Orixinais do 'Álbum Nós' de Castelao xa están expostos no Museo de Pontevedra

Preto de duascentas pezas orixinais, que amosan a evolución da vida artística do autor, foron cedidas durante cinco anos

Un instante da inauguración das dúas novas salas do Museo de Pontevedra dedicadas a Castelao. DAVID FREIRE
photo_camera Un instante da inauguración das dúas novas salas do Museo de Pontevedra dedicadas a Castelao. DAVID FREIRE

Os cincuenta orixinais do Álbum Nós, unha das obras máis emblemáticas de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, presiden desde este martes as dúas salas que o Museo de Pontevedra dedica á traxectoria artística e política do autor.

O museo pontevedrés reúne por primeira vez preto de duascentas pezas orixinais de Castelao, unha figura "imprescindible" para a historia de Galicia, segundo destacou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

Durante a inauguración destas dúas salas de exposición permanente, Silva celebrou que este museo se convertese nun "insuperable" centro de referencia para o estudo da vida e obra "do noso galego máis universal".

A presidenta destacou que o Álbum Nós supuxo o "despegamento" de Castelao como artista e encomiou a temática recollida polas estampas que mostran "con preocupación e gran realismo", as condicións de vida do pobo galego e as secuelas sociais da Galicia da época como a emigración, o caciquismo, as inxustizas sociais ou a violencia contra as mulleres.

O director da entidade, Carlos Valle, destacou que as pezas expostas mostran "o máis esencial" do traballo do intelectual galeguista, xa que "salvo que apareza unha novidade de magnitude na súa obra, todo o importante que produciu Castelao está aquí".

A incorporación do Álbum Nós, desaparecido desde os anos 30 do século pasado, produciuse de forma temporal en 2016 con motivo da mostra Meu Pontevedra e agora foi cedido polos seus propietarios ao museo durante cinco anos.

A partir de agora, explicou Valle, poderase contemplar dentro da "secuencia evolutiva" de Castelao que mostran as dúas salas do museo un traballo que supuxo "un antes e un despois" no labor artístico de Castelao e na evolución da arte galega do século XX. 

Á reapertura destas salas acudiron, entre outros, membros da Real Academia Galega, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, ou os alcaldes de Rianxo e Pontevedra, Adolfo Muíños e Miguel Anxo Fernández Lores respectivamente. 

Comentarios