Perfecto Souto: "Hai moita historia de Pontevedra que está sen traballar na literatura"

A partir do descubrimento real do miliario da Ponte do Burgo en 1988, o pontevedrés Perfecto Souto monta un thriller de carácter histórico en Stricta Fvnis, a novela coa que debuta na narrativa. O arqueólogo Antonio de la Peña inspira o que é o personaxe central da obra, Arsenio de las Piedras Santas.
Perfecto Souto xunto á réplica do Miliario de Adriano que se instalou na Praza García Escudero. RAFA FARIÑA
photo_camera Perfecto Souto xunto á réplica do Miliario de Adriano que se instalou na Praza García Escudero. RAFA FARIÑA

Diario de pontevedra aparece nas páxinas de Stricta Fvnis, a novela coa que debuta na narrativa Perfecto Souto (Pontevedra, 1965). O xornal é un dos detalles reais dos que se serve o autor para montar unha ficción sobre o pasado da vila. Este é o primeiro título dunha triloxía. 

De que trata Stricta Fvnis
É unha novela escrita en dous tempos: a época actual e a época romana, concretamente o ano 217. A historia está baseada nun feito real, as escavacións que en 1988 levou a cabo o arqueólogo Antonio de la Peña na Ponte do Burgo. Eu elucubro co que tería pasado de terse atopado alí algo extraordinario: uns osos. Aí empeza unha investigación sobre a quen pertencerían.  

O propio Antonio de la Peña é o autor do prólogo da novela.
Efectivamente. El brindouse a prologar a obra e eu estiven encantado de que o fixera porque para min sempre foi un referente. Cando se pecharan aquelas escavacións foi unha decepción para moita xente. Nunca se puido acabar de estudar o que podía haber nese espazo. A min todo aquilo sempre me seguiu dando voltas na cabeza. Nesta novela saqueino todo fóra. 

E a historia vai ter continuidade.
Non exactamente. Teño pensado escribir unha triloxías coas aventuras do personaxe protagonista, Arsenio de las Piedras Santas, que concibín como un alter ego de Antonio de la Peña. Pero contando historias diferentes. Sobre Pontevedra, pero distintas. Esta desta novela remata aquí.

A novela ten parte de thriller e ten parte de investigación histórica. Ten algo de novela de viaxe. E ten algo de amor tamén.

E está pensada como un thriller histórico?
Ten parte de thiller, aínda que eu diría que non o chega a ser de todo. Ten parte de investigación histórica. Tan algo de novela de viaxe. E hai algo de amor tamén.

Nas páxinas de Stricta Fvnis aparece o Diario de Pontevedra.
Para dar a coñecer os achados que fan os arqueólogos móntase unha rolda de prensa e alí vai Ramón Rozas, do Diario de Pontevedra. Tamén menciono a José María Muñoz, que foi o que escribiu no periódico as noticias relacionadas coas escavacións. 

Vostede sabe ben o que é facer descubrimentos. Formou parte o ano pasado do equipo que achou un astrolabio, datado entre os séculos XVI e XVII, na ría de Viveiro (Lugo).
Efectivamente. Eu formo parte do Equipo de Patrimonio Cultural Sumergido del Norte, creado pola Federación Española de Actividades Subacuáticas para colaborar na prospección do Norte de España. En Viveiro fixemos varias campañas e a do astrolabio converteuse na descuberta estrela dese espazo. A nivel mundial consérvanse 108. Foi un bombazo. Tocamos o ceo, publicacións en National Geographic incluídas. Pero eu son fotógrafo submarino dende hai moitos anos.

A historia de Pontevedra é unha fonte da que a ficción podería beber máis?
Eu, de feito, na segunda novela volverei a ela. Hai moita historia de Pontevedra que está sen traballar na literatura. Daría para moitas novelas máis.


A PRESENTACIÓN: NO BORONA
Perfecto Souto presentará ‘Stricta Fvnis’ o 9 de abril (19.00 horas) no Borona (Curros Enríquez) xunto ao arqueólogo Antonio de la Peña e o cantautor Daniel Gómez. Ademais acompañarano uns actores interpretando a algúns dos personaxes romanos reais que aparecen na novela. O escritor tamén presentará a obra en Lugo (día 14) e Viveiro (16).

Comentarios