sábado. 04.12.2021 |
El tiempo
sábado. 04.12.2021
El tiempo

Os conflitos e a pobreza, analizados por Ignacio Ramonet e Ramón Chao

Os escritores e xornalistas galegos Ignacio Ramonet e Ramón Chao falarán hoxe a partir das 20 horas no Multiusos da Xunqueira de Redondela sobre 'A guerra e a paz de hoxe. Xeopolítica dos conflitos contemporáneos' e sobre 'A guerra contra os pobres', respectivamente.

O alcalde de Redondela, Xaime Rei, presentará aos convidados a esta conferencia a dúas bandas organizada polo Club Internacional de Prensa dentro do ciclo 'Os latexos do mundo', en colaboración co xornal Le Monde Diplomatique.

Ramonet e Chao repetirán mañá á mesma hora no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia en Lugo, presentados polo secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado.

Os conferenciantes exporán algunhas das claves para entender o mundo contemporáneo e sinalarán as lóxicas dos principais enfrontamentos actuais. Ao tempo, analizarán as consecuencias que se poden derivar da "guerra internacional contra o terrorismo" e a marxe de manobra dos cidadáns.

Perfís
Nado en Redondela, Ramonet é doutor en Semioloxía e Historia da Cultura, así como catedrático de Teoría da Comunicación e especialista en Xeopolítica e Estratexia Internacional.

O director de Le Monde Diplomatique en España e impulsor do colectivo antiglobalización Attac é autor de libros como 'La golosina visual', 'La tiranía de la comunicación' ou 'Guerras del siglo XXI', entre outros, e co autor de 'Cómo nos venden la moto', xunto a Noam Chomsky, ou 'Rebeldes, dioses y excluidos', con Mariano Aguirre.

Os vínculos a Attac e a Le Monde Diplomatique unen a Ramonet co vilalbés Ramón Chao, tamén xornalista e escritor. En 1956, Chao emigrou a Francia para estudar piano. Alí dirixiu emisións radiofónicas en galego e foi correspondente da revista Triunfo. Actualmente colabora en Le Monde Diplomatique e El País.

Nomeado Cabaleiro das Artes e das Letras polo goberno francés en 1991, Chao escribiu libros como 'Guía secreta de París', 'El lago de Como', 'Palabras en el tiempo', 'Conversaciones con Alejo Carpentier', ou 'Un posible Onetti', entre outros.

Os conflitos e a pobreza, analizados por Ignacio Ramonet e Ramón Chao
Comentarios
ç