Entrevista a Xosé Antonio Touriñán, actor

"Parece que a sociedade vai un par de pasos por diante do fútbol"

▶ Actor e humorista de recoñecido prestixio, tanto en Galicia como cada vez máis fóra dela, Xosé Antonio Touriñán (Culleredo, 1980) chega este sábado a Pontevedra para facer gozar á xente coa representación da comedia musical ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’
Recortes_Aigi Boga56
photo_camera Touriñán estará este sábado en Pontevedra. AIGI BOGA.

Cos ollos postos no partido do Mundial que se estaba a disputar nese intre, Touriñán colle o teléfono para facer un repaso do que a xente pode agardar da representación que levará a cabo este sábado 10 en Pontevedra (Sede Afundación), ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’. Unha escusa para falar de fútbol e, tamén, de todo o que rodea a un deporte que é moito máis do que se sucede nos seus noventa minutos de xogo. 

Que lle diría á xente para animala a ir este sábado á súa función?
A obra trátase dunha comedia musical, dun entretemento cómico-musical, que non pode estar máis de actualidade co Mundial. O fútbol está sempre de actualidade, pero agora mesmo máis. Van ir pasar unha hora e media, ou noventa minutos, como un partido, de moito entretemento. Seguramente máis entretido que calquera partido de fútbol. Así que non deberían perderse a función do sábado.

O espectáculo é recomendable tamén para os que son menos futboleiros?
Si, non hai que ter ningunha base. Seguramente, aínda para os que non son futboleiros, tamén lles guste o espéctaculo que facemos porque xogamos a ver as cousas boas, pero sobre todo a poñer enriba das táboas as cousas non tan bonitas do fútbol. Entón seguramente, aos que lles importe menos o fútbol, tamén van desfrutar desta función. 

Cre que o fútbol necesita máis comedia, descomprimir un pouco esas emocións? Non deixa de ser un xogo.
Necesitamos sentilo un pouco máis como un centro común de diversión, como un lugar onde destacar a nosa paixón. Estou sempre a favor de tomalo todo con un pouco máis de humor. Non ten cabida o que pasou noutras épocas coa violencia, cos insultos. Creo que se pode desfrutar moitísimo máis do fútbol con rivalidade, con vaciles ou con bromas que tomándoo demasiado en serio. Cada un defendendo as súas cores, si, pero hai que tomalo todo con menos importancia.

O fútbol é un altofalante moi potente da sociedade, moitas veces nun mal sentido. Sucedería o mesmo se, nun caso hipotético, o deporte máis popular fora o baloncesto ou o tenis?
Se o deporte máis seguido fose outro, seguramente a representación da sociedade sería igual de clara que no caso do fútbol. Parece que no fútbol vai todo máis tarde. É tan obvio como que se está xogando un Mundial en Catar e en ningún lado sae nin se fala de como se vive alí, das relacións sociais que hai nese país. Permítese e como que miramos cara outro lugar. Nós, no teatro, tamén queremos sacar a relucir esas cousas que se varren para debaixo da alfombra e coas que se mira para outro lado. O fútbol ten esa impunidade. Chega tarde a moitos momentos nos que na sociedade xa vamos varios pasos por diante, como no feminismo. Parece que a sociedade vai un par de pasos por diante do fútbol.

Como se leva o fútbol coa súa representación artística?
Creo que non maridan excesivamente ben. Non recordo grandes éxitos de taquilla, grandes series de ficción, espectáculos ou obras literarias onde o fútbol sexa o protagonista. Quizais hai un certo amor-odio entre a cultura e o fútbol. É un hándicap. Nós tamén o tivemos á hora de montar este espectáculo. Pero, claro, hai que atraverse. En todos os lugares onde haxa paixón, onde haxa sentimento, onde haxa cousas que nos fan mudar o noso xeito de ser, hai historias e por tanto hai ficción. E o fútbol é un deses lugares. Pero, aínda así, creo que non maridan excesivamente ben.

