Rosende: "Os fans de Dire Straits teñen bo oído: non lles vale calquera cousa"

Para el Mark Knopfler é "o máximo". Segundo confesa, por el foi que empezou a tocar a guitarra e por el foi que montou unha banda tributo a Dire Straits. "Quería ser coma el. Sígoo intentando". Óscar Rosende vén con Brothers in Band hoxe ao Centro Social de Afundación para presentar o seu último espectáculo, ‘The very best of’.
Óscar Rosende
photo_camera Óscar Rosende

Só dúas datas en Galicia inclúe a xira ‘The Very Best of Dire Straits’ de Brothers in Band, que percorre dende xaneiro máis dunha ducia de cidades de toda España. "E seguimos pechando concertos para o verán e para despois". A que se anuncia como "a mellor banda tributo a Dire Straits" estará hoxe en Pontevedra (Centro Social Afundación, 21.30 horas, 22 e 25 euros máis gastos, servinova.com) e o sábado 28 de febreiro en Santiago de Compostela. "Tiñamos que pasar pola casa", di o vocalista e guitarrista do grupo, Óscar Rosende (A Coruña, 1981), alter ego de Mark Knopfler neste espectáculo.

Así que a súa é a mellor banda tributo a Dire Straits.
Isto saíu a raíz dunha cousa que nos pasou con Guy Fletcher, o que foi teclista de Dire Straits e segue sendo teclista de Mark Knopfler, que confundiu o noso traballo cunha grabación deles. Así que o que comezou sendo a ‘maior banda tributo a Dire Straits’ acabou transformándose na ‘mellor banda tributo a Dire Straits’. O público é soberano para quitarnos o título ou deixárnolo. E, por agora, non hai queixa. Comezamos esta xira o 15 de xaneiro en Alacante e a verdade é que imos de cheo en cheo. Oxalá siga así moito tempo.Non nos podemos queixar.

Estrean un novo espectáculo.
Así é. Ata agora o que faciamos era unha recreación do repertorio da última xira do grupo, ‘On Every Street’, do ano 1992, que despois se recolleu no álbum titulado ‘On the night’. Pero decidimos darlle unha volta a isto e ofrecer algo máis aberto, que nos dése máis liberdade á hora de poder elixir cancións e introducilas no espectáculo. Levamos ademais unha posta en escena e un deseño de luces máis traballado.

E pasan por Galicia.
Home, non podiamos deixar de pasar pola casa. E facémolo marcando un pouco a diferenza. O máis común sería facer A Coruña e Vigo. Nós preferimos un Pontevedra e Santiago. E en dous recintos que nos gustan especialmente. Estamos indo cada vez máis a este tipo de espazos: pazos de congresos, auditorios, teatros... Vemos que o noso público goza máis dos nosos concertos se ten unha butaca para sentarse nun momento dado, aínda que despois se erga noutro. Ademais, os músicos estamos moito máis cómodos e o espectáculo loce moito máis.


Porque Brothers in Band é unha banda galega.
Por suposto. Temos mesmo dous membros da provincia de Pontevedra, os dous teclistas: Iago Mouriño, de Lalín, e Xosé Antonio Vilas, de Cambados. E o resto somos todos galegos. E cando digo o resto refírome aos catorce que imos na xira, os nove músicos e os cinco técnicos. Todos galegos agás Pablo Gisbert, o valenciano do pedal steel guitar. Ben, e José García, que é de Vegadeo. Pero xa se sabe que Vegadeo e Ribadeo aí están (ri). Metémolo no saco tamén.

«Brothers in Band cobre esa necesidade que
hai de oír unha serie de cancións en directo
que doutro xeito sería imposible»

Como naceu o grupo?
Pois de ‘chiripa’. De casualidade total. Dunha conversa entre amigos en 2007. É verdade que a pedra angular fun eu, que tocaba a guitarra e quería ser como Mark Knopfler. Aínda sigo intentándoo. Por que non montar unha banda tributo a Dire Straits? Xuntámonos catro e fixémolo. Empezamos a actuar ao ano seguinte. E despois pensamos: por que non ampliamos a banda como fixeron eles para a última xira e metemos algún percusionista, algún saxo? E fixémolo. En principio para un concertó só que iamos facer en Ourense en 2009. Pero seguimos. E despois chegou o momento de pensar en por que non levar un técnico de son propio, un técnico de luz propio... Fomos medrando ata o que somos hoxe.

Así foi que a Rolling Stone escribiu aquilo de que era difícil atoparse cunha banda tributo cun grao de profesionalización como o seu.
Pois si. O obxectivo era ese e sempre estivo claro, a pesar da mala época que nos tocou vivir. Pero, claro, como che dixen, nós empezamos a tocar en 2008, xa só coñecemos esta situación. Fálannos dos bos tempos, pero nós non os coñecemos. Aspiramos ao maior grao de profesionalización posible. Estamos falando de músicos e técnicos de altísimo nivel sen necesidade de buscalos fóra. Convén resaltalo porque ás veces parece que quenta máis o sol de fóra que o da porta da casa e non ten por que ser así. Só hai que pararse un momentiño para decatarse de que aquí se fan cousas extraordinarias. En definitiva, o que fai tamén Brothers in Band é levar o nome de Galicia por aí adiante.

Esta é unha xira para nostálxicos?
Non creas. Hai de todo. Hai xente que vén aos nosos concertos que non tiña nacido cando aínda existía Dire Straits como grupo. Igual que o meu é herdanza paterna, o de moita xente que vén aos concertos tamén. O que está claro é que hai unha demanda do espectáculo. Pero o máis importante é quizais destacar que aquí non vale calquera cousa. Os fans de grupos deste calibre, como Dire Straits, Pink Floyd ou Queen, por exemplo, teñen moi bo oído musical e moi boa memoria melódica. Tes que poñer moito empeño e moito esforzo na proposta porque a xente non vén ver que tal o fas, vén a que lle deas algo a altura das circunstancias. O público potencial podería estar entre os 40 e os 60 anos. Pero eu teño 33 e da miña xeración hai bastante público. Quero dicir que hai unha certa nostalxia, é inevitable, pero non só iso. Aínda que si, pode ser que nós cubramos esa necesidade de escoitar unha serie de temas en directo que doutra maneira non se poderían oír así. E as cancións son algo orgánico, que ten vida.

"Levo escoitando a Dire Straits dende que teño
uso de razón, toda a vida. E nunca me canso.
Cada noite gozo coma un cativo co espectáculo»


Mark Knopfler é Deus?
Para min é o máximo. Foi a persoa que fixo que eu me interesara por coller unha guitarra, por tocar, por oír máis música. Mesmo hoxe, facendo algo tan diferente ao que facía con Dire Straits, paréceme absolutamente exquisito. Hai xente que nace cun talento especial e el teno. Creo que lle asinou dúas das súas guitarras.

Vai ir velo a Santiago en xullo para conseguir a terceira?
Home, haberá que intentalo polo menos. Asinoume dúas, que, por certo, son das sete que saco cada noite no espectáculo.

Non ten medo a acabar farto de Dire Straits, aborrecéndoos?
Levo escoitando a Dire Straits dende que teño uso de razón, toda a vida, e nunca me canso. Pero a verdade é que dende que comezamos coa banda, comecei a escoitalos doutra maneira. Empezas a estudar as cancións, a tocalas coa banda e pasan a soar doutro xeito. Aprecias os temas dende outro prisma. Sabes que pasa? Que cada noite eu son un espectador máis. Gozo coma un cativo.



Comentarios