Onte e hoxe publica disco

O grupo do Salnés reúne oito versións e dous temas propios nun álbum que gravaron durante a pandemia no estudio de Anxo Xesteira
Os integrantes do grupo Onte e hoxe.JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Os integrantes do grupo Onte e hoxe.JOSÉ LUIZ OUBIÑA

 Xuntáronse en 2015 para facer versións de temas pop galegos que lles gustaban. Eran Roberto Fernández Lores (voz), Itziar Solla (frauta e voz) e Víctor Bóveda (guitarra e voz). Fixéronse chamar Onte e hoxe. Despois de actuar por bares, festas e outros escenarios durante sete anos, nuns poucos días sairá o que será o seu primeiro disco, A música de onte e de hoxe.

Un dos responsables de que saia este álbum, que se gravou no seu estudio, foi Anxo Xesteira, a última incorporación do grupo.

Entrou en 2016, un ano e pico despois de que botara a andar o proxecto. "Veunos ver a un concerto no Galo Negro [Cambados] e estivemos falando", lembra o alma máter de Onte e hoxe, Roberto Fernández Lores. "Cando decidimos incorporar a alguén á percusión, chamámolo. Primeiro pregunteille se coñecía a alguén que se puidese animar, pero, xa que estabamos, comenteillo directamente: 'Porque a ti non che apetecerá ou non poderás, non?'". O mozo dixo que si.

Integrantes do grupo do Salnés Onte e hoxe. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Integrantes do grupo do Salnés Onte e hoxe. JOSÉ LUIZ OUBIÑA


Metido en varios proxectos ao mesmo tempo (de Treixadura a Migallas pasando por agrupacións de diferente tipo e proxectos como o Aquí cántase, de Maravallada), Anxo Xesteira non se inmuta cando se lle pregunta como consegue compatibilizar tanto traballo. "Hai tempo para todo". Confesa que, cando entrou no grupo, con 17 anos, non coñecía apenas música pop en galego. "Quen puidera namorala e O tren. Pouco máis. Podes imaxinar como me chamou moito a atención o que facían. Á parte, era algo moi diferente a todo no que estaba metido, dúas bandas de música, tres grupos de gaiteiros, dous coros e o conservatorio. Quería probar. Tiña moita curiosidade". A súa incorporación funcionou de inmediato. "Aos cinco minutos era un máis".

Nas próximas semanas o grupo dá un paso máis na súa traxectoria publicando o sue primeiro álbum, unha recompilación dalgunhas das versións que realizan habitualmente e de dous temas propios. "A idea do disco xurdíu na pandemia", contan. "Fomos indo aos poucos ao estudio de Anxo e facendo a produción e as mesturas". Foi un traballo de ano e medio. O resultado inclúe catro versións de Los Tamara e dúas de Andrés do Barro, máis Quen puidera namorala, de Luis Emilio Batallán, e Anduriña, de Juan Pardo.

CANCIÓNS ICÓNICAS. "O contido do disco vai na liña do que decidimos cando creamos o grupo: poñer en valor todos estes temas de pop cantado en galego", din. "Los Tamara ou Andrés do Barro foron pioneiros na súa época. As que escollemos para o disco son  todas cancións icónicas".

Á parte hai un tema dedicado ás festas gastronómicas da provincia, escrito por Fernández Lores e musicado por Xesteira: "sendo como son de bo comer, o que fixen foi un relatorio das festas da provincia, dende a do cocido de Lalín ata a da raia de Portonovo"; e outro de Anxo Xesteira, de carácter máis íntimo, titulada Insomnio. "No repertorio incluímos outro tema propio máis, de Itziar, pero que non gravamos porque forma parte doutros proxectos".

A experiencia da composición foi tan ben que xa falan de publicar un segundo disco só de temas propios. "Material hai e en directo están funcionando moi ben".

Precisamente a evolución dos directos do grupo é algo particularmente significativo. Ao longo dos tres últimos anos pasaron de tocar en espazos reducidos como bares, "que é algo que nos gusta moito", a subir a escenarios. "Como o de Pontevedra hai dous anos. Ese concerto na Ferrería foi apoteósico para nós. Supuxo un antes e un despois", resumen.

"É certo que a cousa se foi poñendo cada vez máis seria e hoxe somos unha banda cunhas pequenas esixencias técnicas. A idea tamén era que o directo axudara a definir o grupo, o que somos. Chegamos a un punto no que nos demos conta de que non nos valía tocar de calquera maneira", di Anxo Xesteira. O que non cambiará nunca é a esencia do grupo. "O noso nome xa indica o que somos. Nunca imos deixar de tocar as cancións de sempre, as que nos gustan".

Datas ►En Cambados e en Bueu
O grupo ten pechados, polo momento, dous concertos este verán. O primeiro, o domingo 10 de xullo, no Festival Xironsa, que se celebra no parque da Seca de Corvillón, en Cambados. O outro terá lugar o venres 5 de agosto no Espazo Convida de Bueu. Será en Sanamedio, Bon. 

Comentarios