Os contos que agocha Pontevedra

O encontro de contadores reuniu na cidade a narradores de todo o mundo que protagonizaron actividades durante toda a fin de semana. Unha das máis exitosas foi a ruta de historias polos recunchos de Pontevedra, que foi quen de manter a asistencia pese a celebrarse mentres se disputaba a final da Champions
O narrador peruano Wayqui ante a igrexa de Santa María contando unha historia
photo_camera O narrador peruano Wayqui ante a igrexa de Santa María contando unha historia

Rochas que falan para contar historias, estrelas que, dun chimpo, se somerxen no mar porque se namoran dun gran de area, o amor entre o corvo e a morte ou os encontros sexuais entre unha doncela da nobreza e un fornido cabaleiro. Os recunchos da cidade serviron como escenario a noite do sábado para que cinco contadores chegados de todo o mundo relatasen as súas historias aos que pasaron por alí.

A meteoroloxía acompañou e a ruta de historias por Pontevedra, unha das actividades estrela da programación de Sete Falares, celebrouse por primeira vez ao aire libre. "Sempre temos un plan B por se o tempo non acompaña e temos que trasladar as actividades a algún lugar a cuberto. Este ano foi a primeira vez que non tivemos que botar man del", contaba Tareixa Alonso, de Pavís Pavós, os encargados do evento.

Mais os organizadores tamén confesan que estaban preocupados por se os niveis de asistencia baixaban. "Tiñamos un duro competidor, o fútbol", explicaba Alonso referíndose á final da Champions que se xogaba esa noite. "Porén, aínda que coas primeiras quendas nos asustamos porque non había as colas de sempre, na última das rutas incluso participou máis xente das prazas que había", contou.

As rutas realizábanse en grupos de 60 persoas e en catro quendas cada 20 minutos, que saíron dende a Casa das Campás a partir das 22.00 horas. O primeiro recuncho en acoller un conto foi o piso máis alto dese mesmo edificio. Alí agardaba Ana Lage cun pano con estampado típico portugués. A contadora, de Viana do Castelo, relatou unha historia típica miñota na que mesturaba o amor e a comedia. "Estaba previsto que fose fóra, pero Lage lesionouse e habilitamos a sala para que ela estivese máis cómoda", contou Tareixa Alonso.

CONTOS DE AMOR. A seguinte parada foi nas escaleiras fronte a fachada da igrexa de Santa María. Sobre unha alfombra típica do seu país, Perú, e acompañado da música dun pequeno instrumento que facía soar mentres avanzaba a trama, Wayqui explicou un mito sobre a orixe das estrelas de mar. Tratábase dun conto de amor no que un gran de area se namoraba dunha estrela que remataba lanzándose ao fondo do mar para atoparse co seu namorado. O contador peruano despediuse do público desexando que os asistentes se esquecesen del, mais non do seu conto. "Que les acompañe en sus vidas, cuéntenselo a sus seres queridos, porque las historias nos acercan los unos a los otros".

Na Alameda agardaba a brasileira Ana Lines, que narrou un conto típico do seu país no que a protagonista era unha rocha que relataba historias que alimentaban a unha vila enteira.

O percorrido, que non se coñecía antes de comezar xa que todos os anos é unha sorpresa, continuou nos Xardíns de Vicenti co contacontos de Guadalajara Pep Bruno, que recorreu á tradición oral francesa do século XIII, en concreto aos ‘flabiaoux’, que son contos cómicos cun alto contido erótico. Deste xeito, Pep Bruno fixo sorrir aos asistentes coas andanzas dunha moza da nobreza francesa pechada nunha torre para preservar a súa honra.

A última parada tivo lugar ante a antiga sede de Facenda, nas escaleiras do convento de San Francisco. Alí, Paula Carballeira falou da desesperada procura do corvo por atopar unha moza sabia e vella e de como, na súa búsqueda, foi dar coa morte.

Os acontecementos futbolísticos non foron alleos á velada e, ante os constante berros de celebración polas rúas da cidade, os contadores souberon saír do paso con espontaneidade.

ÚLTIMAS CITAS. O encontro de contadores de contos finalizou onte o seu programa de actividades con citas ao longo de todo o día. Deste xeito, durante a mañá houbo un encontro co galego Manuel Solla para público familiar na Casa das Campás. Xa pola tarde, o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) acolleu unha sesión co peruano Wayqui e máis co contador de Guadalajara de orixe catalán Pep Bruno. "O CITA é un lugar que lles encanta a todos os contacontos, ten un ambiente moi bo para relatar historias", explicaba Alonso.

O balance final das actividades é positivo por parte da organización. "Cada vez achéganse máis adultos, incluso ás actividades para público familiar, e iso é moi satisfactorio", comentaba Tareixa Alonso. Foi así como o IV Encontro Internacional Sete Falares rematou, un ano máis, con final feliz repartindo contos chegados de todos os lugares do mundo entre maiores e pequenos.

Comentarios