O orgullo pontevedrés de Fondo Norte

O grupo compón un himno punk na honra da cidade e anuncia unha tríade de versións en homenaxe ás orixes dos integrantes da banda: galega, mexicana e irlandesa
Os membros de Fondo Norte: Marcus Seamus, Edu Aguirre, Luis Lores, José Sánchez e Antón Rey (de esquerda a dereita). DAVID FREIRE
photo_camera Os membros de Fondo Norte: Marcus Seamus, Edu Aguirre, Luis Lores, José Sánchez e Antón Rey (de esquerda a dereita). DAVID FREIRE

Imaxes da Ponte dos Tirantes, do Santuario da Peregrina e do Cruceiro das Cinco Rúas vanse sucedendo mentres se escoita un guitarreo punk-rock e a voz de Luis Lores cantando "mestura de pedra e camelia". É Pontevedra, o novo tema do grupo Fondo Norte. Estreouse este venres e supón un avance do que será o seu novo disco.

Formada en 2014 durante a Feira Franca, esta banda foi creada por un grupo de amigos que estudaban daquela no instituto Sánchez Cantón. Bautizáronse co nome que leva a bancada na que se sitúan os afeccionados máis duros do Estadio de Pasarón. "Por alí andamos tamén". De feito, teñen un tema na honra do Pontevedra C.F. "Cando o interpretamos nas Festas da Peregrina do ano pasado sacamos a Roelio ao escenario da Praza de España". Ese concerto foi un dos puntos álxidos da carreira de Fondo Norte, todos coinciden. O Concello e o Local de Música escolléronos para abrir as festas como teloneiros de Tequila. "Foi unha experiencia incrible".

Á parte de Lores (vocalista), hoxe integran Fondo Norte, Marcos Seamus (baixo), Edu Aguirre (batería), Antón Rey (gaita), José Sánchez (guitarra solista) e Miguel Argibay (guitarra rítmica), que vén de substituír a Íñigo Montejo. "A esencia deste grupo é a amizade", din. "Creamos a banda porque eramos amigos e non existiría se non o seguiramos sendo". Todo xira arredor diso: da súa amizade. Tamén da actitude punk, da presenza e da voz do cantante, do uso do galego nas letras e do amor por Pontevedra. "Orgullo pontevedrés / orgullo da Boa Vila", cantan.

"Agora que, por circunstancias da vida, tivemos que marchar todos fóra de Pontevedra, a estudar ou traballar á Coruña, a Santiago ou a Madrid, apeteceunos moito facer isto. Nos últimos anos naceunos un importante sentimento nacionalista-localista pontevedrés. É así. O que queriamos era demostrar todo o noso agarimo a esta cidade. O que sentimos por ela é amor puro e duro".

Os rapaces aproveitaron o parón que supuxo a alerta sanitaria decretada por mor do coronavirus para traballar. Ademais de preparar o novo disco, regravaron todo o que tiñan feito ata o momento. "Non nos convencía para nada o son dos primeiros discos e decidimos cortar polo san e regravalos. Porque agora mesmo non nos recoñecemos neles. Pecamos de novatos e púidonos a présa. Pero agora evolucionamos moito e quixemos que se aprezase". O resultado desa volta aos vellos temas quedará plasmado en Todo segue mal, que agrupa Ruina e Todo mal!.

Ao mesmo tempo, o grupo prepara Esmorga, unha tríade de versións coa que pretende render homenaxe á orixe dos integrantes da banda: galega para a maioría, mexicana para Edu Aguirre e irlandesa para Marcos Seamus. No caso deles dous, son os pais os que proceden de fóra de Galicia. "Sempre estamos falando das nosas orixes. Para nós era importante facer algo con iso", contan Seamus e Aguirre. "O primeiro dos temas de Esmorga, Uah, a versión galega, xa está publicada. Faltan as outras dúas".

Comentarios