Martes. 18.09.2018 |
El tiempo
Martes. 18.09.2018
El tiempo

Pepe Solla: "Os meus pais eran a bomba"

Pepe Solla e Rodrigo Cota durante a charla que mantiveron na Casa das Campás
Pepe Solla e Rodrigo Cota durante a charla que mantiveron na Casa das Campás
O cociñeiro Pepe Solla é entrevistado por Rodrigo Cota na terceira xornada do ciclo 'Conversas na UVI', que organizan Diario de Pontevedra e a Universidade de Vigo

"Como foi isto de meterte a cociñeiro? Recibiches unha chamada vocacional como unha monxa?". Rodrigo Cota interesábase pola orixe do Pepe Solla chef. "Isto é un traballo como calquera outro. Un restaurante é unha empresa, só que en vez de facer parafusos fai comida. Ser cociñeiro non é nada especial nin diferente ao que pode significar ser mestre ou avogado", contestaba o seu interlocutor. "En realidade na vida todo é cuestión de actitude. Eu atopeime con este traballo e decidín que o ía facer o mellor posible".

O responsable de Casa Solla, o restaurante de Poio que mantén a distinción dunha estrela Michelin dende hai máis de 30 anos, foi entrevistado onte polo escritor e columnista Rodrigo Cota na terceira xornada do ciclo ‘Conversas na UVI’, que organizan Diario de Pontevedra e a Universidade de Vigo e que se celebra na Casa das Campás.

Amigos dende cativos ("deume unha pedrada na cabeza cando tiñamos cinco anos e iso une moito", bromeou Cota), repasaron a traxectoria do chef, as súas referencias familiares e a importancia mediática que foi gañando a cociña nestes últimos anos. "Temos unha conversa pendente dende hai 30 anos, Pepe", comezou dicindo Cota. "Así que o primeiro que che vou preguntar é: como che foi neste tempo, tío?".


NEGOCIO. Solla explicou que foi case de casualidade que acabou encargándose do negocio familiar. "Meus pais tiñan un restaurante, pero eu nunca pensei que me ía acabar adicando a isto. Nunca fun bo estudante", confesou o cociñeiro. "Eu tampouco, por culpa túa probablemente", aproveitou para chancearse Cota. Segundo contou o cociñeiro, cando empezou a axudar no restaurante, xa de adulto, foi cando se decatou de que aquilo lle gustaba. "Nunca pensara seriamente en quedar con el, pero así acabou pasando, consciente de que isto non é un medio de vida, é unha forma de vida".

Pepe Solla lembrou que cando el se fixo cargo de Casa Solla, en 2003, xa levaba anos recibindo a estrela Michelin (dende 1980). "Meus pais tiñan un grandísimo restaurante", dixo. "Pero o certo é que daquela ter unha estrela Michelin non tiña tanta repercusión nos medios".

O cociñeiro lembrou o momento no que decidiu facerse cargo do negocio e cambiar os conceptos que o rexeran ata ese momento decantándose pola denominada ‘nova cociña’. "Cando eu comecei nisto, a vida útil dun restaurante era de 40 anos. Agora, nas grandes cidades, é de 10. Algo completamente fugaz", explicou. "Por iso, para que durase, eu sabía que facer un cambio era necesario. Un restaurante asóciase a unha cara. Se eu seguise facendo o que facía meu pai habería un choque. Tiña que facer outra cousa".

Solla insistiu ao longo da conversa na importancia que tiveron seus pais na súa vida. "Eu son quen son grazas a quen me deixou ser", dixo. "Aínda que non sei se poderei ser algún día tan grande como foron meus pais". Máis tarde, na quenda de preguntas, volvería sobre o mesmo: "Os meus pais eran a bomba".


TELEVISIÓN. Rodrigo Cota preguntoulle ao chef pola súa opinión sobre o momento tremendamente mediático da cociña. "Para min é marabilloso", indicou. "Hai que pensar en por que pasa isto, por que existe tanto interese. Non creo que sexa unha moda pasaxeira. Ata os realitys axudan a divulgar a cociña e iso é o máis importante".

Solla, que participou algunha vez en Masterchef, cre que o grande éxito deste tipo de produtos reside en que o mundo da cociña é accesible para o público. "Este ‘boom’ está fundado porque, á fin e ao cabo, estamos facendo algo que despois fai todos os días todo o mundo na súa casa: cociñar. Non é como a Fórmula 1. A ti pódeche gustar moito Fernando Alonso, pero iso que el fai moi pouca xente no mundo pode realmente acabar facéndoo. Non é próximo. Pero se eu che ensino a facer un prato é outra cousa, ti pódelo facer ao día seguinte na casa".

Cota preguntoulle polo programa de Chicote en particular. "Esa realidade que mostra existe. Está aí. O programa de Chicote é como o ‘Callejeros’ da cociña".

Pepe Solla fixo tamén unha defensa da importancia das viaxes na vida dun chef. "Un cociñeiro necesita viaxar. Eu son súper galego, pero a cociña necesita influencias externas para poder avanzar, por suposto sen perder a súa identidade. Na cociña non podemos ser talibáns".

Conversas na UVI’, que comezou no mes de marzo cunha charla entre Ramón Rozas e Miguel Fernández-Cid e continuou en abril con Adrián Rodríguez enfrontándose a José Rivas Fontán, proseguirá o martes 26 de maio da man do avogado e columnista de Diario de Pontevedra Bernardo Sartier, que entrevistará Valentín García Bóveda, neto de Alexandre Bóveda. A cita, como o resto das charlas do ciclo, terá lugar ás 20.00 horas na Casa das Campás e a entrada será libre e gratuíta.

Pepe Solla: "Os meus pais eran a bomba"
Comentarios