Os Bolechas darán a coñecer en Pontevedra a figura de Castelao

A familia da famosa serie infantil visitará o Sexto Edificio o vindeiro sábado, onde presentará un libro e se celebrará unha festa. A entrada será de balde

Os Bolechas, a familia da serie infantil máis popular da ficción galega, desembarcarán o vindeiro sábado no Museo de Pontevedra para dar a coñecer a figura e a traxectoria de Castelao entre o público familiar. O motivo desta é a presentación pública da guía Os Bolechas coñecen a Castelao no Museo de Pontevedra, editada en colaboración coa Deputación de Pontevedra con motivo das efemérides que este ano se celebran en relación co autor rianxeiro.

A presentación comezará ás 12 horas no Auditorio do Sexto Edificio e a asistencia será gratuíta ata completar o aforo da sala. Comezará coa presentación do libro a cargo dos propios irmáns Bolechas, e continuará cun percorrido polo Sexto Edificio, para rematar cunha festa no espazo exterior.

A festa realizarase diante da entrada principal, onde aparcará o coche dos Bolechas, que porá a banda sonora co seu disco. Alí habilitarase un espazo para pintar e debuxar láminas relacionadas co autor rianxeiro, realizarase un obradoiro de maquillaxe para que os participantes se poidan caracterizar coma pequenos Castelaos, e tamén se disporán xogos populares e un taller de chapas relacionado coa figura do artista.

Os bolechas coñecen a Castelao no Museo de Pontevedra nace coa intención de dar a coñecer a figura de Castelao e a súa extensa traxectoria ás xeracións actuais dun xeito lúdico e adaptado ás idades máis temperás. Na guía, os irmáns Bolechas coñecen da man do avó Emiliano a historia biográfica do artista de Rianxo a partir dun paseo que están dando pola cidade de Pontevedra e que toma como eixo central o propio Museo. Deste xeito, actualízase unha figura intelectual e toda a súa significación histórica e sálvase a distancia temporal de 100 anos entre a chegada de Castelao á cidade e a actualidade.

A guía será entregada aos cativos que se acheguen o sábado ao Sexto e, a partir do sábado, será distribuída nas bibliotecas e puntos de lectura dos concellos da provincia, e a través do grupos de centros educativos que visitan o Museo.

Comentarios