''Lo primero que tienen que hacer las instituciones con la cultura es no destruírla''

Pablo García Martínez (Arzúa, 1985) é o gañador da quinta edición do Premio Biblos-Pazos de Galicia, que busca potenciar aos novos valores da literatura galega cun concurso ao que só poden presentarse persoas menores de 25 anos. É xornalista ''en stand by'' como el mesmo di e , logo de traballar no portal electrónico Vieiros, agora fai un máster de Estudos teóricos e comparados da literatura e da cultura. Cunha caña e unha cunca de caldo diante, cóntanos como se decidiu a escribir o seu Relato dun estalido xordo. Coa colaboración de Manolo Rivas e outros axudantes publica a súa primeira obra, que se presenta esta semana en Compostela. Agradecido á oportunidade que lle brinda o Prenio Biblos, non dubida en gabar o positivo que é para os novos valores a súa celebración: ''Este premio é un pequeno bocadiño dentro da literatura galega. Gustaríame poder estar presente na súa trixésimo terceira edición, cando sexa un señor maior calvo''.

Pregunta:
Por que decidiu presentarse ao premio Biblos-Pazos de Galicia?

Resposta: A verdade é que soubera del por un amigo -que temos en común-, Alberto Ramos, que tamén gañou o premio. Tiven curiosidade e consultei as bases do concurso. Eu escribía de pequeno pero tampouco con moita regularidade e, ademais foi unha motivación para avanzar cunha historia de dúas páxinas que tiña escrita. Quíxenme presentar un ano con ela pero cheguei fóra de prazo e, finalmente, este ano decidinme. Ademais, era o último ano que podía presentarme porque é para menores de 25.

P: Entón, a historia que conta na novela xa viña de antes...

R: Eu tiña unha historieta pequena e partín dela. O que ocorre é que a historia que está publicada hoxe non ten moito que ver con aquela. É dicir, a idea de escribir sobre unha troula e fantasear -por non describir máis o argumento do relato (ri)- xa estaba aí, pero isto foi mudando conforme aos consellos que recibín, ás apreciacións que eu tiña e tamén á medida na que eu quixen deixar pasar os consellos que me daban, que foi moi grande. Fun moi permeable por estar rodeado de xente que sabía moito e por estar eu moi verde.

P: Que cre que viu o xurado na súa novela para outorgarlle o premio?

R: É unha pregunta complicada (rimos os dous). Eles o que dixeron foi que viron unha mellora moi importante dende a primeira versión que escribín á que presentei cando fun elixido finalista, ademais de que a historia tiña potencial pero había que mellorala. Eu, iso, xa non o debatín con eles.

P: Tras conseguir este premio, pensa na posibilidade de escribir un segundo libro ou aínda é moi pronto para iso cando case non saíu o primeiro?

R: Ben, a min gústame escribir. A mellor noticia que me trouxo este proceso é esa: que me gusta escribir. Deime conta agora. É dicir, antes facíao de maneira esporádica e, agora, gústame sentar e escribir sobre cousas que pasan ou que penso. Deime conta de que escribir para min é un exercicio liberador. Por iso, non sería raro que o seguise facendo aínda que nunca máis publique nada ou mo queiran publicar.

Unha visión literaria
P: E se lle quixesen publicar algo máis, gustaríalle vivir da literatura?

R: Uff. Eu penso que dende o momento no que comezas a plantexarte iso a túa concepción da creación literaria sofre unha mutación. Para min, como xa dixen, é un exercicio de liberación. E, despois, sendo realistas, hoxe é moi difícil adicarse a iso. Eu son xornalista... en stand by.

P: Ao seu lado na presentación terá a dous gañadores deste premio, Alberto Ramos e Iria López Teijeiro, que xa publicaron unha segunda obra. Isto é esperanzador?

R: Desde logo que é unha boa noticia para a xente nova á que lle gusta escribir e para a literatura galega, pero iso é natural. Sería natural que o Premio Biblos forme xente que anove ou continúe mantendo viva a lumarada que é a literatura galega. É esperanzador para todos os que nos gusta ler en galego e para todos os que nos gusta escribir.

P: Estanse a facer cousas novas na literatura galega pero quizais a xente aínda está moi pendente dos 'clásicos' (Castelao, Ferrín, Vicente Risco..). Que opina disto?

