Dismal naceu hai xusto 30 anos. En 1992. Os irmáns Jose e Javi Barros, de Viascón (Cerdedo-Cotobade), e un grupo de amigos entre os que estaban Javi García, de Sabucedo (A Estrada), actualmente afincado en Vilarchán (Ponte Caldelas), e Iván Lorenzo, de Pontevedra, montaron unha banda de metal. Uns poucos anos despois, en 1999, lanzaban o seu primeiro disco, The New Bomb, un CD con seis temas e un libro de poesías de máis de 100 páxinas. Viñeron despois outros tres álbums (Make your mind up, El tristeza e Neptuno), as actuacións no festival Festimad e os concertos con grupos como Sepultura, Rammstein ou Napalm Death. No ano 2007, a banda deu o seu último concerto na Praza do Teucro de Pontevedra.
"Paramos, pero sen que tampouco pasara nada concreto. Simplemente deixamos de tocar", explica Jose Barros. "Foi algo que pasou sen máis. Igual o necesitabamos, non sei. Había algo de cansazo, de desgaste... Eu persoalmente recoñezo que non estaba cómodo e que perdera motivación. Cousas que pasan en todos os grupos. Algúns de nós levabamos 18 anos xuntos. Outros 15. Supoño que necesitabamos un pouco de espazo".
Un día non houbo ensaio e, de pronto, xa non se quedou máis. Deixárono estar. "Sen falalo sequera". Seguiron sendo amigos e seguíronse tratando. E no verán do ano pasado falaron de quedar un día en Viascón. "A idea era xuntarnos sen máis historias. Cada un andaba nas súas cousas e ademais xa pasaran moitos anos. Pero empezamos a tocar e vimos que a cousa funcionaba", lembra. "Aínda que a realidade é que, a día de hoxe, aínda non falamos realmente de nada relativo ao grupo, nin fixemos plan ningún".
A idea era, sobre todo, desfrutar. Xuntarnos para pasalo ben, como faciamos ao principio. Non fixemos plan ningún. Deixamos que a cousa flúa, como fixemos sempre.
Despois daquela primeira quedada no verán viñeron máis e no mes de setembro estaban ensaiando todas as semanas. "A idea era, sobre todo, desfrutar. Xuntarnos para pasalo ben, como faciamos ao principio". Non falan de xira, nin de novos temas, nin de disco. "Nada, deixamos que a cousa flúa, como fixemos sempre".
Polo momento pecharon dúas datas que confirman o seu regreso. A primeira, no festival Surfing the Lérez de Pontevedra, onde estarán o venres 24 de xuño. A segunda, no Kanekas Metal Fest en Cangas do Morrazo, que se celebrará entre o 22 e o 24 de xullo. "Máis que nada gustábanos ter un obxectivo. Xuntámonos para pasalo ben, pero ter algún concerto á vista axuda a meter algo de presión. Quero dicir que, se seguimos quedando, é para algo. Ao final queremos tocar", conta o músico, que tamén engade que, se a cousa segue adiante, de cara ao outono-inverno quizais se animen a facer unha pequena xira por salas galegas.
Mentres Dismal estivo parado, os cinco músicos que recuperaron a banda -Jose Barros (voz e baixo), Javi García (guitarra), Iván Lorenzo (guitarra), Ghon Sánchez (batería) e Carlos Fuentes (teclado)- seguiron tocando noutros grupos. Zima Azul, Enki e Müntrails son tres dos proxectos nos que está Jose Barros. Javi García ten unha banda de trash metal, Salavelatoria. E Trompas de Farlopio é unha banda de punk rock na que milita Iván Lorenzo.

Todos manteñen estas agrupacións mentres ensaian agora os temas de Dismal. "Ese primeiro día, cando nos xuntamos, alguén dixo, ‘va, que tocamos?’. Home, pois algo de Dismal", lembra o cantante. "E iso é o que estamos facendo, tocando os vellos temas. Estamos preparando un repertorio duns 20, sobre o que despois iremos escollendo". Sobre todo, son cancións dos tres primeiros discos. "The New Bomb tocarémolo enteiro. Algún deses temas había 20 anos que non os tocabamos. E, sinceramente, eu estou desfrutando como nunca. Seguramente hoxe todos somos mellores músicos e iso tamén teña que ver coas boas sensacións que temos. Non sei, quizais nos veu ben este tempo de reflexión", comenta. Di que, de feito, el era probablemente o máis reacio a recuperar a Dismal. "Porque son de mirar sempre para adiante. Estaba atendendo a outras cousas nas que xa estaba metido. Aínda que todo iso non quita que pensara que quizais todo aquilo xa pasara e non ía volver. Pero despois daquel primeiro día tocando sentín máis ben un ‘por que non?’. Porque o pasamos tan ben, case como críos. Coñecémonos tan ben, estamos todos na mesma onda... Eu véxonos moi conectados. Así que por que non?".
O máis bonito disto é xuntarse con xente para tocar. O marabilloso de verdade é compartir. Ao final, a vida é iso, compartir cos demais.
O regreso de Dismal supón a volta dun dos grupos máis importantes da historia recente da escena pontevedresa. "A verdade é que nos están chegando unha chea de mensaxes de cariño e iso é algo que nos fai moita ilusión", di o músico. "Eu creo que ten que ver con que a música ten esa capacidade de trasladarte no tempo. Ou sexa, escoitar a Dismal para moita xente desta zona, para a que no seu día significou algo, o que supón é volver dez ou vinte anos atrás". Con todo, Barros recoñece que eles están un pouco á marxe de todo o que rodea a banda. "Estamos ao noso, tocando, ensaiando, e eu creo que de todo o que pasa arredor non nos damos moita conta". E confesa: "Porque o máis bonito disto, para min polo menos, é xuntarse con xente para tocar. O marabilloso de verdade é compartir. Ao final, a vida é iso, compartir cos demais".
Compartir á marxe de modas. O metal está hoxe lonxe das tendencias de éxito. "Somos moi metaleiros e, ao final, sáenos o que nos gusta. Caña, caña e caña", di Jose Barros. "Tampouco fomos nunca de modas. Sempre é máis bonito tocar para cinco persoas que para dúas, pero para nós tampouco foi nunca prioritario conseguir éxito. Fixemos o que nos gustaba e gozámolo. Non deixamos nada pendente. Non nos arrepentimos de nada. Vivimos o presente, seguimos aprendendo día a día e nada máis".