miércoles. 28.10.2020 |
El tiempo
miércoles. 28.10.2020
El tiempo

Oriana Méndez, poeta: "Cada unha vai buscando a súa propia voz"

Oriana Mendez (Vigo, 1984). TOMÁS LÓPEZ
Oriana Mendez (Vigo, 1984). TOMÁS LÓPEZ
Filóloga, feminista, política (Anova), escritora, tradutora... A autora vén de gañar o Premio de Poesía de Afundación por 'Interna'

Vén de gañar o Premio de Poesía de Afundación por ‘Interna’, un traballo do que o xurado destacou a súa voz feminina conmovedora.
Estou moi agradecida polo premio e polas palabras que o xurado lle adicou a Interna. Non podo sentirme máis honrada. Agora son as e os lectores os que teñen que valorar o que o poemario lles transmite. ‘Interna’ é unha travesía por espazos de ruína e reliquia; unha viaxe arredor dun mundo que se extingue, un mundo interior, aínda que non persoal, porque non fala de Oriana Méndez en absoluto, non é a miña biografía.

O xurado tamén destacou a eufonía do poemario. Son versos para ler en voz alta
A oralidade da poesía é un elemento fundamental. Sempre o foi, dende a Idade Media, e nós sabémolo ben polas nosas cantigas, ata a actualidade, cando está presente en apostas multidisciplinares nas que se xoga coa música por exemplo. Dun xeito ou doutro aí está a voz. No meu caso tamén. Eu, mentres escribo, leo. Leo en voz alta. E iso tamén me guía e me axuda.

O galardón únese aos que xa tiña: o do Concello de Carral e o Rosalía de Castro. Os recoñecementos serven para apuntalar unha traxectoria ou son circunstanciais? Como os valora?
Eu agradézoos enormemente, pero recoñezo que son un azar, unha lotería en mans dun xurado concreto. Unha preséntase sempre con esperanza, pero hai que ter claro que non deixa de ser unha sorte que te escollan. Entre outras cousas, pola enorme calidade do que se está facendo no ámbito poético en Galicia agora mesmo. Se serven para consolidar unha voz poética? Iso dirao o tempo. Eu escribo e seguireino facendo. Esa é a miña intención. Despois, as obras son os que falan por si mesmas. Para ben e para mal.

Refírese á gran calidade da poesía que se fai hoxe en Galicia. Recoñécese como parte dunha xeración? Ten cousas en común cos seus contemporáneos ou funcionan máis como francotiradores?
No que foi o século XX funcionaron moito as xeracións. Aquí, nos 90 temos a Yolanda Castaño ou María do Cebreiro. A partir de 2000 teño a sensación de que as etiquetas xa funcionan menos. Agora mesmo hai algunhas autoras moi novas que están facendo cousas moi transgresoras nas que mesturan moito os xéneros, a música, a tecnoloxía... Eu non sabería moi ben onde meterme. Loxicamente hai poetas aos que me sinto máis próxima, Daniel Salgado, Gonzalo Hermo, Miriam Ferradáns, Alba Cid, Tamara Andrés... Eu que sei, unha chea deles. Pode ser que algo nos una, aínda que despois cada un e cada unha vaia buscando a súa propia voz.

"Nin 'fillas de', nin 'mulleres de'... O feminismo ensinounos que debemos ser autónomas. A miña obra fala por si mesma"


Vostede que busca? Por que comezou a escribir? Ségueo facendo polo mesmo?
Eu comecei a escribir moi nova. A escribir e a publicar. Agora, dende os meus 35 anos, penso que foi unha sorte. Quen escribe quere publicar, aínda que, ao mesmo tempo, xeras unha expectativa cando comezas a publicar tan cedo. E eu non tiña nin 20 anos. Dende entón ata agora penso que evolucionou bastante o que fago. Porque evolucionaron as miñas lecturas e o meu propio mundo. Si que penso que hai unha constante: unha escrita sobre o político, sobre o común, tratando de evitar os tópicos da poesía social, do panfleto, que é algo que non me interesa. Interésame arriscar e tratar de investigar coa linguaxe. E interésanme as marxes. Este Interna sospeito que será o libro que se vai interpretar como menos político. Porque está escrito dende o eu.

Tampouco lle quedaba outra que poñerse a escribir sendo filla de Xosé Luís Méndez Ferrín e Moncha Fuentes.
Eu que sei... Supoño que si que me quedaba outra! As persoas somos libre e autónomas. Agora si, recoñezo que tes razón en que a querencia polos libros e a paixón pola literatura me rodeou dende pequena.

Únena moitas cousas aos seus pais: o compromiso político, o amor pola literatura, a escrita poética, a tradución...
Si, sen dúbida. Existen os paralelismos ou os intereses comúns. Pero tamén hai que dicir que se algo nos ensinou o feminismo é que é as mulleres debemos ser autónomas. Nin fillas de, nin mulleres de... A nosa valía demóstrase por si mesma e a crítica merecémola por nós mesmas tamén. Eu defendo iso. A miña obra fala por si mesma.

Como tradutora traballou con Kalandraka traendo ao galego 'O amante', de Marguerite Duras.
Eu traballara un pouco nesa tradución por gusto cando estiven en París cunha bolsa Erasmus. O meu amigo Gonzalo Hermo e o poeta Antón Blanco sabían que estivera traballando nisto e comentáronllo a Xosé Ballesteros. A partir diso foi que Kalandraka confiou en min e eu estareille sempre moi agradecida porque foi unha das experiencias máis fermosas que puiden atravesar. Non é creación, é tradución, pero é unha experiencia moi poderosa porque te mergulla completamente nunha historia. E teño a sorte de que igual sae algunha tradución máis con Kalandraka! Non se pode adiantar, pero algo hai.

Ten na súa conta da rede social Twitter un tuit fixado cunha cita de André Gide: "Todo está dito; pero como ninguén escoita, sempre hai que comezar de novo".
Si, xunto a un cartel contra a violencia machista. Porque aínda que xa se dixo milleiros de veces que hai que erradicar a violencia patriarcal, é necesario repetilo. Trátase de insistir na necesaria loita do feminismo.

Oriana Méndez, poeta: "Cada unha vai buscando a súa propia voz"
Comentarios