Esa pegada inevitable

Amelia Palacios rende homenaxe ao seu tío avó Antonio Palacios, no 150º aniversario do nacemento do arquitecto do Porriño, coa exposición Construír a paisaxe, que se pode visitar ata o 29 de setembro na Casa de Galicia. "O que quixen foi captar a esencia dos seus edificios"
A creadora pontevedresa Amelia Palacios nun recuncho da súa exposición na Casa de Galicia. ÁLEX VÁZQUEZ
photo_camera A creadora pontevedresa Amelia Palacios nun recuncho da súa exposición na Casa de Galicia. ÁLEX VÁZQUEZ

"Sempre debuxei a súa arquitectura", confesa Amelia Palacios sobre o interese co que constantemente se achegou á obra do seu tío avó Antonio Palacios. Os debuxos e bosquexos que ocuparon páxinas dos cadernos da artista pontevedresa saltan agora ás paredes da Casa de Galicia en Madrid, onde se pode visitar ata o 29 de setembro a exposición Construír a paisaxe. Apuntamentos e obras sobre a arquitectura de Antonio Palacios.

"É unha homenaxe", recoñece a pintora sobre a orixe desta mostra que quere converterse na primeira dunha serie de actividades que lembren a figura do porriñés no 150º aniversario do seu nacemento. A iniciativa partiu, segundo di, do Centro Gallego de Madrid e da Federación de Asociaciones Gallegas en Madrid (Fagama). 

Unha das obras de Amelia Palacios incluída na exposición 'Construír a paisaxe'.
Unha das obras de Amelia Palacios incluída na exposición 'Construír a paisaxe'.

"A que presento aquí é unha visión persoal, íntima, feita a través de apuntamentos e debuxos de obras súas", conta Amelia Palacios, que expón maioritariamente reproducións seriadas de pequenos bosquexos rescatados dos seus cadernos de artista. De feito, moitos deles foron realizados hai máis dunha década a título persoal, sen obxectivo ningún. "E iso é algo tamén moi bonito que ten esta exposición, que me levou a facer unha labor de mergullo no meu traballo na procura destes debuxos. Porque moitos non foron realizados coa intención de ser expostos nin, en realidade, con ningunha outra. E acabaron aquí. Mostrar este traballo tan persoal mesmo me produce certo pudor", revela. "Esa selección foi completada por outras obras realizadas recentemente para completar a mostra".

"A de Antonio Palacios é unha figura recorrente ao longo da miña vida pola que sinto un enorme agarimo e admiración"

Os estudos da obra de Antonio Palacios realizados pola artista foron feitos en distintos momentos por distintas razóns. "Ben porque me chamaban a atención, ben porque atopei algo distinto nelas...". O resultado é un achegamento á obra do arquitecto que, segundo a propia creadora, á parte de homenaxealo, pretende axudar a divulgar o seu traballo. 

Para Amelia Palacios a figura do seu tío avó é a de alguén que sentiu preto dende sempre. "Estivo moi presente na casa, nas conversas, nun tratar de coñecer e achegarnos á súa obra con respecto e interese. Eu levo o nome da súa irmá, Amelia, que é algo que sempre me fixo especial ilusión", confesa. "É unha figura recorrente ao longo da miña vida pola que sinto un enorme agarimo e admiración".

Ese vínculo familiar co arquitecto define en grande medida os seus debuxos. "Non están centrados en captar os detalles da súa arquitectura nin os seus pormenores. Penso que debuxo como pinto, tratando de captar a esencia do que vexo. Así que, máis que nada, o que quixen foi captar a esencia dos seus edificios". E esta cuestión está directamente relacionada co título da mostra, Construír a paisaxe. Porque na esencia da obra de Palacios está formar parte dunha paisaxe. "Parecíame moi relevante tratar de remarcar o feito de que non nos deixou simplemente uns edificios verdadeiramente asombrosos pola súa calidade e pola súa beleza, senón que tamén tivo sempre esa intención de facer cidade. Así é que hoxe en día é imposible non pensar nos seus edificios cando se pensa en Madrid". O remate do Círculo de Bellas Artes é un dos exemplos que pon a creadora. Tamén o Palacio de Comunicaciones. O skyline madrileño está en boa medida definido por Antonio Palacios. "A súa é esa pegada inevitable que vai dende as súas grandes obras ata o seu traballo no Metro. Está en cada esquina de Madrid".

Amelia Palacios encoméndase á conmemoración do aniversario do arquitecto para que o conxunto do seu legado acade a protección debida. "Oxalá sirva para iso. Sería moi bonito. Porque aínda temos por aí obras degradándose que precisan ser intervidas".

O arquitecto do Porriño que modelou Madrid
Antonio Palacios Ramilo naceu no Porriño o 8 de xaneiro de 1874 e finou en Madrid o 27 de outubro de 1945. Tras estudar na capital de España afincouse alí e alí desenvolveu a súa carreira (Palacio de Comunicaciones, Círculo de Bellas Artes, sede do actual Instituto Cervantes), aínda que mantendo os seus vínculos con Galicia (era asiduo do Pazo de Lourizán). Aquí tamén deixou a súa pegada (Teatro García Barbón, Virxe da Rocha), especialmente na provincia de Pontevedra. Os seus restos foron trasladados ao Porriño en 1976.

Comentarios