Os Martín Códax da Música renovan a súa aposta por Pontevedra como sede

A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, participa na presentación da terceira edición duns premios que queren conxugar a visibilidade do sector coa reivindicación da súa rendibilidade
Anxos Riveiro, Jacobo Sutil, María Garrido e Ramón Bermejo na presentación dos galardóns o luns  en Santiago
photo_camera Anxos Riveiro, Jacobo Sutil, María Garrido e Ramón Bermejo na presentación dos galardóns o luns en Santiago

Ata o 29 de febreiro está aberto o prazo para presentar candidaturas aos III Premios Martín Códax da Música, uns galardóns que renovan a súa aposta por Pontevedra como sede da gala final.

A Asociación Músicos ao Vivo presentou onte estes recoñecementos, que tratarán de "visibilizar a calidade artística que ten o sector" en Galicia e a súa capacidade para ser "rendible". Así o explicaron os responsables do certame durante a presentación en Santiago da terceira edición, que contou coa participación do director da Agadic, Jacobo Sutil, e da concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro. "Este ano, entre as novidades da convocatoria, están o cambio de data, que antes era no Nadal e agora a organización quixo facer coincidir con outros premios do mundo das artes, e o aumento de categorías, que pasan a ser 16 e inclúen as agrupacións corais", comentou Anxos Riveiro, á volta da presentación, xa en Pontevedra.

Sutil destacou en Santiago a "relevancia"  adquirida dentro do ámbito da música profesional por estes premios de aínda "curta" traxectoria e apuntou que o seu amplo abano e a súa estrutura permiten "transmitir non só a parte artística" do sector, senón o seu ámbito "produtivo".

Na mesma liña se pronunciou Riveiro, que mostrou a súa satisfacción polo feito de que Pontevedra volva acoller estes premios para mostrar "o moito e moi bo que se está a facer en Galicia" neste ámbito.

ADEGAS. Na presentación tamén participou María Garrido, a directora de Mercadotecnia das adegas Martín Códax, patrocinadoras dos premios xunto co Concello de Pontevedra. Na súa intervención, Garrido puxo de relevancia o papel destes galardóns para "visibilizar a calidade artística que ten este sector" e o seu poder para xerar "rendibilidade". Finalmente, destacou o nexo entre o viño e a música como xeradores de "cultura propia" en Galicia.

A III edición dos premios Martín Códax é unha convocatoria "aberta a todos os proxectos musicais galegos", explicou Ramón Bermejo en nome da organización, que divide o galardón ao mellor proxecto musical galego en 16 categorías.

Así, poderanse presentar candidaturas dende este luns e ata o 29 de febreiro nas categorías de pop e indie; rock; blues, funk e soul; metal; canción de autor; hip hop e músicas urbanas; reggae, ska e mestizaxe; electrónica; música clásica e contemporánea; jazz; música tradicional galega; folk; músicas do mundo; música infantil; orquestras, grupos musicais e verbena, e coros e música vocal.

As bases desta convocatoria permitirán a participación de grupos de fóra de Galicia que canten en galego ou interpreten na súa meirande parte repertorio de raíz galega. Renóvase tamén a gala de entrega de premios, que este ano estará conducida polas actrices e músicas de A Panadería, que participaron onte na presentación do certame.

DATAS. Os socios de Músicos ao Vivo serán os encargados de votar en dúas quendas aos finalistas. Dende o 1 de marzo escolleranse tres finalistas en todas as categorías, que se farán públicos o 7 de abril. Dende o 8 de abril ata o día 20 iniciarase a segunda rolda de votacións, na que se escollerá un premiado por categoría. Os premios entregaranse no Pazo da Cultura o 28 de abril.

A información completa dos galardóns pode consultarse en www.premiosmartincodaxdamusica.com.

Comentarios