A exposición Pontevedra e América. Unha mirada en feminino, posta en marcha pola Deputación e pola Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago de Compostela (USC), iniciou este xoves en Pontevedra a súa itinerancia. Para inaugurar esta mostra, que ten como obxectivo "poñer en valor a historia de trece mulleres" e que permanecerá na avenida de Montero Ríos ata o 27 de abril, celebrouse, no Pazo Provincial, un acto de homenaxe a tres delas: a navegante Isabel Barreto (1567-1612), a pintora Mercedes Ruibal (1928-2003) e a arquitecta Teresa Táboas (1961).
Todas son protagonistas desta exposición, na que tamén están Elena Colmeiro, Virxinia Pereira, Nélida Piñón, Anisia Miranda, Lorena Lores, María Araújo, Josefa Emilia Sabor, Mariví Villaverde, María Vinyals e Isabel Gómez.

No acto de homenaxe participaron a catedrática emérita de Historia e Institucións Económicas da USC María Xosé Rodríguez Galdo, que se encargou de glosar a figura de Isabel Barreto; a comisaria de arte Rosario Sarmiento, que falou de Mercedes Ruibal, e a propia Teresa Táboas. As dúas primeiras, xunto a María Cadaval, son precisamente as responsables desta proposta.
CATRO CUBOS. Polo que se refire á exposición que quedou instalada no exterior do Pazo Provincial, está composta por catro cubos cheos de información sobre as trece mulleres escollidas. O material exposto "permite afondar na súa traxectoria vital, observar fotografías e coñecer o papel fundamental e imprescindible que xogaron todas elas na historia da emigración", indica a Deputación.
Tras o seu paso por Pontevedra, a mostra continuará por Silleda, Cerdedo-Cotobade, Vila de Cruces, O Grove, Vilagarcía, Soutomaior e Redondela. En cada parada volveranse organizar conferencias para coñecer as figuras femininas que protagonizan a proposta.
En Cerdedo-Cotobade, por exemplo, a protagonista será Nélida Piñón. Sobre ela falará Carmen Villarino. En Vilagarcía, María Xosé Porteiro e María Antonia Pérez afondarán na vida de María Araújo, Josefa Emilia Sabor e Mariví Villaverde. E en Soutomaior, Silvia Cernadas renderá homenaxe a María Vinyals.