Aínda necesitamos formar parte dun grupo, dunha tribu, e iso pode atoparse con moita facilidade no fútbol

Neste intre, dá a impresión de que a xente preocúpase máis polo pre e polo post que polos propios 90 minutos de partido.
É difícil de entender. Eu tamén dixen moitas veces, en moitas entrevistas, que moi mal o temos que facer para non entreter máis ca un partido de fútbol que remata 0-0. E, aínda así, eses partidos enchen estadios e acadan cotas de audiencia brutais. Creo que o do fútbol ten que ver coa pertenza a unha familia, a un clan. De sentirte parte dun bando, de ter que loitar un pouco. Ese espírito da guerra. Ti vas con estes ou cos outros. Eres dos vaqueiros ou dos indios. Eres dos bos ou dos malos. Creo que iso é moi obvio e que aínda o necesitamos: formar parte dun equipo, dunha tribu. E creo que no fútbol atópase moi fácil. Escolles de quen eres e vas con eles a morte. E logo as victorias e as derrotas, a alegría e a tristeza que provoca o fútbol. Supoño que todos eses sentimentos, que cada vez son máis difíciles de expresar na vida, de botar para fóra, atopan ese refuxio no fútbol. Dá a posibilidade de poder perder un pouco os papeis. Non digo que estea ben, pero si que digo que é un espazo onde aínda está permitido, de certa maneira, perder eses papeis.

Os prexuízos que hai cara o fútbol poden ser equiparables aos que hai cara a comedia?
Seguro que si. O seu éxito, o feito de que lle gusta a máis xente, o de facer desfrutar por desfrutar. Normalmente, ao que non lle gusta intenta buscar razóns para explicar que o que funciona, o que triunfa, o que é un fenómeno de masas, está mal. Tes moita máis miradas postas sobre a comedia, sobre o fútbol, sobre as cousas que son fenómenos de masas. Dáselle moito menos valor á comedia, cando eu digo que é moito máis difícil facer comedia en calquera dos seus formatos culturais que facer drama. Estou segurísimo, ademais. Vivo diso, traballo niso. Creo que é moitísimo máis difícil facer rir que chorar. E no fútbol parece que tamén todo o mundo pode achegarse a el. Todo o mundo xogou ao fútbol. Pero chegar, acabar sendo un futbolista de éxito, é moi compricado. Eu nacín nos oitenta e todos xogábamos ao fútbol. A competición e a competencia é máxima. Aí está o tema: en que nos gusta tanto a todos. Pasa un pouco na comedia: que a todos nos gustaría facer rir á xente. E é difícil, é moi difícil. Así que entendo que aos que non lles gusta, que non están de acordo, intentan non valorar como se debería todo iso: o éxito do fútbol, o éxito da comedia. Si, poden ter algo de semellanza.

Pasando a un plano máis xeral, estando vostede habituado a papeis de comedia, cústalle máis interpretar un drama? Ou, sendo actor, trátase dun proceso similar?
Intentas que o proceso sempre sexa natural, pero é certo que a min tocoume, falando xa en termos futbolísticos, disputar máis minutos facendo comedia. E sempre que tes máis kilómetros en algo, sempre que tes máis práctica, adoitas sentirte máis seguro de ti mesmo: sabes o que funciona, o que non funciona. A verdade é que o traballo ten que ser semellante: traballar, preparar, coller referencias e tal. No meu caso, si que se pode dicir que traballei máis nos papeis que eran máis dramáticos, pero porque tamén pretendes quitar de ti toda esa outra parte de vicios que che dá a comedia. Ao mellor, para facer comedia hai que facer máis cousas e para facer drama hai que facer menos. Non o sei, non sei se é así. Pero no meu caso creo que sempre lle dediquei algo máis de tempo, de darlle máis volta ou de máis estudo, aos papeis dramáticos.