Los festivales toman una semana más la geografía gallega

Galicia énchese unha semana máis de citas musicais para alegría de todos os festivaleiros da comunidade. A festa arranca este luns mesmo ao son do jazz no Festival Novas Músicas de Monforte, que rematará o vindeiro domingo. Trátase dun ciclo de jam sessions que percorrerá os diferentes barrios da vila.

O xoves 20, a atención trasládase á provincia de Pontevedra, co Festival Berra! Baiona. De carácter gratuíto, contará con música, obradoiros, unha mostra de artesanía e actividades para os máis pequenos. O mesmo día, comeza en Silleda o Bandeirock, tamén gratuíto e con nomes como Tungsteno, Semos Peligrosos ou Rumba que te Fixo.

A partir do venres, comeza un verdadeiro atracón de citas. O primeiro en abrir a veda será o Ortegal Rock, celebrado en Cariño ata o sábado, con Reincidentes como prato forte do menú. Esta sexta edición será, como sempre, de balde. O mesmo día celébrase en Castro Caldelas o Ponte Louco, unha nova cita que pretende poñer no punto de mira á cultura alternativa, con música, obradoiros, contacontos, curtametraxes, pasarrúas, títeres...

Variedade onde escoller
Un día despois, aterriza en Meis o Dolorock. Este ano, os protagonistas serán os barceloneses Love of Lesbian, acompañados de bandas como The Blows ou Niños Mutantes. A entrada ao recinto e á zona de acampada serán totalmente gratuítas. Tamén comeza nesa mesma data o Festival Independiente de Vilalba, con nomes como Juan Rivas, Cornelius 1960 ou The Pinker Tones. A entrada, de balde.

Tamén se celebra ese sábado a Noite Folk de Negreira, que cada ao recibe menos xente. Co fin de reactivalo, desta vez cambia de ubicación e trasládase á praza do Concello, en pleno centro urbán. Ademais, por estas datas Cuntis acolle o Festidoiro, unha cita especialmente comprometida con Galicia e a súa música. Como mostra, unha ollada ao cartel, que conta con bandas como Kogito, Skacha, Machina, Spooner Street pu Vichelocrego, cuxas actuación poderanse ver gratis.

Troula en Moeche e Incio
En Moeche será o turno do XXX Festival Irmandiño, que rememora as famosas revoltas e que se celebra xa dende 1979, con actuacións musicais e o coñecido simulacro do asalto ao castelo, sen dúbida o momento máis agardado por todos os que se achegan ese día ata a vila. As actuacións correrán a cargo de Bellón Maceiras Quinteto, Mallacan e Lamatumbá. Os concertos, aparcamento e zona de acampada serán de balde.

Tampouco nos podemos esquecer da VII edición do Festival Terra Brava, que se celebrará o domingo 23 no Incio e que conta con propostas musicais tradicionais, gastronómicas e de animación. O nome do festival débese ao famoso libro de Ánxel Fole. Entre os organizadores do evento atópanse importantes persoeiros da cultura galega, como Carlos Núñez. Agora só queda escoller a cita que máis nos acaia e gozar con algún dos últimos festivais do verán galego.

Comentarios