Para iso cantan

Gabi Reboredo e Martiño Malleiro forman o dúo Paraíso Canto, un proxecto nacido ao abeiro do río Verdugo que funde o canto tradicional con sonoridades do mundo e do jazz
Martiño Malleiro (clarinete) e Gabi Reboredo (pandeiro), na clausura dunha xornada de Pinto e Maragota. GONZALO GARCÍA
photo_camera Martiño Malleiro (clarinete) e Gabi Reboredo (pandeiro), na clausura dunha xornada de Pinto e Maragota. GONZALO GARCÍA

"Paraíso canto é un xogo de palabras. Son adicto a eles", confesa Gabi Reboredo (O Carballiño, Ourense, 1989). Gústanlle os dobres sentidos. "Que nos chamemos así tamén ten que ver con algo sobre o teño pensado moito: a razón pola que me dedico a iso, a cantar. Para que canto?". 

O nome ten tamén relación co espazo no que naceu este proxecto musical, ao abeiro do Verdugo. Reboredo vive dende 2013 na Lama. A súa casa está no lugar de Barbeira de Arriba, parroquia de Covelo. E o seu compañeiro neste dúo, Martiño Malleiro (Ponte Caldelas, 1994) é de Portasouto, lugar pontecaldelán. O río conéctaos. "Tiñamos en común unha paisaxe que para min é un paraíso. Vivimos nun auténtico paraíso e non nos decatamos. Oxalá os poderes económicos non acaben con el".

Reboredo, tipo inquedo que canta, toca instrumentos e baila, participou no disco Galiza, de Kepa Junquera, como membro de aCentral Folque, e tamén foi letrista de proxectos como Lobos, de Davide Salvado; Rústica, o disco colectivo de Cristina Pato, Davide Salvado, Anxo Pintos e Roberto Comesaña, e do álbum homónimo de Caldo

Temos en común unha paisaxe que para min é un paraíso. Vivimos nun auténtico paraíso e non nos decatamos. Oxalá os poderes económicos non acaben con el.

Tamén é colaborador habitual de Sheila Patricia. Xunto a ela estivo, por exemplo, interpretando o himno galego na última entrega das Medallas do Parlamento Galego. "Atopámonos na Arca da Noe (Vilar de Santos, Ourense). Ela foi tocar alí con Laroá e, sen coñecerme de nada, achegóuseme. Comezamos a interactuar musicalmente e dende aquela. Da súa man achégome a outras sonoridades diferentes. Partillar música sempre é moi bonito". A maiores dá clases de baile, canto e pandeiro na asociación Trépia de Pontevedra. "O canto e a pandeireta están moi ligados ao baile. Eu non o entendo doutra maneira". 

Eu veño do tradicional e el da música clásica e do jazz. Mestúrase un pouco todo e sae unha sonoridade especial.

Pola súa banda, Martiño Malleiro, que ten formación de conservatorio en música clásica, na actualidade está no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. Hai dous anos, un e o outro crearon xuntos Paraíso Canto.

VECIÑOS. "Martiño e eu somos veciños. Coñecémonos por casualidade, porque outra veciña nos contactou para colaborar nunha obra de teatro na que se falaba da tradición arredor dos muíños. Non nos coñeciamos de nada, pero cadramos aí e xurdiu a maxia. Tivemos moita química e quedamos en contacto", conta Gabi Reboredo. 

Tempo despois, Malleiro, que estaba facendo un traballo sobre o canto na Lama, contactou de novo con el para que lle botase unha man coa recollida. "Era un traballo de investigación. Fomos falar coas señoras, tocadoras da zona, coa idea de facer un artigo para a revista que se fai na Oficina Municipal de Información Xuvenil (Omix) da Lama, A Pedreira", lembra o músico. "Pero o que pasou foi que vimos que o que nos apetecía de verdade era tocar xuntos. Aí naceu o grupo".

Eu agora mesmo só quero facer música con amigos. Funciono por afectos e emocións. Non me interesa outra cousa.

