Ortiga, Heredeiros, Boyanka Kostova, Grande Amore, Terbutalina e Berto actuarán no Surfing the Lérez

O festival, que se celebrará entre o 23 e o 25 de xuño na Illa das Esculturas, acollerá o regreso da banda de metal de Pontevedra Dismal, que leva máis dunha década sen actuar en directo ▶ Haberá catro escenarios, un deles dedicado integramente ao público infantil con actuacións de Golfiños, Magín Balanco e un obradoiro de García MC
Marcos Rivas, Pablo Zentolo e Carme da Silva, na presentación do festival. CONCELLO DE PONTEVEDRA
photo_camera Marcos Rivas, Pablo Zentolo e Carme da Silva na presentación do festival. CONCELLO DE PONTEVEDRA

Un cartel cen por cen galego e cunha importante presenza pontevedresa é o do festival Surfing the Lérez, que terá lugar entre o 23 e o 25 de xuño na Illa das Esculturas. Ortiga, Carlangas (Novedades Carminha), Heredeiros da Crus, Ruxe Ruxe, Boyanka Kostova, Familia Caamagno, Berto, Grande Amore e Terbutalina son algúns dos grupos que a concelleira de Festas, Carme da Silva, e o coordinador do evento, Marcos Rivas, anunciaron que recuperarían o festival, despois de dous anos se celebrarse a causa da pandemia. "Levamos dous anos agardando para facer esta romería como ten que ser, coa xente de pé bailando ou sentada polo chan".

Dos máis de 40 artistas do cartel, Marcos Rivas destacou a Dismal. A banda de metal pontevedresa, toda unha referencia da escena local na primeira década de 2000, que publicou catro discos, actuou en festivais como Festimad e compartiu escenario con Sepultura ou Napalm Death, leva máis dunha década sen actuar en directo. Hai uns meses os seus integrantes comezaron a xuntarse de novo para tocar e de aí xurdíu a posibilidade de volver dar concertos. Comezarán no Surfing the Lérez e seguirán, por exemplo, no Kanekas Metal Fest de Cangas (no mes de xullo). "Están moi ilusionados e moi nerviosos con esta volta", dixo Rivas. "E eu tamén".

Parte dos integrantes da banda Dismal. DISMAL
Parte dos integrantes da banda Dismal. DARK MEMORIES PHOTOGRAPHY

A programación comezará o xoves a partir das 16.00 horas coas propostas "máis urbanas" do festival. "Celebraremos a noite de San Xoán cunha sardiñada e facendo o cacho, que se poderá levar despois para a casa". O venres, xa con xornada completa de actuacións, será a do rock and roll. "Entre outras cousas será o día no que Heredeiros da Crus dará, por primeira vez, un concerto eléctrico ao mediodía, en sesión vermú. Vai ser interesante". Finalmente, o sábado, para os responsables do festival é o día "que lle dedicamos ao futuro da música en galego".

Na noite de San Xoán haberá unha sardiñada e poderase facer o cacho e levalo para a casa

Dende o evento tamén se quixo destacar a presenza de artistas pontevedreses no cartel. "Están por exemplo Cora Velasco, que nuns días vai estar no festival Son do Camiño, ou Queco Lago, que acaba de gañar o premio do público ao mellor videoclip no Festival de Cans".

Segundo contou Marcos Rivas, o festival reforza o seu carácter familiar instalando catro escenarios. En dous deles terán lugar os concertos. Outro será o da escola Bonobo, no que actuarán, por exemplo, Thom Archi ou Mariña DJ (artistas saídos desa academia artística). "Arredor de 250 nenos e nenas, de entre 3 e 15 anos, alumnos desa escola subirán a ese escenario". Finalmente, o cuarto será un escenario infantil dedicado integramente a ese público. "Alí haberá concertos, teatro ou talleres exclusivamente dirixidos á cativada". Entre outros actuarán Golfiños, Magín Blanco e Xarope Tulú. Nese mesmo espazo García MC  (Dios Ke Te Crew) impartirá un obradoiro de memoria histórica.

Rivas tamén quixo destacar que volvería haber un mercadiño e postos de comida. "Repetimos aposta pola gastronomía, desta volta máis local que nunca. Varios restaurantes vanse arriscar a levar alí as súas propostas".

O cartel desta edición foi realizado por Pablo Zentolo (da marca Rei Zentolo). .

A entrada volverá ser de balde, pero vólvese pedir a colaboración do público coa plataforma Rede Axuda (que traballa con asociacións e colectivos desfavorecidos de Pontevedra) achegando alimentos non perecedeiros.

Comentarios