo, titulado O mellor amigo do home, destacouse "o seu debuxo sintético e equilibrado, así como o tratamento que fai da incomunicación derivada do abuso das novas tecnoloxías". O premio está dotado con 2.000 euros.

O xurado entregou ademais dous segundos premios. O da Curuxa Nova foi para Triassic World, de Andrés Garrido, e na categoría absoluta foi para Beeeeeeenvidos, de Andrés Meixide.

SÁNCHEZ CANTÓN. Non é a primeira vez que Simal, que estuda no instituto Sánchez Cantón, gaña un premio de relevancia en Galicia polo seu traballo. O ano pasado fíxose co Álvaro Cebreiro, para menores de 20 anos, que se entregaba na segunda edición da Festa da Caricatura de Ferrol. Neste caso, un xurado integrado por David Pintor, Xaquín Marín e Siro López recoñeceulle as caricaturas de Carbalho Calero (obrigada polo certame) e de Kiko da Silva, debuxante e director do Garaxe Hermético.

"Para hacer caricaturas es vital conocer al personaje. Dibujar a Kiko da Silva me venía como anillo al dedo", explicaba o autor pontevedrés a raíz do premio do ano pasado.

Comentarios