Paraíso Canto empezou sendo un dúo de acordeón e voz, pero enseguida entrou o clarinete. "Que era o primeiro instrumento de Martiño. Pero, claro, de primeiras, un dúo de clarinete e voz non parece unha gran idea, ata que oes tocar a Martiño, que ten un dominio do instrumento tan grande que moi pronto o vin claro: aí había algo interesante". Así que agora usan o acordeón, o clarinete soprano, o clarinete baixo ("que chegou a nós dunha maneira moi especial e que forma parte desas cousas que foron cruzándose no noso camiño e foron moldeando o grupo"), o pandeiro e a pandeireta
O dúo mestura o canto tradicional con outras sonoridades. Nótaselles ben a bagaxe. "Eu veño do tradicional e el da música clásica e do jazz. Mestúrase un pouco todo e sae unha sonoridade especial".

INTERRITMOS. Coa súa proposta, Paraíso Canto gañou o ano pasado o concurso Interritmos, promovido pola Asociación Deloa e os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) Salnés-Ulla-Umia e Ribeira Sacra-Courel. A raíz dese premio foi que saíu Proendos, unha peza composta a partir das gravacións feitas na Pena de Proendos (Sober, Lugo), no ano 1975, doadas por Xosé Luís Rivas ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, que o dúo atopou no Museo do Pobo Galego. "Démoslle un pouquiño á volta á nosa maneira e cambiamos un chisquiño a letra, porque ás veces é necesario facelo ben porque son abertamente machistas ben porque queres cantalas en galego ou outra cousa".

Gustaríame que a música seguise tendo esa función social, comunitaria, nas tabernas e nos seráns. Non quero que perda ese sentido.

A Gabi Reboredo non lle gusta facer plans. Nin sequera falar dun disco. "Pregúntannos moito por el, pero xa se verá. Os dous traballamos lento e gústanos que sexa así. De momento este é un proxecto máis vivencial", recoñece. "Eu agora mesmo só quero facer música con amigos. Creo na música como comunicación. Así funciono con Martiño e así funcionei con outros grupos como De cor de Lousa, de Ourense, ou Ethno Trío, de Portugal", explica dando a entender que só o moven os afectos. "Exactamente. Os afectos e as emocións. Non me interesa outra cousa". 

Para que canta entón Gabi Reboredo? "Non sempre sei responder a isto, pero ten que ver seguro coa conexión a través da emoción, con eses momentos que compartimos cantando na taberna ou nos seráns. Eu quero que a música siga tendo esa función social, comunitaria. Non quero que perda ese sentido. E para iso canto".

EN DEFENSA DO VERDUGO-OITAVÉN
"Eu non son labrego nin o quero ser, pero teño un vínculo  forte co rural dende neno", di Gabi Reboredo que, como veciño da Lama, se mostra preocupado polos plans de construción dun encoro en Forzáns. "Eu vivo alí polo río. Porque é algo fundamental na miña vida. E este é un proxecto moi agresivo", explica. "Para min esta é unha desas loitas fundamentais. Xa sufrimos o trasvase do Verdugo e agora veñen con este encoro".

SERES: UN FESTIVAL ANTIRRACISTA E LGTBI+ NAS ERMIDAS
Paraíso Canto foi o grupo que se encargou do concerto de presentación do Seres Festival, un evento que nace este ano na Lama. Terá lugar o 25 de xuño nas Ermidas e defínese como LGTBI+ e antirracista. 
"É unha marabilla que se faga algo así na Lama. Eu levo moito tempo desexando que pasase isto", conta Gabi Reboredo, que xa participou na fundación do Festival Agrocuir da Ulloa (Lugo). "Pero é que ademais ese concerto de Paraíso Canto previo ao festival, na igrexa de Xende, foi unha das cousas máis marabillosas que teño vivido. Presentar un festival queer e antirracista nese espazo relixioso, historicamente tan afastado de nós, foi algo moi bonito". O músico conta que, ademais, o concerto se organizou dunha forma moi natural. "E nós queremos que neste tipo de propostas teña cabida toda a comunidade da Lama, incluída a igrexa, por suposto", conta. "Foi precioso. A igrexa encheuse, pero de verdade. E foi verdadeiramente emocionante cantar alí".
No Seres Festival haberá coloquios de temática queer e antirracista e concertos, entre outros, do Rabelo.

Comentarios