"Pizarnik escribe que cada noite esquece suicidarse, pero ninguén pode esquecer iso"

"Os autores do meu libro mátanse cando non dan escrito máis poesía"

Para Juan Tallón, a poesía ten brillo. Ese convencemento lévao a entender que o remate da inspiración poética empuxe á fin da vida. No seu novo libro, ‘Fin de poema’ (Alrevés), fala do suicidio de catro poetas: Cesare Pavese, Alejandra Pizarnik, Anne Sexton e Gabriel Ferrater
Juan Tallón
photo_camera Juan Tallón

JUAN TALLÓN (Vilardevós, Ourense; 1975) é columnista e narrador, aínda que case sempre logra ser ambas as cousas ao tempo, como demostra nos seus artigos dos sábados en El Progreso. Agora recupera en español a novela ‘Fin de poema’, que publicara en galego en Sotelo Blanco en 2013.

Por que unha novela sobre catro suicidios?

O suicidio é un asunto interesante, aínda que esta non é unha novela sobre o suicidio, senón sobre poetas; porque o suicidio é reiterativo entre os poetas. A unión destes catro poetas vén por como se apaga a poesía, cando non hai voz poética as cousas de ter sentido. O tema da novela é a fin das cousas contada a través do último día de catro poetas que xa non se poden agarrar á ‘barandilla’ da poesía. De aí o título: ‘Fin de poema’. Hai unha fenda que se abre diante dos poetas. Non hai máis poema, non ten sentido seguir vivindo.

Por que son poetas?

Sinto fascinación polos poetas. Quixera ser poeta. O poeta ten un virtuosismo coa linguaxe do que eu non gozo.

Vostede escribe poesía? Non lle pregunto se a publica, que xa sei que non; pero escribe poesía?

Non escribo poesía... É que as palabras ‘poeta’ e ‘poesía’ xa o din todo... emiten brillo. Pero o que me atrae destes catro personaxes é o seu final tráxico. Un acontecemento que relaciona os catro é que se matan porque soamente a poesía os ata ao mundo. Cando non son capaces de escribir máis suicídanse. Ser poeta sen poesía non ten sentido. Hai unha cuestión estatística... o suicidio é máis habitual entre poetas, pero prefiro non entrar nese tema.

Non pensa que pode ser ao revés: que os desesperados escriben poesía?

Hai unha situación incómoda que provoca unha pertubación, esa perturbación convértese en obsesión que leva ao suicidio.

Vostede escolle catro poetas de entre todos os que se quitaron a vida. Supoño que manexou máis nomes.

Os catro autores que elixín son poetas que viña lendo. Teñen vidas torturadas e finais dramáticos. Son coherentes coa súa poesía. Calquera deles anuncia a súa morte cunha noite de antelación. Os seus contornos non puideron dicir que fose unha sorpresa, estaban avisados. Por iso son estes catro autores e non outros.

O labor de investigación foi notable.

Fixen a investigación que me resultou posible. Lin os seus libros e libros sobre eles, pero non é posible saber de xeito exhaustivo o que fixo cada un deles nas últimas 24 horas da súa vida, que son as que se contan en ‘Fin de poema’. Sabemos como morreron, como atoparon os cadáveres,...

Os seus protagonistas teñen problemas de comunicación. Non lle parece iso máis importante que a fin da súa creatividade?

Sofren unha situación de incapacidade para chegar ao outro. Hai incomunicación, que é unha forma de silencio e o silencio é un acabamento.

A desesperación leva a todos a consumir drogas.

Todos eles, menos Pavese, son vítimas da adición ao alcol. No caso de Ferrater e Sexton contribúe a ese ambiente de paranoia e incomunicación, de non sentirte vinculado coa vida. Ferrater dixo de novo que non quería «cheirar a vello», non quería envellecer.

Os suicidios dos catro personaxes están pouco narrados.

Non me interesaba tanto contar os suicidios coma a fin da voz narrativa. Nese último día non hai onde apoiar os pés, están sobre a fenda. A morte en si non tiña interese porque non é un libro sobre o suicidio, senón sobre un silencio irremontable.

Comentarios