sábado. 28.11.2020 |
El tiempo
sábado. 28.11.2020
El tiempo

"Para Galicia foi fundamental demostrar que aquí se podía facer cine con maiúsculas"

El actro Celso Bugallo
El actro Celso Bugallo
Celso Bugallo é o pai de Leo Caldas. O detective vigués creado polo novelista Domingo Villar chegará ao cine o 9 de outubro da man do director Gerardo Herrero. "Á fin algo de comedia", comenta. "Este personaxe ten certa vis cómica". En Nadal poderémolo ver tamén en 'Palmeras en la nieve'

Vigo vén de acoller a pre-estrea da adaptación ao cine de ‘A praia dos afogados’, unha das novelas de Domingo Villar que protagoniza o inspector Leo Caldas. Gerardo Herrero dirixe esta película, que se estrea o vindeiro 9 de outubro, que protagoniza Carmelo Gómez e que conta no seu reparto con varios pontevedreses, entre eles o vilagarcián Carlos Blanco e o vigués Pedro Alonso. O filme tamén devolve á pantalla grande a Celso Bugallo (Vilalonga, Sanxenxo, 1947) tras ‘Amador’ e ‘Crevinsky’, títulos de 2010. Actor de contundente presenza formado no teatro, Bugallo gañou en 2005 o Premio Goya ao Mellor Actor de Reparto por ‘Mar adentro’ e en 2002 o Mestre Mateo nesa mesma categoría por ‘Os luns ao sol’, entre outros galardóns. «Téñoos todos xuntos nun moble da casa, á vista dos que entran». No Nadal está previsto que se estree outro título precedido dunha grande expectación no que participa, ‘Palmeras en la nieve’, a adaptación da novela de Luz Gabás que protagoniza Mario Casas.

¿Que tal foi a preestrea da película en Vigo?

Moi ben. Estupendamente. Proxectouse en dúas salas simultaneamente e en xeral gustou moitísimo. A xente saíu satisfeita.

Interpreta ao pai de Leo Caldas, un personaxe que xa forma parte da historia da literatura galega contemporánea. E agora tamén do cine.

É un personaxe moi sinxelo. Ten a sorte de ter un fillo que é moi boa persoa e moi bo profesional. El está moi orgulloso de ser o pai dun tipo perseverante, con bo criterio, honrado, que é capaz de sacar adiante unha investigación policial con éxito. O meu personaxe é un pai orgulloso.

O fillo neste caso é Carmelo Gómez. Na presentación do filme adicaron un bo anaco a louvar o seu esforzo por falar en galego.

Si, si. Fixo un traballo excelente.

Vostede dixo que algo tiña que ver en todo iso o albariño.

É que o pai é un afeccionado ao viño, que ten viñas de albariño. Non é un adegueiro que embotelle co propósito de comercializar, senón máis ben polo orgullo que lle supón facer un bo viño. Na presentación falouse de Leo Caldas como un tipo moi listo, falouse da súa sagacidade... E foi aí cando eu achaquei todo iso ás virtudes do albariño do pai.

Ademais de Carmelo Gómez e de vostede, na película participan unha chea de actores coñecidos e recoñecidos.

E o que é máis importante da película, que se trata dun elenco maioritariamente galego. Se quitamos a Carmelo Gómez e a Antonio Garrido, todos somos de aquí. Cada un dos intérpretes por separado presenta un nivel de actuación extraordinariamente eficaz, como eu moi poucas veces teño visto.

¿Que tal lle foi co director Gerardo Herrero?

Pois moi ben. Levámonos moi ben e penso que nos entendemos tamén moi ben para traballar. Estamos en contacto, de cando en vez falamos. Ten un proxecto no que quizais volvamos coincidir.

Pregúntolle por el porque segue a coleccionar traballos con directore relevantes españois: José Luis Cuerda, Fernando León, Alejandro Amenábar...

Manuel Gutiérrez Aragón... Si, traballei con xente excelente, algúns dos cineastas máis importantes de España. Pensar que os bos directores contan contigo para as súas películas sérveche para estar satisfeito, para estar orgulloso do teu traballo.

«O máis importante deste filme é o extraordinario nivel ao que están os actores, na súa grande maioría galegos»

Gustaríalle que o chamase algún outro en particular?

Non. Ninguén en particular. Non teño ese tipo de inquedanzas. Gústame que me chamen directores diferentes, con tendencias diferentes e formacións diferentes, igual que me gusta que me chamen rapaces novos para facer curtas. Pero non teño predilección por ninguén.

Pero si que lle gustaría que o chamaran para facer comedia ou outro xénero afastado do thriller ou do drama.

Fíxate que nesta película á fin non fago algo tan serio. O personaxe achégase á comedia, ten certa vis cómica. É un tipo que está contento coa súa vida, ten motivos para ser unha persoa optimista e alegre. Así que...

«Que os bos directores conten contigo para as súas películas sérveche para estar satisfeito e orgulloso do teu traballo»

O audiovisual galego vive unha volta do verán moi importante coa estrea, primeiro, de ‘El desconocido’, de Dani de la Torre, e agora de ‘A praia dos afogados’.

Dous títulos moi importantes. Iso é fundamental para nós. Aquí moitos sempre pensamos que en Galicia había material humano capaz de facerse cargo de proxectos cinematográficos importantes, cine con maiúsculas. Porque contamos cun nivel de profesionalidade moi grande. Agora estase demostrando que tiñamos razón. Aínda non tiven tempo de ver a Luis Tosar en ‘El desconocido’, pero teño moitas ganas de facelo. Todo o mundo fala marabillas.

Aínda bota en falta o teatro ou xa menos?

Aínda o boto moito en falta. Noutro período da miña vida foi fundamental. Hoxe a oferta profesional derivou cara o audiovisual, pero sempre se bota en falta

"Para Galicia foi fundamental demostrar que aquí se podía facer...
Comentarios