Volveu o Surfing the Lérez por San Xoán. Pontevedra recupera esta fin de semana o festival da Illa das Esculturas, despois de dous anos sen poder facelo a causa da pandemia. Arrancou este xoves á tarde cos concertos de Uncle Doc & The Homeboys, Wyygga, Golfiños (no escenario infantil), YNGZ, Budiño e Ariezzz. Os pratos fortes foron Ortiga e Carlangas (Novedades Carminha) como DJ, que congregaron a centos de persoas xa ben entrada a noite.
O de Ortiga foi o concerto que rebentou a primeira xornada do evento pontevedrés. Acompañado pola súa troupe habitual, Os deliciosos, puxo a bailar a todo o público facendo un repaso a temas dos seus discos e incluíndo outros dos seus hits, como a versión de A Santiago voy, que fixo con Novedades Carminha e na que o acompañou o vocalista da banda, Carlangas, ou a de Eu chorar chorei, que sacou hai nada con Pili Pampín.
#EnVídeo 📹 Así soou 'Mondo Dolore', de Ortiga, no #SurfingTheLérez pic.twitter.com/e8Oum9bBvW
— Diario de Pontevedra (@Diario_Pontev) June 24, 2022
Tamén tocou o tema Non hai quen me ature, que lanzou recentemente coa viguesa High Paw. Nestes dous últimos casos interpretouno as cancións só. Ademais cantou Restaurantes, de Boyanka Kostova, o dúo de trap que ten con Cibrán García e co que precisamente volverá ao Surfing the Lérez este sábado en sesión vermú, e un par de temas de Los Rastreadores, o grupo que ten con Grande Amore: Acostumbrao e Mondo Dolore. Para estes subiu o propio Grande Amore ao escenario. Tamén subiu un dos integrantes de Conjuntó Amistá para interpretar un dos seus temas con el, que lle foi produtor do seu disco.

O festival continúa este venres enfrontando unha previsión meteorolóxica que anuncia chuvia durante todo o día. No apartado musical a xornada estará marcada por dous concertos: o primeiro da xira do 30º aniversario de Heredeiros da Crus, que ademais farán por primeira vez unha actuación completa e en formato eléctrico nun horario de sesión vermú (13.00 horas) e o que supón o regreso da banda de metal de Pontevedra Dismal aos escenarios despois de 15 anos de silencio.
A xornada do venres estará marcada polo inicio da xira de 30º aniversario de Heredeiros da Crus e polo regreso de Dismal aos escenarios
A maiores, este venres, cando haberá música en directo de xeito continuo dende as 12.00 horas ata a madrugada, tamén pasarán polo Surfing the Lérez Ruxe Ruxe, banda mítica do rock galego que celebra 25 anos enriba dos escenarios; Moura, unha das grandes revelacións da escena musical galega, que está a punto de realizar unha xira por todo o territorio estatal; o grupo rock, blues e punk Thee Blind Crows; o veterano Indy Tumbita xunto aos seus The Voodoo Bandits; e Anxo Araújo, que presentará en directo ‘Plan de Urbanismo para un novo Couto Mixto’, un dos traballos que máis expectación levantou este ano na escena independente.

O programa complétase coa presenza dos locais Gazela, O Cadelo Lunático e Fondo Norte e cunha sesión de peche do festival a cargo do xornalista musical e DJ Carlos Crespo. Precisamente, o escenario Karma Club estará hoxe dedicado en exclusiva a DJ como Señora DJ, Kris K DJ, DJ Dinero e Maefield.
A maiores, no escenario infantil está previsto que haxa dous concertos, o de Magín Blanco pola mañá e o de Xarope Tulú pola tarde, e dous obradoiros, un de béisbol a cargo de Relámpagos pola mañá e outro de memoria histórica e rimas a cargo de García MC pola tarde.
O festival, como viña sendo habitual, é de entrada libre e gratuíta, pero a organización pídelle aos asistentes que realicen unha doazón solidaria en forma de alimentos non perecedeiros, que despois xestionará a plataforma Redeaxuda. Segundo informaron nas redes sociais, solicítase de xeito especial leite, cacao, conservas de pescado e aceite.