Paco Nieto, Ezequiel Orol e Lara Salvador lanzan en internet Openradio.es

A emisora comezou a funcionar na rede desde Lugo esta semana e está especializada en música dos 60, 70 e 80, cultura e turismo

Ezquiel Orol e Paco Nieto, nas instalacións da emisora. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Ezquiel Orol e Paco Nieto, nas instalacións da emisora. VICTORIA RODRÍGUEZ

Ezequiel Orol é especialista en son. Lara Salvador, en deseño web e redes sociais. E Paco Nieto, en contidos e locución radiofónica. Os tres veñen de poñer en marcha desde Lugo a emisora en internet Openradio.es, unha plataforma especializada en música das décadas dos 60, 70 e 80 do século pasado, cultura, turismo e espectáculos.

Paco Nieto non pode agochar a emoción e o entusiasmo de verse cun novo proxecto entre mans. O veterán home de radio explica que logo de tres meses en período de probas emiten xa as vinte e catro horas do día desde o local 5 do número 14 da Rúa Conde. "É unha canle bastante especializada e buscamos un público de certa idade, que agora mesmo ten as todas as destrezas para manexar internet e dispositivos móbiles, pero para o que ata o de agora non se fan moitos contidos".

Paco Nieto incide en que as posibilidades da radio dixital fan moito máis doado lanzarse á aventura de facer programas con moitos medios técnicos sen que se resinta a calidade

Así como na música abranguen xéneros e temas procedentes de calquera recuncho do mundo —"a nosa vocación é internacional", di Nieto—, no que respecta aos contidos culturais e turísticos o foco sitúase sobre Lugo e sobre Galicia. "Emitimos cuñas promocionais da comarcas de Lugo en inglés e francés", exemplifica o xornalista, quen tamén engade que contan con microespazos de recitado de versos ou un recuncho para os libros. Lois Pérez (Long Play), Magadán (Verso a verso), Conchi Sanfiz (El refugio de los libros), Javier García Calleja (Jukebox), Emilio González (Axenda deportiva) ou Ramón González (A fábrica das pequenas historias) son algúns dos colaboradores cos que conta Openradio.es. Asemade, Paco Pelegrín desenvolve desde Madrid o espazo Country Road, de músicas americanas.

Explica Paco Nieto que se trata de programas que van desde os cinco minutos ata os corenta ou corenta cinco, de forma que sexan facilmente accesibles en forma de "podcast" para todos aqueles aos que non lles coincida a emisión en directo. "É o presente da radio e é algo que temos que utilizar", indica, ao tempo que engade que optaron por un deseño "o máis sinxelo posible" e moi intuitivo para facilitar a navegación.

Por outra banda, Paco Nieto incide en que as posibilidades da radio dixital fan moito máis doado lanzarse á aventura de facer programas con moitos medios técnicos sen que se resinta a calidade. "Estamos emitindo en 168 K, que é unha calidade boísima".

O locutor non considera que sexa unha valentía nos tempos que corren montar unha emisora de radio. "Chámalle romanticismo, se queres", conclúe.

Comentarios