sábado. 31.10.2020 |
El tiempo
sábado. 31.10.2020
El tiempo

OSWALDO DIGÓN, MONOLOGUISTA E ACTOR

"A retranca define o noso humor e ata a nosa forma de ser"

Oswaldo Digón. LORENZINHO FOTOGRAFÍA
Oswaldo Digón. LORENZINHO FOTOGRAFÍA
Vén de estar en Pontevedra gravando o programa de 'Malo será!' que emite este xoves a Televisión de Galicia (a partir das 22.00 horas) e volverá á capital da provincia o venres 27 de setembro, acompañando a Rober Bodegas e Dani Boy Rivera, en 'Noites de retranca'. Oswaldo Digón, que acaba de estrear con Xurxo Mariño o espectáculo 'Carbón', non para

NON É AMIGO da xente triste. E cre que para facer humor non é tan importante o que como o como. Oswaldo Digón (San Román de Cervantes, Os Ancares, Lugo, 1975) estivo o pasado domingo no Auditorio de Afundación en Pontevedra gravando o programa de Malo será! que emite mañá (a partir das 22.00 horas) a Televisión de Galicia e volve o próximo venres para protagonizar, xunto con Rober Bodegas e Dani Boy, un espectáculo de Noites de retranca (20.30 horas). Farao unha semana despois de estrear en Bilbao, no encontro de divulgación científica Naukas que se celebra no Palacio Euskalduna, o espectáculo de ciencia e humor que montou xunto a Xurxo Mariño, Carbón, que foi recibido cunha ovación.

En apenas uns días vai estar dúas veces en Pontevedra.
E non é a primeira vez que me pasa. A temporada pasada xa me cadrara tamén un día con Malo será! e ao día seguinte con [Luís] Zahera e con [David] Perdomo en Noites de retranca. A Pontevedra vou sempre por partida dobre.

"Hai xente que pide un 'sol y sombra' e é capaz de tomar só a sombra. Estou súper en contra desa xente que só sabe recrearse na tristura"

O éxito de Noites de retranca vén a confirmar que os galegos temos un humor particular?
Seguro! Eu son dos que penso que si. Quizais se trate dunha cuestión cultural, non o sei, pero é evidente que temos un humor peculiar, un xeito de dicir as cousas sen dicilas. Os galegos temos un idioma marabilloso que nos permite confirmar e sentar cátedra sen parecer que o estamos facendo e sen quedar mal con ninguén. Isto é algo fantástico.

O que vén a ser a retranca.
Exactamente. A retranca non só define o noso humor senón mesmo a nosa forma de ser.

Ségueno inspirando «os medos» e «a xente triste que nunca ve o lado positivo das cousas» á hora de traballar?
Por supostísimo. Os medos interésanme moito. Os meus persoais, a soidade por exemplo, e os medos en xeral, ás alturas, ás montañas rusas... A eles adiqueilles algúns espectáculos. E, despois, estou súper en contra da xente triste. Non me refiro a alguén que por unha cuestión puntual estea triste, iso pásanos a todos, senón a esta outra xente que é profesional do tema, que ten xa a cara acartonada porque nunca ri, porque hai quen só sabe recrearse na tristura. Non podo con esa xente. É como eses compañeiros de traballo que están convencidos de que, se o estás pasando ben, non estás traballando.

Esa idea tan cristiá de que vimos a este mundo a sufrir.
Aí está! Esa xente que pide un sol y sombra e é capaz de tomar só a sombra. A miña loita é contra ela. En Pontevedra seguirei dándolle caña. Así que, tristes, abstéñanse de vir, se non é para cambiar.

"Coñecín a Xurxo Mariño a través de Carlos Blanco na Illa de Arousa, onde escapo facer mergullo. Facer xuntos 'Carbón' foi fermosísimo"

Tristura, medo, morte... Pódese facer humor de todo?
Si, eu penso que si. Outra cousa é a falta de respecto ou o insulto gratuíto escudándose en que buscaba facer rir. Hai mil formas de dicir as cousas. Como dicía alguén moi intelixente: «No es el qué, sino el cómo». É un debate complexo.

Vén de triunfar no encontro Naukas de Bilbao co espectáculo Carbón, no que vostede e o científico Xurxo Mariño mesturan humor e ciencia. Como se atoparon vostedes dous?
Pois a través dun amigo común, Carlos Blanco, nun lugar marabilloso, A Illa de Arousa, un espazo ao que escapo sempre que podo a facer mergullo. Foi unha sorte incrible. Xurxo é unha persoa absolutamente excepcional: amable, divertido... Namórate rapidamente. Así que cando me propuxo facer xuntos algo para Naukas, aínda non rematara a frase e eu xa lle estaba dicindo que si.

A priori non parece sinxelo mesturar humor e ciencia.
Era un reto. Pero é que o humor é perfecto para enganchar á xente e poder comunicarlle cousas. Despois, a min apaixóname o coñecemento, apaixóname a ciencia, o funcionamento do cerebro... Non sabes como lle agradezo que contase comigo para isto. É un proxecto fermosísimo.

Viaxará Carbón a outros sitios?
Inmediatamente xa, o 5 de outubro a Donostia, ao Passion for Knowledge, outro evento de divulgación científica. Pero Carbón acaba de nacer. Seguirá combustionando moito tempo.

Cumpre vostede este ano unha década sobre os escenarios.
Efectivamente, dez anos. Eu era funcionario no Concello de Sada (A Coruña) e deixeino todo para cotizar como autónomo da comedia. Nunca me arrepentín. Esta profesión é moi bonita e a min faime moi feliz.

"A retranca define o noso humor e ata a nosa forma de ser"
Comentarios