Ollo, que vén o Demo Asubiador!

O colectivo Vaipolorío reivindica o personaxe mitolóxico do Gafos que sae cada Aninovo para asubiarlle na orella a un parvo

Ilustración do Demo Asubiador. TAIS FEIJOO
photo_camera Ilustración do Demo Asubiador. TAIS FEIJOO

Se este ano sentiu que o acompañaba un ruxe-ruxe nos ouvidos, como un repenique de campás ou un asubío recurrente, saiba vostede que o Demo Asubiador o tomou por parvo. Este anano mitolóxico forma parte tamén do ecosistema do Gafos, daquel que vive no imaxinario da xente que interactúa co río e que forma parte, tamén, da súa riqueza.

O Demo Asubiador sae cada Aninovo á procura dun parvo, dun pailán, de alguén da aldea a quen considera un panoco, e pasa todo o ano perseguíndoo e asubiándolle nas orellas. Este mito non é ningunha novidade, senón que leva existindo "dende que as orellas penduran da cachola", tal e como recolle a enciclopedia de lendas Galicia Encantada.

"El é o noso Apalpador, que é unha figura semellante pero do Courel, ou o Pandilleiro, típico da zona de Trives", explica o integrante de Vaipolorío Xosé Manuel Feijoo para reivindicar a lenda do Demo Asubiador como unha histroria propia de Pontevedra.

En concreto, a crenza sitúase na zona alta do Gafos, ao seu paso por Figueirido (Vilaboa). Foi descuberta en 2015, cando os integrantes de Vaipolorío organizaron unha serie de tarefas de recollida da toponimia típica do lugar coa colaboración de Calros Solla. Paralelamente á documentación dos nomes dos lugares que os veciños da zona lles ían indicando, tamén xurdiron diversos mitos que rodeaban ao río. Uns servían para deixar voar a imaxinación e, simplemente, alimentar a riqueza da cultura popular e a narración oral en Galicia. Outros tiñan finalidade pedagóxica e habíaos que se empregaban para disuadir á poboación de achegarse a determinados lugares perigosos (por exemplo, no caso dos nenos).

LIBRO. Nese contexto rexurdiu a historia do Demo Asubiador. Máis adiante, a lenda converteuse nun conto editado polo Concello de Pontevedra xunto coa asociación da cidade que asina Calros Solla. "El deulle un toque novo e magnificouno para facer este libro que se editou hai xa algúns anos", explica agora Feijoo.

Estes días, Vaipolorío está deixando figuriñas de amigurumi pola ribeira do Gafos para recordar aos pontevedreses que o Demo Asubiador sae nuns días a buscar ao parvo do ano. Quizais alguén o escoite, pero de seguro non recoñecerá que o Demo o posuíu en 2018. Tamén pode ser que o demo non atope ningún pailán ao que acompañar este ano. Pero existir, existe. Abofé que si.