Orbil ponse guapo

A mascota do Salón do Libro Infantil e Xuvenil renova a súa imaxe coincidindo coa conmemoración do 25º aniversario do evento ▶ Seis figuras do lobo forman parte da exposición que permanecerá nas prazas ao longo do próximo mes
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores (esquerda), e o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, con Orbil no colexio Froebel. CONCELLO DE PONTEVEDRA
photo_camera O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores (esquerda), e o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, con Orbil no colexio Froebel. CONCELLO DE PONTEVEDRA

"Cambiámoslle o traxe e puxémolo un pouco máis guapo". A mascota do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, o lobo Orbil, renovou a súa imaxe coincidindo co 25º aniversario do evento. Este venres deuse a coñecer coincidindo coa inauguración da Orbil Parade, a exposición de seis figuras inspiradas no animaliño noutros tantos lugares do centro da cidade: Praza da Peregrina, diante da Casa das Campás, Praza do Hospital, Avenida de Montero Ríos, Rúa Rosalía de Castro e Glorieta de Compostela. "Este último é o único que, polo momento, non se puido colocar", explicou o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez. "Porque estas son pezas que hai que retocar dun ano para outro e a esta estaa retocando nestes momentos o alumnado do Bacharelato de Arte do Frei Martín Sarmiento. Colocarémolo nos vindeiros días".

"E está tamén o Orbil do Pazo da Cultura, totalmente branco, que se encarga de decorar a cativada que visita o Salón", engadiu o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Gómez e Lores participaron na inauguración da Orbil Parade e acompañaron a Orbil na súa visita ao colexio Froebel. É un dos 17 que visitará a mascota do Salón ao longo das dúas semanas previas á inauguración do evento, o 1 de marzo. "Porque efectivamente, tras uns anos de parón. Orbil volve aos colexios". Esta semana, ademais de no Froebel, estivo en San José, Campolongo, Crespo Rivas, Vidal Portela, Barcelos, Álvarez Limeses, San Matiño, Pontesampaio e Doroteas. A que vén estará no Marcos da Portela, Verducido, Xunqueira I e II, Sagrado Corazón, Vilaverde e CEE Pontevedra.

Unha das esculturas da Orbil Parade na Praza da Peregrina. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Unha das esculturas da Orbil Parade na Praza da Peregrina. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Nestas visitas escolares é onde Orbil, unha creación do debuxante Kiko da Silva do ano 2004, estreou a súa nova imaxe. "Como a rapazada xoga con el, o aperta, lle tira do rabo e lle fai de todo, houbo que facerlle un tuneo", explicou o alcalde de Pontevedra, que se referiu a esta mascota como "o Apalpador do Salón do Libro".

Lores destacou o calado do animaliño entre a cativada. "A estas alturas xa todo o mundo sabe, por exemplo, que Orbil é 'libro' ao revés. Están todos os nenos de Pontevedra como tolos con el". O concelleiro Demetrio Gómez coincidía con el. "Está moito máis guapo do que estaba. Porque despois de 25 anos decidiu que xa estaba ben de ser un pouco deixado e fixémoslle un traballo de perruquería, arranxámoslle os dentes, coidámolo un pouco e está moito máis guapo. É un Orbil novo. Tiñamos un pouco de medo, pero quedou fenomenal. A experiencia cos nenos e nenas é que lles encanta". 

Tras a inauguración da Orbil Parade e as visitas escolares, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil porase en marcha, no Pazo da Cultura, o 1 de marzo. Conta cunha programación de arredor de 300 actividades entre as que descatan obradoiros, contacontos e espectáculos escénicos. "Non é sinxelo manter unha actividade como o Salón do Libro durante 25 anos", sinalou Lores. "Probablemente é a actividade do seu tipo máis antiga e máis completa de todo o estado. Este ano van ser 17 días de programación arredor da lectura e da ilustración. É un orgullo para Pontevedra este Salón do Libro".

Comentarios