Un palleiro de pedigree mundial

O Festival de Cans celebrarase este ano entre o 2 e o 5 de setembro e contará coa estrea de até 15 obras
Carmela Silva, Alfonso Pato, Román Rodríguez e Eva García, entre outros, na presentación do Festival. CEDIDA
photo_camera Carmela Silva, Alfonso Pato, Román Rodríguez e Eva García, entre outros, na presentación do Festival. CEDIDA

Malia que limitado por tratarse dun ano especial, a XVII edición do Festival de Cans manterá a súa cita cos máis cinéfilos do país entre o 2 e o 5 de setembro, pasando a incluírse tamén na nova marca provincial de calidade, Rías Baixas Film Fest, creada man a man coa Deputación de Pontevedra para relanzar e fortalecer os festivais de cinema. A presidenta da institución, Carmela Silva, salientou durante a presentación do certame o martes no Porriño a relevancia cultural da cita, que "nos converte nunha referencia, nos sitúa en Galicia, no Estado, a nivel internacional, e que consegue algo extraordinario, que sexamos felices".

O festival contará este ano cun total de 23 curtametraxes e 15 videoclips, que competirán nas diferentes seccións oficiais. Destes, até 15 filmes son unha estrea: oito deles de xeito absoluto, mentres que dez supoñen unha novidade no país. Amais, o festival engade nesta edición dúas novas seccións. Novas Camadas, de carácter competitivo, estará dedicada a cineastas debutantes, mentres que en Directrices proxectaranse obras dirixidas por actrices e actores que se aventuraron a porse detrás das cámaras. Así mesmo, e con motivo do 25 aniversario do seu pasamento, a programación do certame homenaxeará a Chano Piñeiro, o pai do cinema galego contemporáneo. Deste xeito, serán varias as actividades transversais lembraran ao cineasta ao longo da duración do festival. A primeira será a inauguración o día 2 dunha rúa en Cans que levará o seu nome, e que estará presente os catro días do evento. A continuación terá lugar un coloquio sobre a figura de Piñeiro, promovido pola Fundación Aisge, que rematará coa proxección de Mamasunción, a súa curtametraxe máis emblemática. A homenaxe finalizará o día 5 co proxecto Chano Piñeiro, vida contada, no que os contadores de Por el Correo del Viento narrarán ás crianzas a vida e as claves cinematográficas do cineasta de Forcarei.

ENTRADAS. O carácter limitado do festival no referido ao aforo non só se evidencia no uso de 4 jalpóns fronte aos 11 de anos anteriores. Tamén o amosa a alta demanda de entradas, posto que a participación en calquera das actividades só será posíbel previa adquisición dunha delas ou baixo rexistro na tenda online do certame, que pechará o vindeiro luns 31. Entre os eventos que máis atención están a reclamar atópase a estrea en pantalla da longametraxe de Paula Cons La isla de las mentiras, filme que xa agotou todas as súas entradas, pero tamén o coloquio a Finca no que participará Oliver Laxe, o coloquio Café con CREA coa directora e montadora Julia Juániz, ou as actuacións musicais de Henrik Rover e Amaro Ferreiro. Após esta última, o día 4, terá lugar a Noite das homenaxes, na que se entregará o Premio Pedigree á directora Manane Rodríguez.

Comentarios