Palabra de costureira: o léxico das profesionais do rural en 116 termos

memoria das Mulleres incorpora un diccionario co vocabulario das profesionais de Mourente, Lérez e Xeve
Unha costureira en Pontevedra. RAFA VÁZQUEZ/MUSEO DE PONTEVEDRA
photo_camera Unha costureira en Pontevedra. RAFA VÁZQUEZ/MUSEO DE PONTEVEDRA

O Concello de Pontevedra vén de incorporar o léxico das costureiras do rural ao programa Memoria das Mulleres. A iniciativa ten como obxectivo visibilizar este oficio e render homenaxe á profesionalidade das persoas que se adicaban a el. Esta especie de diccionario, revisado polo servizo municipal de Normalización Lingüística, foi idea de María Abelleira Fontán e Óscar Senra Gómez. O traballo, deseñado e maquetado por Xiana Iglesias Villaverde, contou co apoio da Concellería de Patrimonio Histórico, que dirixe Xaquín Moreda.

"O da costura forma parte dos oficios invisibilizados, considerado como unha tarefa propia das mulleres. (...) A maioría traballaron desde nenas, ou polo menos aprenderon sendo moi novas, a pesar de que diso non quede constancia en ningún informe de vida laboral", expoñen os promotores deste plan.

116 TERMOS. O Léxico das Costureiras recompila 116 palabras utilizadas polas últimas traballadoras deste sector de Mourente, Lérez e Santa María de Xeve.

No vocabulario pódense atopar termos como espiga (forma que se lle dá aos deseños no bordado); festón (bordado recto ou en ondas realizados no bordo dunha tea; caracterízase por levar puntadas moi xuntas e cada unha delas rematada formando un nó pola parte exterior, de xeito que de cortar a tea pola raíz do bordado, nin a costura se desfai, nin a tea se esfiaña); ganduxar (coser con puntadas moi longas e folgadas para facer probas de costura); lagartera (punto de bordado); percal (tecido moi fino e tupido de algodón), sarga (tipo de tea ríxida moi empregada en pantalóns para homes) ou xibón (peza de roupa para bebés que se caracteriza por ser solta e ampla da cintura para abaixo).

Comentarios