Ortiga: "Vida só hai unha e hai que aproveitala"

"Sempre estou encantado de volver a Pontevedra", di Ortiga. Aquí estudou Fisioterapia e aquí estivo en maio por partida dobre: co seu proxecto en solitario e con Grande Amore. Esta semana repite: este mércores con Boyanka Kostova e o venres nunha charla con Pili Pampín
Ortiga, durante un concerto en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Ortiga, durante un concerto en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Manuel González (Santiago, 1994), O Chicho do Funk, Chicho, Ortiga, é un dos artistas galegos máis importantes da actualidade. Directamente conectado con outros nomes que, nos últimos anos, renovaron a música en galego afastándoa de calquera clixé, como Grande Amore, o seu traballo e o seu discurso caracterízase pola falta de complexos. O Concello de Pontevedra escolleuno no mes de maio para, dentro do programa Cabos Soltos, recuperar os concertos ao aire libre. Uns poucos días despois repetiu, desta vez dentro do festival Galegote, con Los Rastreadores. Esta semana volve estar por partida dobre en Pontevedra: este mércores, con Boyanka Kostova no Mirador de Monte Porreiro (21.00 horas), dentro do ciclo Urbana, e o venres, con Pili Pampín na Ponte do Burgo (20.00 horas), pechando a iniciativa En3vistas. As dúas citas teñen entrada de balde (sen reserva previa), con acceso limitado e medidas anticovid.

En maio estivo en Pontevedra por partida dobre e esta semana repite.Vai ter que buscar casa por aquí.
Xa tiven! Vivín aí catro anos, mentres estudaba. E a verdade é que foron catro anos moi guais que lembro con moito agarimo. Estou moi contento de que en Pontevedra me traten tan ben. E sempre estou encantado de volver por aí.

Vai actuar con Boyanka Kostava [o proxecto de trap que ten con Cibrán García] en Monte Porreiro. Como vai ser ese concerto?
O que temos pensado é repasar as cancións que máis nos gustan e empezar a tocar temas do próximo disco, que sairá seguramente despois do verán.

"O fácil sería frustrarse, mandalo todo á merda e pedir que te esperten cando a cousa pase. Eu prefiro estar entre os que permanecen espertos"

Ortiga, Boyanka Kostova, Los Rastreadores... Mantén ata tres proxectos paralelos.
Si. O que pasa é que Cibrán, de Boyanka Kostova, é un dos meus mellores amigos de sempre e gústanos facer cousas xuntos. Os dous somos músicos e o máis natural é que, cando nos xuntamos, saia música. E Los Rastreadores foi algo que xurdiu despois de compartir a xira de Ortiga con Grande Amore. Ao pasar tanto tempo xuntos e tratar de aprender un doutro, queiras que non, empezaron a aparecer cancións. Sen ningún tipo de pretensión, co paso dos meses, saíu un disquiño. Foi algo divertido.

Non se volve un pouco tolo atendendo a tantas cousas?
Si, un pouco si (ri). Pero, a ver, vida só hai unha e hai que aproveitala para facer cousas. En realidade, todo naceu de forma bastante espontánea. O meu soño dende sempre foi vivir da música.

Pasalo ben e facelo pasar ben é o seu obxectivo primeiro?
Si, seguro. Pero non me gustaría que se entendera isto como algo pouco profesional. Nós somos artistas e a arte, ao final, é algo banal. Non vai cambiar o mundo. Ao que si que axuda a arte é a pasalo ben, a gozar. Así que, polo menos, trato de facer algo que me gusta e de pasalo ben no proceso. Porque ademais é fácil que, se ti o pasas ben, acabes conectando con alguén. Sempre hai un roto para un descosido. Pero se ti non o estás pasando ben, malamente vas conseguir conectar cos demais.

Tocar en directo en pandemia é especial?
A ver, eu estou moi agradecido por poder tocar en directo. A isto é ao que me dedico e ao que quero orientar a miña vida. Pero todos somos conscientes de que non é tan divertido como antes. Dá un pouco de pena. Por outro lado, o fácil sería frustrarse, mandalo todo á merda e pedir que te esperten cando a cousa pase. Eu prefiro estar entre os que permanecen espertos. A nosa función é un pouco esa tamén, deixar que non morra este rollo. Xa bastante duro é tratar de vivir da música en Galicia, como para agora abandonar.

"Por que hai que xustificar todo o puto tempo que falas galego? Por que non se pode falar e punto?"

Séntese parte dun grupo de xente, como Grande Amore ou Verto, que está mudando o panorama musical en Galicia? Ou non hai nada diso?
Eu, sobre todo, o que fago é o que me dá a gana. Pero si que é verdade que hoxe hai un grupo de xente que traballa con novos paradigmas. Quero dicir que si que noto que probablemente sexamos unha das primeiras xeracións que emprega o galego sen darlle máis voltas, sen reivindicar nada concreto ou sen unha actitude manifestamente contestaria... Aínda que, ao final, sexa contestaria igual porque todo é político. Pero quero dicir que usamos o idioma con naturalidade, porque é o noso, porque nos presta seducir con el. Cando eu tiña 18 anos, se querías ir de festa e escoitar música en galego, tiñas que ir ao Avante e comerte o correspondente Los Chikos del Maíz de aquí. Paréceme guai que agora poidas ir a calquera garito e poidas escoitar en galego pop, punk, trap ou o que queiras, sexas pijo, metalero, hippy ou o que sexa, sen quedar todo reducido ao enésimo mexan por nós e din que chove. Iso para min xa pasou. Mola moito que comece a haber outras mentalidades.

Precisamente do uso do idioma vai falar no ciclo En3vistas.
Todas as charlas de normalización e eses rollos teñen que facerse, vale, pero a min no fondo danme pena porque, a ver, me cago en todo, por que hai que estar todo o puto tempo xustificando que falas galego por isto ou polo outro, porque así podes ir a Angola ou a Mozambique ou non sei onde. Como se non puideses ir! Eu falo galego porque é o meu idioma e xa está. É a lingua que fala a miña familia e a lingua que me representa. Non teño que andar explicando en plan académico por que falo galego. Pero onde se viu iso? Porque é a miña lingua e nada máis. O natural é que a fale. Por que a xente non pode falar galego e punto?

Pero vostede é dos optimistas ou dos pesimistas con respecto ao futuro do idioma?
Pois nin idea! Eu o que fago é todo o posible para achegar o meu gran de area a ese futuro. Se axuda a algo, xenial. Se non, polo menos intenteino.

Vai compartir conversa o venres con Pili Pampín.
Non se me ocorre compañeira mellor. Pili Pampín para min é unha referencia da hostia.

Comentarios