As Pandereteiras de Verducido: "Para nós, este grupo significa unión e liberdade"

Foron dúas veces ao Festival da Luz. E catro ao Luar. Estarán no Festigal. E non teñen nin 20 anos. O seu primeiro disco é 'Faíscas'

20190708_JoseLuizOubina_104
photo_camera Candela Fariña (2001), Cecilia Tilve (2002) e Clara Fariña (2005). J. L. OUBIÑA

Publican agora o seu primeiro disco, Faíscas, pero Pandereteiras de Verducido xa existía.

Dende 2016. Comezamos coa música e co baile tradicionais como actividades extraescolares no EEI de Verducido e despois xa seguimos pola nosa conta.

E ao pouquiño de crear o grupo xa actuaron no Festival da Luz.

Si. Ao ano seguinte. Porque gañamos o primeiro premio do concurso Cultivando música no apartado tradicional e o galardón era tocar alí.

Pero é que en 2018 repetiron, xa como artistas incorporadas ao cartel.

Si! Foi moi emocionante! Despois de tocar esa primeira vez, dixéronnos de volver. Mesmo nos veu saudar ao camerino Luz Casal! Así que volvemos no 2018. E foi algo completamente diferente. Non ten nada que ver unha actuación coa outra. Na primeira eramos unha agrupación tradicional máis semellante a outras que podes ver por aí. Na segunda fomos xa cunha guitarra, cun blues...

Que é iso de que interpretan Adiós ríos, adiós fontes ou Campanas de Bastavales como o faría Bruce Springsteen?

(Risas) Iso dío o noso manager porque facemos versións diferentes de temas moi coñecidos, que sorprenden á xente. Neste caso, Rosalía tiña que estar no disco. Porque é Rosalía. Pero todo o mundo coñece os seus poemas musicados por Amancio Prada. Nós quixemos facelos nosos. Chamámonos Pandereteiras de Verducido porque, por unha banda, queremos reivindicar a raíz e a tradición, pero, por outra, queremos que tamén signifique algo diferente, máis actual e vinculado ás novas xeracións. Primeiro pensamos en chamarnos 3Cs, porque os nosos nomes comezan todos por c [Candela, Cecilia e Clara] e porque esas tres c, antigamente, eran o resumo da vida dunha muller: "casa, cuna y campanario". A idea era darlle a volta e convertelo nun nome reivindicativo. En definitiva, nós o que queremos é axudar a que se coñeza a música tradicional galega entre a xente nova, que é onde pensamos que máis falta fai. Porque o primeiro que pensan a maioría dos compañeiros do instituto cando ven o anuncio dun concerto dunhas pandereteiras é "buf, que coñazo". Nós queremos cambiar iso.

E por que titularon o seu disco Faíscas?

Un pouco polo mesmo, porque as faíscas son eses restos na cinsa que poden avivar o lume. A nós gustaríanos axudar a reavivar a música galega. Aínda que neste disco hai muiñeiras, polcas e xotas, tamén se pode comprobar que os nosos instrumentos de percusión serven para moitas máis cousas, mesmo para substituír a unha batería e facer blues, pop, rock. Quen sabe se máis adiante ata facemos un rap! E iso que cada unha de nós ten gustos moi diferentes.

Dúas irmás e unha curmá que se criaron xuntas e non comparten os mesmos gustos musicais?

Para nada. O que nos une é o gusto pola música. Iso si. Somos capaces de comer na cociña de pé bailando cando os nosos pais non están. Sempre estamos coa música.

Queremos axudar a que se coñeza a música tradicional galega entre a xente nova, que é onde máis falta fai

Á parte de cancións tradicionais, no disco inclúen temas propios. E cun importante carácter reivindicativo: Son muller, Loitaremos...

Si, claro. Compoñemos temas propios. Case sempre saen dalgunha idea de Félix [Fariña, o manager do grupo e pai de Candela e Clara]. Empezamos a traballar sobre esa idea, desenvolvémola e, despois, se fai falla, el dálle unha voltiña. Outra cousa é como as musicamos. Do xeito máis natural posible. Podemos ir no coche e empezar a dar golpes na guanteira; despois de comer, na taza de café... Con Que ocorre na Terra?, que é un poema de Antonio García Teijeiro, pasounos. Foi o último tema que musicamos. Pero non nos convencía a ningunha como quedaba. Ata que lle atopamos o punto, que saíu dunha improvisación na cociña. Foi cando papá chamou a Rafa [Darrosa], dos Estudios Litium, que é onde gravamos o disco, e lle dixo que tiñamos que ir un día a maiores para un tema que iamos engadir. Parecíanos súper precipitado, pero el dicíanos que Paco de Lucía tamén gravara a última hora, con todo o disco xa listo, Entre dos aguas. E esa acabou sendo a súa obra mestra. A verdade é que esa canción representa para nós o froito do que conseguimos co noso traballo. Era o que estabamos buscando. En canto aos temas que tratamos, é certo que soen ser bastante reivindicativos. Porque son as cousas que nos interesan. Falamos da contaminación, da muller, da terra, da idea dun mundo mellor... Dicímolo en Loitaremos: "Quero vivir, vivir nun lugar, no que Imagine, de Lennon, non sexa só unha canción". Despois, falamos moito de Galicia. En Non son de Memphis comparamos o Canón do Colorado co do Sil e a Ruta 66 co Camiño de Santiago. Comparamos Estados Unidos con Galicia e, para nós, gaña Galicia.

Acaban de estar no Luar da Televisión de Galicia...

Por cuarta vez! Encántanos ir!

E onde máis van estar?

O día 25 de xullo estaremos no Festigal, en Compostela. E ao día seguinte repetimos na Festa dos Maiores no Teatro Principal de Pontevedra.

Que significa para vostedes este proxecto musical?

Liberdade. Liberdade en todos os aspectos. Liberdade, evolución e reivindicación. E unión. Sempre xuntas, iso o primeiro.

Comentarios