'Ons', de Alfonso Zarauza, chega finalmente a Cinexpo

A película mantense nas salas galegas nas que se proxectaba e suma as de Ourense e Pontevedra
Morris e Melania Cruz, nunha escena da película. EP
photo_camera Morris e Melania Cruz, nunha escena da película. EP

A última película de Alfonso Zarauza, Ons, poderase ver finalmente nas salas de cine de Pontevedra, Cinexpo. As da capital da provincia eran as únicas dunha gran cidade galega, xunto coas de Ourense, que non proxectaban o filme protagonizado por Antonio Durán Morris, Melania Cruz, Xulio Abonjo e Marta Lado. Ante esa situación, o Concello proxectou o título os días 21 e 22 de decembro no Teatro Principal. No segundo dos pases, o director Alfonso Zarauza lamentou que a película non puidese verse nas salas de cine comercial da cidade. Finalmente, chega a elas.

A maiores, Ons mantense en carteleira nos cines nos que se viña proxectando de Coruña, Vigo, Santiago, Lugo e Ferrol. Tamén nos de Caldas de Reis. E suma tamén os da outra gran cidade que lle faltaba: Ourense.

CUARTA SEMANA. Na súa cuarta semana en salas, Ons tamén se proxectará no Cine Teatro Salesianos de Vigo (o venres, o sábado e o domingo) e no Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras (ao longo desta semana). "Ademais, o equipo do filme continúa a facer presentacións por toda a xeografía galega", informa o equipo de comunicación da película. "Alfonso Zarauza acompañará a proxección de Ons en Ourense o sábado 9 (20.00 horas) nos Cines Ponte Vella de Ourense, na compaña do produtor Xavi Font, e o domingo farao no Cine Salesianos de Vigo (20.00 horas), acompañado de Morris". A maiores, a sala Numax de Compostela acollerá dúas presentacións co director nas sesións deste venres (17.00 horas) e do 14 de xaneiro (18.30 horas).

Rodada en 2019 na illa de Ons, a película de Alfonso Zarauza, que o ano pasado inaugurou Culturgal, colocouse como a segunda máis vista en Galicia durante a semana da súa estrea, o pasado mes de decembro. Só a superou a superprodución norteamericana Wonder Woman 1984. Ons é a quinta longametraxe de Zarauza, que dirixiu con anterioridade Encallados ou Os fenómenos.

Comentarios