''Os Ancares fan que ‘Vilamor’ case pareza unha produción americana''

Ignacio Vilar (Petín de Valdeorras) atópase na promoción do seu último filme, gravado nos Ancares, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz [lugar concreto da comuna] e Asturias que xa leva máis dun mes en cartel e que presenta hoxe ás 12.00 h. na praza de abastos de Ourense.

P Teño entendido que a rodaxe do filme tivo as súas complicacións...

R Si, foi unha rodaxe bastante complicada nos lugares onde sucederon os feitos. Subir a un monte cun metro e medio de neve a 1.600 metros de altura, ascendendo co equipo persoal e artístico, foi complicado. Tivemos que subir con máquinas quitaneves, pero mereceu a pena polas imaxes, que axudan moito á historia. É impresionante velas na gran pantalla. Os espectadores pregúntanos onde é iso, que non parece feito aquí, senón que máis ben e cousa dunha gran produción americana, e dicímoslles que está aí ao lado, nos Ancares e en Negueira de Muñiz.

P Ademais, está facendo unha promoción un tanto inusual coa ‘Caravana Vilamor’.
R Imos cunha Volkswagen mítica dos anos 60. Alí onde imos causa sensación. É a alma da Caravana Vilamor, un tipo de promoción que xa fixeramos con Pradolongo, a nosa película anterior. Percorremos xa máis de 160 institutos e despois estaremos en Ferrol, Narón, Cee... Estamos a chegar a toda Galicia e xa levamos un mes e medio nalgunhas salas.

P ¿Que sensación causa esta ‘Caravana Vilamor’ nos rapaces?

R Pois quedan impresionados. Ven o director e os actores e actrices protagonistas falando sobre a película e, ademais, tamén lles explicamos como facer cine. É o que chamamos encontros didácticos; facemos teatro entre a actriz, os actores e mais eu; explicamos a dificultade de rodar unha secuencia a 1.600 metros... Xa houbo xente que se animou a gravar curtas e incluso querían mercar cámaras, pero eu dígolles que non merquen cámaras, que Vacafilms lles presta o equipo.

P Ademais, esta película atrae persoas de calquera idade...

R Si, porque os personaxes son rapaces coma eles pero hai trinta anos. Incluso estamos vendo que a xente escribe moito nas redes sociais sobre a película. En concreto unha rapaza que foi ver a película emocionouse e foi unha segunda vez a vela coa súa avoa, que tamén me escribiu na Rede e me contou que tamén se emocionou.

P ¿Cre que vivir en comuna podería darse hoxe en día?
R A película ten algo diso, porque contamos unha historia de mozos que querían vivir nunha sociedade nova, volver ao campo en comuñón
coa natureza. Ten que ver moito co que vivimos no presente; estamos a necesitar un cambio e, aínda que está ambientado nos 70, o filme garda certa relación coa actualidade.

Comentarios