O 'Tintín' de Spielberg toma as salas

Dúas propostas tan distintas como a adaptación cinematográfica de Tintín e o drama racial
Criadas y señoras tratarán de conquistar o despacho de billetes esta fin de semana, nunha carteleira na que tamén destacan a cinta española Eva e a belga El niño de la bicicleta.

Os realizadores Steven Spielberg e Peter Jackson unen os seus talentos para levar ao cine
a Tintín, o famoso personaxe de cómic de Hergé, nunha espectacular proposta dixital en 3D: Las aventuras de Tintín y el secreto del Unicornio. Realizada por computador a partir das actuacións de intérpretes reais como Daniel Craig ou Jamie Bell, a película narra a viaxe de Tintín e o seu inseparable can Milú por medio mundo en busca do Unicornio, un navío afundido que pode conter a clave dunha cuantiosa fortuna.


Unha das sorpresas da tempada, Criadas y señoras, cuns 107 millóns de euros recadados
nos EE UU desde a súa estrea en agosto, chega por fin a España. O filme ambiéntase nunha pequena comunidade de Mississipi a comezos dos 60. Emma Stone, Viola Davis e Octavia Spencer protagonizan unha historia sobre a loita de tres mulleres que, a través dun proxecto literario clandestino, darán a coñecer o punto de vista das criadas negras nunha sociedade que as discrimina.


Tamén se estrea Eva, de Kike Maíllo, unha proposta patria de ciencia ficción, que teoriza sobre
os límites morais na intelixencia artificial. Daniel Brühl, Claudia Vega, Marta Etura, Alberto
Ammann e Lluís Homar protagonizan unha historia ambientada en 2041, ano no que os humanos comparten as súas vidas con criaturas mecánicas intelixentes.


A paixón común polo chocolate unirá dúas persoas moi sensibles e vergoñosas en Tímidos anónimos, unha comedia romántica francesa de Jean-Pierre Améris.  A timidez enfermiza dos protagonistas impediralles confesarse o seu amor, pero sobreporanse á falta de confianza en si mesmos.


OUTRAS ESTREAS

El niño de la bicicleta’. Os irmáns Dardenne dirixen esta coprodución entre Bélxica, Francia e mais Italia que narra o abandono dun menor polo pai e as dificultades que afrontará o pequeno de doce anos no desenvolvemento da súa personalidade.

Dime con cuántos’. Comedia romántica de Mark Mylod con Anna Faris, Chris Evans e Zachary Quinto. Unha moza, axudada por un veciño, buscará todos os noivos que tivo, pois cre que un deles podería ser a súa parella ideal

‘Scruff en Halloween’. O cachorro Scruff, creación do estudo de animación catalán D’Ocon, regresa aos cines a tempo para Halloween, nunha historia de pantasmas na que deberá probar a inocencia dun antepasado do seu amo

Semilla de maldad’. Cinta húngara que adapta a novela Frankenstein. Rudi entra nun cásting para unha película, cuxo director queda paralizado ante a inocencia do mozo, que é o seu propio fillo

Comentarios