R: Non estou moi especializado nisto pero podo darche o meu punto de vista -tímido- (ri). Estamos nunha época en que parece que aumenta o número de publicacións en galego. O premio Biblos é un exemplo de que a literatura precisa de mecenado, co permiso das institucións, que o primeiro que teñen que facer coa cultura é non destruíla, non poñerlle trabas. Fóra do clima favorable dos últimos tempos cara ao progreso da literatura eu creo que agora agroman talentos. Non sei se é que foi neste momento cando entrei en contacto con ese florecemento ou xa viña de antes.

Hai unha expresión do profesor Antón Figueroa que fala da literatura como unha cultura en obras, é dicir, en continua construción. Nós sabemos de onde vimos pero temos que ir evoluíndo segundo as aportacións que poidamos facer. Iso xa é cuestión de cada un, de canto queira agarrarse aos antergos. Hai maneiras de funcionar típicas que lle quitan todo o romanticismo á literatura, pero niso xa non imos entrar.

P: Volvendo á figura -xa lendaria despois desta entrevista- de Alberto Ramos (rimos), vostede non é o primeiro xornalista ou estudante de xornalismo que se fai co Premio Biblos. Cre que unha formación ligada ao mundo das letras axuda máis á hora de escribir e de optar a este tipo de recoñecementos?

R: Desde logo que si, porque nós estamos afeitos a escribir. Dicía o outro día un gran francotirador -pola súa puntería afinada- que temos no noso xornalismo, Roberto Noguerol, que a maioría da xente que entra na Facultade de Xornalismo faino porque lle gusta escribir. Penso que en Filoloxía pasa o mesmo.

O' Rivas
P: Unha vez lle outorgaron o premio, na parte final da construción da novela tivo a axuda de Manolo Rivas. Como foi esa experiencia con el?

R: En realidade tiven tres titores. Unha vez que fun finalista asesoroume unha amiga que se chama Ana Salgado e, antes de entrar en contacto con Manolo Rivas, tamén colaborou Tucho Calvo, o editor de Biblos. Nas tres fases eu procurei ser permeable e todas foron moi enriquecedoras.

No caso de Manolo Rivas foi un contacto de arredor dun mes e a min pareceume unha persoa bastante implicada co traballo. A el parecíalle interesante a iniciativa. El é unha persoa cun mirar iluminado, con capacidade para suscitar un punto de vista que non é aquel ao que, de maneira automática, vai o noso mirar.  Ao pensar nas súas propostas dicías: 'Claro, como non se me ocorreu antes?' A el ocorréselle. É unha persoa lúcida.

P: Aos dous chegoulles unha boa nova a título persoal nun espazo de tempo curto. Vostede publica a súa primeira novela e a el elixírono membro da RAG. Trouxéronse sorte un ao outro... (rimos)

R: Foi a un tempo, máis ou menos, cando se soubo e tamén cando se materializou. Manolo Rivas é un dos máximos expoñentes das letras e da lingua galega, sobre todo tendo en conta o consumo real de literatura. O que escribe Rivas sempre o le moita xente ademais de ser moi brillante utilizando a linguaxe, cun lirismo moi ben artellado.

Eu non teño unha idea moi clara sobre cal debe ser o papel da Academia nin sobre os debates que hai arredor dela, pero si a considero moi necesaria. Dende logo que unha persoa que cumple o papel de Rivas e que representa a outros seguidores desa liña, está ben que chegue a onde se toman decisións sobre o presente e o futuro da nosa lingua.

A lingua nai
P: A obra publícase en galego e en castelán. Nun momento de tensión social sobre o idioma como o que vivimos, este é una acto de naturalidade? Ou de rebeldía?

R: O premio recolle unha publicación en galego e unha versión en castelán. Eu enténdoo así; é dicir, eu escribo en galego, a miña lingua é o galego, pero teño a sorte de que se traduza ao castelán, que é unha póla de comunicación máis que nós temos co mundo. A situación que nós vivimos en Galicia, onde somos galegos e usamos o galego e é a nosa lingua nai -hai xente que non está nesta situación exacta, eu falo de min-, dentro da situación actual de colonización cultural que levamos sufrindo moito tempo, a boa noticia é que o castelán é unha póla máis de comunciación co resto do mundo. Este premio utiliza iso e paréceme intelixente e moi útil para nós, pero é un premio que se publica en galego e fai unha versión en castelán. O libro está escrito en galego.

Comentarios