Outono de Jazz chega para iluminar os meses de novembro e decembro

Manu Díaz Trío abré este sábado o ciclo de música, que incluirá outros tres concertos nos mediodías dos sábados
Jazz. PIXABAY
photo_camera Jazz. PIXABAY

O Concello de Pontevedra, en conxunción co Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, estrea Outono de Jazz, un festival a pé de rúa que quere achegar o jazz e as músicas de fusión á cidadanía no mediodía dos sábados. As citas serán na praza da Peregrina a partir das 12.30 horas. En caso de chuvia trasladarase ao palco de música da Alameda.

O programa da Concellaría de Festas contará con artistas de proximidade e outros que nestas datas están proximos á cidade, referente do jazz no noroeste da península ibérica.

O ciclo comeza este sábado coa actuación de Manu Díaz Trío, unha banda formada por Rubén iglesias á batería, Berto Rial ao contrabaixo e Manu Díaz á guitarra, todos eles formados no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra.

Este trío foi o encargado de abrir as Jams Sessions do bar Diaño dende outubro de 2019 ata marzo de 2020, ademais de tocar no ciclo Jazz Na Rúa en Pontevedra no verán de 2020. No 2020 e no 2021, a súa vez, tocaron no Festival de Jazz da Armenteira. Nas súas actuacións, este trío busca achegarse ao público mesturando o jazz con diferentes estilos, como son o Hip Hop e o Rock, amais de tocar temas doutros estilos musicais con arranxos orixinais elaborados polos tres integrantes.

Os concertos restantes terán lugar o sábado 26, con Iago Fernández Luzada; o sábado 3 de decembro, con Rober Beade Influences; e, por último, o sábado 10 de decembro, coa actuación de Noli Torres Trío como peche deste ciclo de concertos.

Comentarios