Os Peña Novo poñen o foco na música, na ciencia e na educación

Rodrigo Romaní, María Luísa Castro e Nova Escola Galega reciben en Soutomaior os premios polo uso do galego 
Susana Seivane tocando ante os tres premios Lois Peña Novo deste ano (ao fondo). ANXO LORENZO
photo_camera Susana Seivane tocando ante os tres premiados cos Lois Peña Novo este ano (ao fondo). ANXO LORENZO

O músico Rodrigo Romaní, a bióloga María Luísa Castro e a asociación Nova Escola Galega recibiron este xoves os XXVI Premios Lois Peña Novo no Castelo de Soutomaior. Os galardóns, que entrega anualmente a fundación co mesmo nome, recoñecen o uso do galego por parte de persoeiros e institucións. O acto, que se celebrou no patio de armas do castelo, contou coa actuación de Susana Seivane e coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

No caso do arpista Rodrigo Romaní, o xurado do certame destaca que se trata dun "embaixador da música tradicional galega no mundo con máis de 40 anos de impecable traxectoria creando referentes no imaxinario colectivo galego" primeiro como integrante do grupo Milladoiro e despois como director do Conservatorio de Música tradicional en Vigo. Romaní, que tamén é director do proxecto musical Sondeseu, é recoñecido "como divulgador e defensor do patrimonio musical galego e por ter sementado galeguidade a milleiros de alumnos e alumnas". 

A entrega de premios contou coa actuación da gaiteira Susana Seivane e coa participación do secretario xeral de Política Lingüística

Respecto á bióloga e experta en micoloxía María Luisa Castro Cerceda, o xurado resalta que exerceu "un maxisterio socrático de galeguidade diante dos centos de alumnos que a través das súas aulas se formaron en lingua galega" na Facultade de Bioloxía e Ciencias do Mar da Universidade de Vigo. "Defensora do uso da lingua galega no eido científico, co seu traballo ten contribuído á galeguización dun sector onde o uso da nosa lingua é minoritario", sinala a acta dos galardóns.

Finalmente, os premios distinguiron tamén este ano á asociación Nova Escola Galega por "tratarse dun colectivo da sociedade civil que dende 1983 vén traballando coa finalidade de construír un sistema educativo en galego, público e democrático". Tamén destaca o xurado o impacto das súas accións na administración. "O seu traballo ten incidido enormemente a través dos anos no ámbito da administración pública frenando con accións moi concretas políticas desgaleguizadoras". 

O xurado dos premios estivo conformado este ano polo catedrático de Física aplicada da USC Jorge Mira; a avogada e presidenta da Fundación Vicente Risco, Celia Pereira; a avogada Ana Mosquera e o xornalista Martín Fernández Vizoso. A secretaria da Fundación Peña Novo, Carme Pérez Vaquero, tamén actuou como secretaria do xurado.

Comentarios