O traxe tradicional galego sobe á pasarela

A asociación etnográfica Sete Espadelas organiza, da man da Deputación e do Concello, o primeiro gran desfile de traxe tradicional de Galicia ► Poderanse ver 44 modelos, entre reproducións e orixinais, compostos por máis de 700 pezas
Xosé Leal e Carme da Silva entre membros da asociación Sete Espadelas
photo_camera Xosé Leal e Carme da Silva entre membros da asociación Sete Espadelas

"Unha pasarela como esta nunca antes de fixo en Galicia", dixo o presidente da asociación etnográfica Sete Espadelas, David Quiñones, na Deputación Provincial. "Nunca se viu nada así en Galicia". Quiñones participou, xunto ao seu compañeiro de Sete Espadelas José Luis Rodríguez; o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, e a concelleira de Dinamización Cultural, Carme da Silva, na presentación dun gran desfile de traxe tradicional galego que terá lugar no Pazo Provincial o 10 de xuño (21.30 horas) baixo o lema Sete varas, un refaixo. Na proposta poderanse ver 44 modelos, correspondentes a distintas zonas de Galicia e compostos por máis de 700 pezas.

"Arredor de 35 dos traxes son propiedade da asociación, que ten unha colección de máis de 60", explicou José Luis Rodríguez. "O resto pertencen a algún coleccionista". Na súa gran maioría son reproducións fidedignas de traxes orixinais, aínda que dez deles son modelos antigos, "con máis de 150 anos de antigüidade", que se usan expresamente para desfiles.

"O noso traballo céntrase na recuperación fidedigna dos traxes a través de traballos de investigación en museos e en coleccións particulares", contou José Luis Rodríguez, que lembrou que para as réplicas dos modelos se empregan exactamente os mesmos tecidos que os da época. "Pedímolos a Burgos, a Béjar, a Holanda... Somos moi exquisitos nese sentido". Para o membro de Sete Espadelas, que tamén forma parte da agrupación Os de Algures, o seu traballo é esencialmente divulgativo. "Non nos interesa o espectáculo, senón axustarnos nas reproducións que facemos o máximo posible".

Para a proposta de Sete Espadelas, que se realiza en colaboración coa Deputación e co Concello, colocaranse unhas plataformas que sairán do Pazo Provincial ata o exterior, "ademais de dúas pantallas xigantes", explicou Xosé Leal. Instalaranse ademais 320 cadeiras para o público, "que tamén poderá gozar do desfile de pé, porque a idea é que estea aberto a todo o mundo que queira achegarse para velo". No caso de mal tempo, a actividade, que está enmarcada no Ano do Patrimonio, que este ano celebra o organismo provincial, celebrarase no interior do Pazo Provincial.

CITA. A pasarela, na que participan 44 persoas desfilando e "case outras tantas no que é a organización", está enmarcada nunhas xornadas sobre traxe tradicional galego que terán lugar a semana que vén en Pontevedra e que comezarán, segundo anunciou Carme da Silva, cunha microexposición de pezas no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais, que se poderá ver entre o 6 e o 9 de xuño. "Poderase visitar entre as 10.00 e as 14.00 horas". Ademais, o día 9 celebrase unha mesa redonda sobre a indumentaria tradicional na actualidade. "Entre outras cousas, analizarase como a deturpación non afecta só á lingua senón tamén a aspectos patrimoniais", indicou Da Silva. As actividades pecharanse ao día seguinte co desfile na Deputación Provincial. Ao respecto, a concelleira, que resaltou que por primeira vez asistía convidada a dar unha rolda de prensa na Deputación de Pontevedra, sinalou que se alegraba de que este organismo "recupere a tradición da que fixo gala nos anos 30 de apoio ao patrimonio e á tradición".

"O obxectivo desta proposta é axudar a poñer en valor o traxe tradicional", indicou David Quiñones, que participou na presentación do desfile onte, xunto con outros membros da súa asociación, ataviado cun traxe tradicional. "Queriamos imitar unha pasarela de alta costura para darlle ao traxe tradicional o status que merece".

A presentación dos diferentes traxes, das pezas que os compoñen, das características propias de cada un e da súa zona de procedencia corresponderalle aos membros de Sete Espadelas. Segundo destaca a Deputación, a escolma inclúe traxes de distintas comarcas de Galicia e de diferentes clases sociais dos séculos XVIII e XIX. Entre outros, veranse modelos de Cotobade e do Val do Lérez.

Comentarios