Miércoles. 14.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 14.11.2018
El tiempo

O teatro que nin se compra nin se vende

O sintagma cultura galega é sospeitoso de voluntarismo. Na cultura galega fanse moitas cousas porque si, porque peta e dá a gana e porque non hai ninguén disposto a pagar por elas

HAI UN teatro que non ten quen lle reconte a billeteira. Aínda que dereitos de autor si que paga. Tamén hai unha sociedade que en lugar de esixirlles aos seus políticos só ten medo de pagarlles un soldo. Un dos grandes ditos —creo que español, non podo aseguralo de todo, pero cadra— é ese de "quen paga manda". É un refrán que ten pesado moito nas actividades culturais de maneira inversamente proporcional. Algo así como: se quen paga manda, pero a min non me paga ninguén, ninguén manda en min. Como se a ausencia de mediación económica levase aparellada a liberdade creativa. Pode ser por iso que a xente desconfía algo da cultura profesionalizada e moito da política profesionalizada mentres confía cegamente na medicina profesional.

Para a fontanería hai máis dúbidas, un cuñado con habilidades pode ser suficiente. Esta semana celébrase en Compostela o Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán. Non é o único: Palas, Vedra, Ferrol, O Carballiño,... hai unha marea de compañías e festivais nos que o tamaño dos elencos, antes de ser un problema de produción, son unha garantía de público; nos que non está mal visto non entrar de todo nos personaxes e nos que a comedia acaba por converterse noutro xénero. Un xénero que se non ten un sentido do humor máis fino resulta máis divertido. Ou quizais máis risible. Pero non tanto como os debates electorais.

Como en Galicia temos sempre dúas versións de todo, o mesmo podemos dicirlle amador que afeccionado ao teatro polo que non se cobra, e mesmo haberá quen lle encontre matices a unha denominación e á outra, quen consiga sentirse mellor representado nun dos dous casos, a pesar de que son máis parecidos que diferentes. É unha situación familiar para un galego esta de que nomes distintos designen cousas semellantes. Pasa nas candidaturas electorais, por exemplo. Nomes distantes para ofertas similares. E non é necesario referirse só ao PP e a Ciudadanos. Hai máis. Como hai máis xente arredor do teatro amador. Hai moita xente, pero tamén sería feo definir o teatro afeccionado desde fóra do escenario. Facemos moito isto: definimos as cousas non tanto polo que son como polo xeito en que se producen. As longametraxes son cine e as series son televisión por máis que hoxe hai moita televisión no cine —e no teatro— e unhas cantas series teñen máis cine que o 80% da oferta das salas que aínda están abertas.

A distancia entre o teatro amador e o profesional está en cobrar. Pero non só aí. Poñamos un caso recente, coñecido pero non singular. Osborne non é o malo de Spiderman. Chámase Bertín e a televisión española sen tratamento anticaspa veu rescatalo do circuíto das autonómicas e de facer comedia polos teatros da Península. Bertín ten un mellizo e a pasada fin de semana tocoulle mariscada en Galicia. Arévalo e mais Bertín forman dúo cómico no que van cambiando papeis, un canta e outro conta chistes. Non hai discusión: calculando o teatro desde a perspectiva económica é teatro profesional. Incluso do que non está peor pagado. Pero se lles chamásemos ás cousas polo que son, quizais, sen acritude como diría aquel monstro do socialismo liberal, estean máis cerca do afeccionado.

Arévalo e Bertín son xente simpática, non soben ao escenario tanto polas súas capacidades interpretativas, nin pola excelencia da obra. Eles presumen de improvisar e de que poden intercambiar os papeis. Bertín pode contar chistes e Arévalo pode cantar. A min faltoume valor para comprobar as dúas cousas, pero a razón de que a xente pague por entrar a velos —e escoitalos— ten máis que ver coa presenza que coas habilidades. Están e poden rir dos seus propios chistes. Isto, para non ir máis lonxe, é algo que tamén é aceptado no teatro amador. Porque hai unha empatía con quen está no escenario. Porque os espectadores saben que son xente con ganas e que, se se diferencian en algo dos que están sentados nas butacas, é en atreverse a cambiar de traxe e moverse no escenario. Aceptan que non son profesionais e que non se lles pode pedir o que a un actor se lle esixiría. E divírtense co cambio de contexto. Como sucede con Bertín & Arévalo.

Hai outro punto de relación. Sucede que o teatro amador e o teatro dos famosos coinciden en algo: unha parte grande dos espectadores non van ver a obra. Van ver quen a fai. Porque os amigos quedan simpáticos facendo o 'Animaliños' de Roberto Vidal Bolaño, porque hai familias grandes que van, porque ás veces chega con dicir o texto. Porque hai que agradecerlles o traballo que pasan e o pouco recoñecido que está o de facer teatro poñendo os cuartos para o vestiario. Porque hai que recoñecerlles as ganas. Porque todo non vai ser fútbol sala. Porque moitas veces collen o papel e sóltano coma se nada, porque os chistes son ás veces como a machado e todo está esaxerado. E resulta divertido. E claro, porque non cobran. O que non me queda tan claro é por que co mesmo sentido pagamos por ver a Bertín.

O teatro que nin se compra nin se vende
Comentarios