Os 90 nunca se foron

Skunk Anansie, The Offspring e Prophets of Rage triunfaron nunha histórica edición do festival Vilar de Mouros, que xa ten continuidade en 2020. Será a última fin de semana de agosto
Concerto de Prophets of Rage. DP
photo_camera Concerto de Prophets of Rage. DP

Skunk AnansieKILLING in the name, o primeiro single do álbum de debut homónimo de Rage Against de Machine, publicouse en 1992. Aquel canto sobre a revolución contra o racismo das forzas da orde non pasou de moda, Trump mediante. Case tres décadas despois protagonizou o momento máis espectacular da terceira e última xornada do festival EDP Vilar de Mouros, celebrado a semana pasada nesta localidade portuguesa, xusto ao outro lado da fronteira minhota.

Non foi casualidade que xusto antes de que os antigos compoñentes desta mítica banda (sen De la Rocha), arrexuntados desde hai un tempo con Chuck D (Public Enemy) e B Real (Cypress Hill), saltaran ao escenario principal, se escoitara nas primeiras filas aquilo de 'Mira Maruxiña, mira como veño'. Hai parroquia.

vilar de mouros fb
    FOTO: LUÍS VALADARES

O de Prophets of Rage foi un dos concertos máis agardados e con maior entrega do público. Ademais dese himno atemporal, Tom Morello e compañía deixaron para o recordo temazos como Bullet in the head, Know your enemy ou Take the power back. Clásicos que, 27 anos despois, seguen funcionando como unha auténtica apisonadora. Non todo foi Rage. Tamén soaron Jump around (House of Pain), How I could just kill a man (Cypress Hill) e Cochise, un emotivo recordo -instrumental- que o brillante guitarrista tivo para o seu malogrado compañeiro en Audioslave, Chris Cornell.

Se o concerto de Prophets foi unha volta aos 90, outro tanto sucedeu na xornada do venres, a máis concorrida das tres (esgotáronse os billetes para ese día e tamén os pases xerais), cos concertazos de dúas bandas moi agardadas: Skunk Anansie e The Offspring. Skin, a icónica vocalista dos británicos, pisou forte empezando con Charlie big potato un ‘bolo’ cheo de enerxía no que mesmo camiñou entre o público. Entre tema e tema non faltaron referencias ao Brexit e á discriminación. Non todo é música.

sisters of mercy
   FOTO: LUÍS VALADARES

A banda de punk rock formada en California en 1984 e que lidera Dexter Holland foi outra das grandes triunfadoras do festival, que tamén contou con outros clásicos como Manic Street Preachers, The Sisters of Mercy ou The Cult, ademais dos representantes locais Linda Martini ou os británicos Gang of Four (que mesmo contaron con Morello e Chuck D de espectadores nunha beira do palco).

A cuarta edición da nova etapa do festival máis antigo da Península Ibérica (estreouse en 1971) foi histórica. Celebrado nun entorno natural privilexiado, con camping e praia fluvial ao carón, pode presumir dunha boa organización, de limpeza e de variedade gastronómica. A vindeira edición xa ten datas: 27, 28 e 29 de agosto de 2020. Apunten na axenda.

Comentarios