Pequena biografía de María Victoria

 A pontevedresa Joanna Lorenzo debuta na literatura infantil cun libro sobre a homenaxeada o Día das Letras Galegas 

Carlos Taboada, Joanna Lorenzo e Enrique Mauricio, de esquerda a dereita, cos seus novos libros. OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera Carlos Taboada, Joanna Lorenzo e Enrique Mauricio, de esquerda a dereita, cos seus novos libros. OLGA FERNÁNDEZ

"Hai xente que non está contenta co seu traballo, pero para min a aula sempre foi unha festa. E eu a festa non a perdía". A cita é de María Victoria Moreno. Aparece orixinalmente nunha entrevista de 2005 publicada no Diario de Pontevedra. Joanna Lorenzo escolleuna para abrir a biografía para nenos que fixo na honra da homenaxeada o vindeiro Día das Letras Galegas. É o seu debut na literatura infantil.

"Nós queriamos que a colección 'Mulleres galegas' servise tamén para que publicasen escritoras e ilustradoras", contan o escritor Enrique Mauricio e o ilustrador Carlos Taboada ('Polo correo do vento'), responsables do proxecto e autores dos dous primeiros títulos da serie (adicados a Ángeles Alvariño e a Maruja Mallo). As obras publícanse en Lela Edicións, un selo creado, a finais de 2016, por Taboada e súa parella, Joanna Lorenzo.

Eles mesmos, "fuxindo da choromicada", se encargan da distribución. "E, por agora, está funcionando moi ben. Estamos moi contentos". Co libro sobre María Victoria Moreno, Lorenzo involúcrase por completo na proposta asinando esta "pequena biografía", que é como lles chaman. Acompáñaa como ilustradora Tania Solla. "Fixeron un traballo extraordinario", apuntan os dous membros de 'Polo correo do vento'.

"Dende o principio pensamos en sacar adiante Lela Edicións, máis que como negocio, como unha oportunidade de apostar por cousas que nos gustaban: libros bonitos e interesantes que fosen asequibles para todo o mundo. A marabilla foi ver que existía unha demanda", conta Joanna Lorenzo. "Eu ata agora só escribira para min, pero foi unha experiencia bonita e a conexión con Tania, inmediata. O meu obxectivo era que fose un texto para nenos, si, pero sen caer en tópicos e no que se contase a verdade. Penso que quedou un libro moi especial".

Comentarios