lunes. 25.10.2021 |
El tiempo
lunes. 25.10.2021
El tiempo

A pegada de Galeano en Pontevedra

O escritor asinando exemplares dos seus libros en 2003 no hall do vello auditorio de Caixanova.
O escritor asinando exemplares dos seus libros en 2003 no hall do vello auditorio de Caixanova.
Eduardo Galeano visitou en dúas ocasións Pontevedra: en 1993 e en 2003. Nos dous casos fíxoo convidado pola Aula Castelao para participar na Semana Galega de Filosofía. Deixou unha profunda pegada en quen o tratou, asinou libros por ducias e desbordou auditorios ao seu paso. "Era pura poesía e sentimento", lembra Manolo Ayán

«Unha vacina contra a inxustiza, a impotencia e a indiferencia, un autor e un orador brillantes, un home comprometido coa palabra. Así lembro eu a Eduardo Galeano», explica Ramón Regueira. O fundador e primeiro presidente da Aula Castelao encadra a presenza do autor uruguaio na Semana Galega de Filosofía, ata en dúas ocasións, no compromiso que ese foro, que este ano celebrou a súa 32ª edición, tentou manter ao longo do tempo con América Latina.

Eduardo Galeano (Montevideo, Uruguay, 3 de septiembre de 1940 - 13 de abril de 2015) visitou Pontevedra en dúas ocasións: en 1993 e en 2003. Nos dous casos fíxoo convidado pola Aula Castelao.

«Na primeira ocasión encargouse de impartir a lección de clausura da Semana», lembra Regueira. «Foi unha conferencia impresionante». Segundo conta o mestre de Filosofía, Galeano comezou explicando que el aprendera a pintar da man de Castelao. «A pesar de recoñecer que non tiña cualidades, dicía sentirse ligado dende aquela a Galicia a través desas aulas de Castelao». Latinoamérica foi o tema central daquela primeira intervención de Galeano. «Lembro que, como adoitaba, empregou un conto para falar do tema. Era sobre uns cativos que, xogando nun monte de lixo, atopaban unha cousiña brilante coa que andiveron para arriba e para abaixo. Ao final, descubría que a cousiña brilante era un resto de uranio. Todo iso levábao el despois ao presente e ao futuro de Latinoamérica e do mundo».

irak. A segunda vez que veu Galeano, dez anos despois, fíxoo para intervir en dúas ocasións na XX Semana Galega de Filosofía. Aproveitando ese aniversario, a Aula Castelao celebrou un ciclo de conferencias especial no que participaron algúns dos pensadores máis destacados de todos os que pasaran ao longo de dúas décadas polo foro. Entre eles estivo o uruguaio, que ofreceu unha conferencia individual e participou nunha mesa redonda sobre a guerra de Irak xunto a James Petras, Celia Amorós, Alfonso Sastre e Adolfo Sánchez Vázquez.

«Na Aula Castelao sempre lle estaremos moi agradecidos», explica Ramón Regueira. «É certo que durante os dous ou tres primeiros anos, custounos traballo conseguir que a xente que queriamos viñera a Pontevedra. Non se nos coñecía. Despois foi todo máis sinxelo». Galeano non puxo ningún problema. «Portouse dunha maneira exemplar. Viña a falar a un sitio pequeno e descoñecido nun momento no que era xa un tipo de enorme fama e prestixio. É desas cousas que un recordará sempre con recoñecemento. Porque ademais nos dous casos veu coas intervencións perfectamente preparadas. Traía todo escrito, ordenado», indica Regueira, que lembra que, cando a Aula Castelao lle escribiu ao uruguaio, era xa un autor de referencia, entre outras cousas, por ‘Las venas abiertas de América Latina’. «Tiñamos todos lido e relido ese libro. Para nós era un santo laico. Nesta liña as dúas persoas que máis me impresionaron, de todas as que trouxo a Aula, foron Saramago e máis el. Saramago, todo un premio Nobel, permitiuse igualmente vir ata aquí sen poñer condición de ningún tipo».

O ex presidente da Aula Castelao di que Galeano era xa daquela «unha vacina contra a inxustiza, a impotencia e a indiferencia», algo que se mantivo inalterable ata a actualidade. Segundo di, «quizais o que habería que destacar era que se trataba dun home con principios, leal, coherente e que mantivo sempre un compromiso coa palabra». Regueira explica ademais que, da fonda pegada que deixou na Semana de Filosofía, falan os auditorios «que encheu a rebentar».

frechazo. O frechazo con Pontevedra e Galicia foi mutuo e total. Regueira lembra, como tamén o fai Manuel Ayán, que acompañou aqueles días a Galeano fóra dos seus compromisos coa Aula de Filosofía, que o autor aproveitou para presentar os seus libros en distintas localidades e coñecer un pouco o territorio. «Estivemos en Arcade, en Tui, en Cangas...». Regueira lembra por exemplo que lle chegou a adicar un poema a Xosé Manuel Beiras, incluído no libro-homenaxe ‘Á beira de Beiras’. Conta tamén unha das anécdotas máis coñecidas do escritor aquí. Segundo contaba el mesmo, en Ourense fixéranlle a máis importante crítica que tiña recibido na súa vida. Un home, imperturbable durante toda a conferencia, ao rematar díxolle: «ten que ser ben difícil escribir tan sinxelo».

Manolo Ayán lembra con agarimo o tempo que compartíu con Galeano en Pontevedra. «Era un home vitalista que gozou enormemente do seu paso pola cidade e do trato que mantivo cos veciños. Amaba a vida e os pequenos praceres: un partido de fútbol, un viño con amigos... Aquí mostrábase encantado de pasear e de participar do ambiente que se respiraba nas terrazas pola noite, por exemplo». Ayán lembra tomar cervexa con el en distintos espazos da capital da provincia.

«Galeano, ademais de ter ese pensamento fondo e comprometido, era pura poesía e sentimento», di Manolo Ayán. «Acababa engaiolando a todos os que o rodeaban. Vía as cousas cunha luz diferente».

«Era un home vitalista. Amaba a vida e os pequenos praceres: un partido de fútbol, un viño... Vía as cousas cunha luz diferente»

A pegada de Galeano en Pontevedra
Comentarios
ç