El pontevedrés Caco Refojo, nombrado a seis premios Grammy Latino

"Facerte cun destes galardóns é moi especial, pero que te nomeen en seis categorías é unha sensación única", di
Caco Refojo no seu estudio co Grammy que gañou en 2010
photo_camera Caco Refojo no seu estudio co Grammy que gañou en 2010

Estivo nomeado en máis ocasións. E mesmo gañou un en 2010 pola mestura dun disco de Concha Buika. Pero, desta volta, o traballo do enxeñeiro de son pontevedrés Caco Refojo aspira a acadar ata a seis premios Grammy Latino.

"Non agardas nin que te nomeen a un, esa é a verdade. Foi unha gran sorpresa", conta dende os estudios PKO de Madrid, onde traballa. "Facerte cun destes galadóns é moi especial, pero que se lembren de ti en seis categorías é unha sensación única, unha especie de recompensa xeral ao teu traballo".

Caco Refojo está nomeado á mellor enxeñería, tanto en mestura como en masterización, polo disco debut da latinoamericana Astrid Asher. Ademais opta aos galardóns nas categorías de álbum do ano polo de María Toledo, álbum vocal tradicional polo de Astrid Asher e álbum flamenco por dous discos, o de María Toledo e a homenaxe a Paco de Lucía, ‘Entre 20 aguas’. Ao traballar nesas gravacións, Refojo está nomeado xunto aos respectivos artistas e produtores.

"Conseguir calquera deles sería incrible, pero faríame especial ilusión facerme co de mellor enxeñería, porque ese é o meu traballo, o que depende directamente de min, e nos outros interveñen máis factores, é evidente", confesa o enxeñeiro.

Os premios Grammy Latino, para os que parten como favoritos este ano Leonel García, Natalia Lafourcade, Juan Luis Guerra e Alejandro Sanz, entregaranse o vindeiro 19 de novembro nunha gala que terá lugar en Las Vegas. Os galardóns entrégaos a Academia Latina de la Grabación.

Comentarios