Paisaxes interpretadas

Juan Moreno Badía e Juan Rivas protagonizan a quinta edición do ciclo 'Na beira do río. Diálogos na pintura', que se inagura este xoves en Pontevedra

A paisaxe é o eixe do diálogo que manterán, dende este xoves, no Pazo da Cultura de Pontevedra, os pintores Juan Moreno Badía (A Coruña, 1945) e Juan Rivas (Pontevedra, 1974), a través do seu traballo, na que é a quinta edición do ciclo ‘'Na beira do río. Diálogos na pintura'’, un proxecto que ten como comisario a Ramón Rozas. "Os dous creadores desenvolven a súa pintura fronte a paisaxe facendo dúas lecturas diferentes entre si, pero nas que se poden atopar puntos de contacto como o encadramento, a fragmentación da paisaxe, a creación dunha atmósfera moi determinada ou unha certa mirada dende o poético, pero que ao mesmo tempo relen esa paisaxe dende ópticas diferentes, como o poden ser a pincelada ou a aplicación da luz", explica Rozas. A mostra inaugúrase este xoves (20.00 horas, entrada libre) e poderá visitarse ata o 15 de novembro.

Os dous artistas presentan no Pazo da Cultura un repaso ao que é a súa obra recente. Moreno Badía reuniu máis de 120 cadros, "la mayoría de pequeño formato", dos últimos catro anos. "Mi trabajo, de alguna manera, es testigo de la evolución del paisaje gallego", explica o pintor coruñés, que traballa con fotografías e que gusta do pequeño formato, "porque sigo pensando en la obra de arte a la medida del público, a la medida de su casa". Segundo di, "para mí el consumo de arte sigue teniendo sentido, el cuadro como ventana, más allá de que hoy en día todo se haya mercantilizado y reducido a un valor económico".

DE PELÍCULA. Con fotos traballa tamén Juan Rivas. É unha das coincidencias máis claras entre os dous, ademais da querencia pola paisaxe galega. "Na exposición presento arredor de 60 obras realizadas entre 2002 e a actualidade", indica o creador pontevedrés, especialista en localizar espazos curiosos, "escenarios de película", lugares particulares onde os edificios e outras construcións irrumpen no medio do territorio.

"Esa es una diferencia entre nuestro trabajo", sinala Moreno Badía. "Ambos tenemos en común el paisaje gallego real, pero lo interpretamos de formas diferentes. Aunque se puede decir que tendemos hacia una confluencia, lo cierto es que yo tengo preferencia por lo diurno y él por lo nocturno; para mí no hay motivo más importante que el propio paisaje, mientras que él es pluricéntrico y lo combina con edificaciones".

Juan Rivas, que ademais das súas pinturas presentará no Pazo da Cultura fotografías que documentan as súas intervencións efímeras en paisaxes concretas que lle interesan e que retrata directamente sobre materiais do propio espacio (paredes, postes, etc.), fala do seu interese polo rururbano. "Esas construcións que se integran na paisaxe, no medio da urbe probablemente pasarían desapercibidas", explica. "Sen embargo, no medio dese entorno natural están como suavizadas".

Segundo di, no seu traballo non hai denuncia, "simplemente rexistro como funcionamos coa paisaxe". Baixo o seu punto de vista, "construcións violentas serían outras".

No diálogo que manterán as pezas dun e doutro autor dende mañá en Pontevedra tamén queda patente a súa paixón pola pintura. Juan Moreno Badía non o dubida. "La pintura sigue viva", di. "Es verdad que los hechos son complejos y parecen tender a negar esa afirmación, pero más allá de épocas oscuras para la cultura como la actual, la pintura aún tiene sentido".

Juan Rivas está de acordo, aínda que puntualiza que quizais é o momento de ampliar os seus horizontes "e falar, máis que de pintura, de imaxe". E explícase: "Agora mesmo existe, por exemplo, unha interrelación coa fotografía moi forte. En calquera caso, é a arte maior, o medio clásico por excelencia".

Juan Moreno Badía La pintura sigue viva más allá de épocas oscuras para la cultura como la actual y de hechos que tiendan a negarlo" Juan Rivas Quizais é o momento de falar, máis que de pintura, de imaxe. En calquera caso é a arte maior e por excelencia".

Comentarios