A Semana do Patrimonio Invisible incorpora tres novos espazos

O Pazo de Gandarón, o mosteiro de San Salvador de Lérez e o barrio da Moureiro súmanse aos percorridos por lugares históricos da cidade ▶Terán lugar do 14 ao 16 de xullo en grupos de 15 persoas e completarase con visitas ao Arquivo Provincial e ao cemiterio de Santo Amaro
O Pazo de Gandarón. RAFA FARIÑA |ARQUIVO DP
photo_camera O Pazo de Gandarón. RAFA FARIÑA | ARQUIVO DP

O Pazo de Gandarón (sede da Misión Biolóxica de Galicia), o mosteiro de San Salvador de Lérez e o barrio da Moureira son os tres novos espazos que se poderán visitar na III Semana do Patrimonio Invisible de Pontevedra. O concelleiro Xaquín Moreda presentou este mércores o ciclo de percorridos, que terá lugar entre o 14 e o 16 de xullo e que se completará con roteiros polo Arquivo Provincial e polo cemiterio de Santo Amaro.

"Poderanse descubrir cinco espazos, tres deles novos", explicou o concelleiro, que tamén destacou que por primeira vez se realizará unha ruta por unha zona totalmente exterior, como é o barrio da Moureira, e que dous dos percorridos serán dobres: precisamente o da Moureira, que incluirá unha visita á sede do Gremio de Mareantes, e o do cemiterio de Santo Amaro, que tamén se achega ao depósito da auga

As visitas realizaranse en grupos de 15 persoas, "unha cifra que garante o discurso da proposta e a protección elementos patrimoniais". Cada día programaranse cinco visitas aos distintos espazos: ás 11.00, ás 12.00, ás 18.00, ás 19.00 e ás 20.00 horas. "En total poderán facer os percorridos 315 persoas".

As reservas para participar abriranse o luns 11 de xullo, ás 17.00 horas, na web da Semana do Patrimonio Invisible. Os percorridos son de balde. Cada persoa poderá reservar como máximo tres visitas para dúas persoas.

HISTORIA. Moreda, que lembrou que o convento de Santa Clara se puido visitar por primeira vez dentro destas xornadas, repasou brevemente a historia dos espazos que se incorporan aos percorridos. O Pazo de Gandarón, de finais do século XVIII, foi construído polo Arcebispo Malvar. Sede da Misión Biolóxica de Galicia, á súa importancia arquitectónica súmaselle a do seu xardín, que conta cunha importante colección de camelias.

O mosteiro de Lérez foi fundado no século X e, entre outras cousas, foi sede do Colexio de Artes, polo que pasaron Frei Benito Jerónimo Feijóo e Frei Martín Sarmiento.

"Un formato novidoso será o da visita ao barrio mariñeiro da Moureira, que tivo un importancia fundamental nos séculos XVI e XVII, durante o apoxeo do porto medieval pontevedrés", lembrou Moreda. "Nesta visita, ademais, colaborará o Gremio de Mareantes, que permitirá coñecer parte da documentación que conserva".

Dende que se puxo en marcha, a Semana do Patrimonio Invisible de Pontevedra organizou visitas guiadas a once espazos do concello.

Comentarios