Os panos arrastran a 10.000 persoas ao Museo

A exposición da asociación etnográfica Sete Espadelas convértese na máis visitada do ente provincial no que vai de ano ►"É preciso diversificar a tipoloxía das mostras", insiste o director
Detallle da exposición de Sete Espadelas que se puido ver no Sexto Edificio durante o mes de agosto MUSEO DE PONTEVEDRA
photo_camera Detallle da exposición de Sete Espadelas que se puido ver no Sexto Edificio durante o mes de agosto MUSEO DE PONTEVEDRA

Galicia, a terra dos mil panos recibiu 10.558 visitas. A mostra do Museo de Pontevedra, que se inaugurou o 24 de xullo no Sexto Edificio e se clausurou o 1 de setembro, convértese desta maneira na máis visitada da institución provincial no que vai de ano. "A diferenza en número de visitantes desta exposición é bastante considerable coa segunda na listaxe, Motim, organizada polo Concello de Pontevedra co gallo do Salón do Libro, á que asistiron moitos grupos organizados de colexios, sumando 8.134 visitas", informa a Deputación de Pontevedra. "A terceira na clasificación é De xira por España. Bicenternario do Museo Nacional del Prado, con 6.851 visitantes».

Detalle da exposición Sete Espadelas MUSEO PROVINCIALRealizada pola asociación etnográfica Sete Espadelas, Galicia, a terra dos mil panos reuniu máis dun cento de panos e mantóns dos séculos XIX e XX para render homenaxe á importancia desta peza no traxe tradicional galego e para repasar a súa historia.

Dende o primeiro momento, o éxito de público da mostra puido constatarse a través do interese que espertaban as visitas guiadas dos dous comisarios, José Luis Rodríguez e David Quiñones, que tiveron que ampliarse. "Incluso foi preciso organizar dous días a maiores con pases extraordinarios para facer fronte á demanda", sinala a Deputación. Finalmente foron 380 as persoas que participaron nas visitas guiadas.

Aproveitando a nota co balance de visitas da exposición, a Deputación facilitou unhas declaracións do director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey, nas que insistía na necesidade de ampliar as propostas expositivas da institución. O éxito da mostra, segundo di, "dalgún xeito vén evidenciar que é preciso diversificar tipoloxías de exposicións". Ao traxe tradicional galego xa se lle adicara outra mostra no Museo, no ano 2015, co mesmo José Luis Rodríguez como comisario.

"En canto aos datos xerais, no que vai de ano a cifra de visitantes ao Museo ascende a 58.699 persoas, das que preto de 9.400 corresponden a agosto", indica a Deputación. "Estes números, en calquera caso, non poden ser comparados con exercicios anteriores ao estar pechadas este ano as Ruínas de San Domingos".

Comentarios